vigo

A Deputación promove parques forestais con ata 4 millóns

César Mosquera.
photo_camera César Mosquera.

 A Deputación aprobará este luns en xunta de goberno unha nova convocatoria de subvencións a concellos destinadas á mellora dos montes da provincia mediante a creación de parques forestais. Segundo anunciou o vicepresidente César Mosquera “non se escatimarán esforzos” económicos:  inicialmente haberá un orzamento de 1.500.000 euros que será ampliable ata catro millóns de haber solicitudes.
O vicepresidente Mosquera destacou que a Deputación, logo de producirse a última vaga de lumes, recibiu moitas solicitudes verbais de potenciar esta liña de axudas a montes, polo que se puxo en marcha a tramitación para a convocatoria. “Temos que mellorar e cambiar o carácter do monte da provincia. Xerar actuacións para ordenar, poñer en valor e potenciar a residencia ao lume: que non prenda e que se prende non se estenda. Non imos escatimar esforzos porque o estado dos nosos montes é o peor problema ambiental de Galicia e en particular das Rías Baixas”, insistiu o nacionalista.
Mosquera lembrou que no anterior plan foran 10 concellos os beneficiados polas axudas, coa presentación de 16 peticións para redacción de proxectos e sete para a creación práctica dos parques. As bases da nova liña de axudas terán pequenas modificacións con respecto ás anteriores: reduciranse os trámites burocráticos para as cesións dos terreos por parte das comunidades de montes aos concellos, e reducirase ata 30 hectáreas a extensión mínima na que crear os parques forestais. “Entendemos que esta redución non permite actuar en zonas verdes ou buscar a creación de parques infantís, o que non é o obxecto que pretendiamos, senón que permite actuar en áreas interesantes que teñen potencialidades como monte aínda sendo menores en tamaño que as 50 hectáreas que se pedían antes”, subliñou o vicepresidente. 
En canto ao financiamento, Mosquera destacou que a contía será “moito máis xenerosa” que na primeira convocatoria. De feito, a liña de subvencións terá 1,5 millóns de euros de inicio, co compromiso de que se hai solicitudes ampliarase ata os tres ou catro millóns de euros ao incorporar os remanentes de crédito deste ano ao orzamento de 2018. “Este ten que ser un paso decisivo”, subliñou o nacionalista.

Te puede interesar