vigo

A Deputación oferta 20.000 prazas para rutas no verán

A presentación das rutas da Deputación para este verano.
photo_camera A presentación das rutas da Deputación para este verano.

Os participantes poderán percorrer nun día rutas temáticas, culturais, adaptadas, dinámicas ou interxeracionais.

A xunta de goberno da Deputación vén de aprobar a adxudicación do contrato para a xestión, desenvolvemento e execución do programa “En ruta coa Depo”, promovido polo servizo do Cohesión Social e Xuventude. En concreto, a empresa que se encargará da posta en marcha desta actuación será Halcón Viajes, ao obter a máxima puntuación no concurso público.
“En ruta coa Depo” trátase dun programa que ten por finalidade crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Por outra banda, tamén oferta rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.
“En ruta coa Depo” oferta ata un máximo de 20.000 prazas para gozar dun día coñecendo diferentes lugares da provincia de Pontevedra, acompañados dunha persoa como guía e incluíndo o xantar e o transporte. A institución provincial preparou un total de 32 alternativas de “En ruta coa Depo” divididas en rutas temáticas, culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais. 
As rutas temáticas do programa “En Ruta coa Depo” ofertan seis alternativas para as entidades.  A primeira delas, denominada camelias do Sur, percorre o Parque Quiñones de León e do Castro en Vigo e o Castelo de Soutomaior. A alternativa, denominada prehistoria, percorre os concellos de Vilaboa, para coñecer a mámoa do Rei; Moaña, para visitar o dolmen de Chan de Armada e Chan de Arquiña, e Redondela para descubrir a mámoa de Monte Penide. A quinta traslada ás entidades ata Poio, para visitar o Parque arqueolóxico da Caeira, e Marín, para coñecer os petróglifos de Mogor e o Castro da Subidá. A última permite descubrir edificios da Deputación.

San Simón, Cíes ou o Castro

En canto ás rutas culturais trátanse de 13 alternativas que permiten coñecer atractivos turísticos de concellos como Cambados; Salvaterra ou Arbo.
Tamén hai  alternativas marítimas. A primeira delas por Arousa, visitando a illa da Toxa, paseando en barco pola ría con degustación a bordo e coñecendo o Museo da Salga do Grove e o xacemento da Lanzada.  A segunda alternativa consiste na visita á  Illa de San Simón, ó Museo Meirande, Redondela,o Castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio. A terceira ruta marítima levará ás entidades ata as Illas Cíes así como ata o conxunto histórico de Vigo e o barrio mariñeiro do Berbés. A última alternativa achegará ás persoas participantes ata a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.
As rutas adaptadas ofertan tres alternativas para persoas con mobilidade reducida. A primeira delas por Vigo, percorrendo o centro arqueolóxico Vila Romana de Toralla, así como o parque de Castrelos, o conxunto histórico e a zona do Náutico. A segunda alternativa, por Baiona e o seu conxunto histórico, a Casa da Navegación e os paseos de Monte Boi e marítimo. A última ruta, por Pontevedra, achega ás interesadas e interesados ó conxunto histórico da cidade.
En canto ás rutas dinámicas a Deputación propón tres ofertas. A primeira delas en Nigrán, realizando surf ou kaiak nas praias de Patos e A Madorra e incluíndo visita ó templo votivo e o arco de Panxón, ó faro de Punta Lameda e ó miradoiro de Monteferro. A segunda ruta, polo Morrazo, levará ás persoas participantes ata a praia de Liméns para montar en kaiak e percorrerá a costa da Vela, Cabo Home, as praia de Melide e Barra e O Facho. A última das alternativas dinámicas é pola Illa de Arousa. A ruta interxeracional, por Vigo, transcorre polo parque do Castro, Vigozoo e a ruta etnográfica de Zamáns. 

Te puede interesar