VICTOR F. FREIXANES Recén nomeado presidente da Real Academia da Lingua

“Para defender o Galego non hai que estar contra dos outros idiomas;  trátase de sumar”

photo_camera Víctor Freixanes, trala súa elección, co antecesor, Alonso Montero.

Víctor F. Freixanes (Pontevedra, 1951) volve a estar de actualidade.

Escritor de referencia, profesor universitario e director de Galaxia ata decembro pasado, posto que deixou tras anos de adicación, asume agora a presidencia da Real Academia da Lingua, tras se presentar como único candidato e ser elixido co apoio de 19 dos 25 académicos. Afincado en Vigo dende hai anos, onte, tralo rebumbio do seu nomeamento, valorou para este medio, o paso que acaba de dar.

Cando hai uns meses deixou Galaxia asegurou que mercaba tempo para seu. Como foi que virou o rumbo?
Non son quen de torcer a cara e mirar para outro lado cando hai unha situación na que podo axudar. Levo dende os 19 anos na defensa do galego e ao chegar os 65 pensei que era tempo de deixar a miña actividade empresarial e ir despedíndome da Universidade, de onde marcharei en agosto. Eu era dos que defendía unha continuidade de Alonso Montero ou pola contra, a miña candidata a sucedelo era Rosario Álvarez. Era unha oportunidade moi boa de dar visibilidade a unha muller, un xeito de recoller a bandeira que levou Rosalía de Castro no Rexurdimento. Pero entre unhas cousas e outras, non puido ser, e eu era quen reunía máis apoios para encabezar un proxecto para avanzar xuntos.


De feito a elección foi case que unánime.
Tiven 18 votos a favor e un en contra, precisamente procedente dun bo amigo que o xustificou dicindo que “as maiorías nunca son boas”. Houbo tres ausencias xustificadas, dúas por enfermidade e outra, a de Manolo Rivas, por se atopar en Barcelona. O que me deixou ben amolado é que os discrepantes non viñesen ao debate; cabréanse e non acoden; esa non é forma. Ao final foron seis contra 19. De tódolos xeitos quero contar con todos, xa que temos que apretar filas pola causa da lingua. Amais das institucións, hai que implicar á sociedade civil no uso do galego, ao mundo da empresa, pero fundamentalmente á comunicación. O debate está nos medios e nós temos que ter o noso lugar.


A postura ante certas políticas lingüísticas creou discrepancias no seo da Academia. Tamén aí pechará filas?
Dentro da Academia hai un clima de colaboración. Si existen discrepancias, pero non con respecto á postura fronte ás outras administracións. A Academia non é responsable das políticas lingüísticas; non as pode deseñar, pero ten que velar porque o galego non sexa violentado, nen marxinado e que ocupe o lugar que lle corresponde. É unha institución adicada ao estudo, á defensa e á difusión da lingua. A súa forza radica na capacidade científica. Defendo o espírito do diálogo. Sempre que hai vontade se atopa un denominador común. Ás veces queremos ir a 200 kilómetros hora, pero só avanzamos a 20.


A súa candidatura contou co apoio explícito do seu antecesor. Marca isto unha liña continuista?
Seguirei esa liña polo gran valor que tivo o equipo anterior, que fixo un esforzo enorme nun momento delicado da Academia. Foron catro anos moi duros, cun presidente Xesús Alonso Montero, que con 88 anos, foi un exemplo de xenerosidade, ilusión e compromiso. Fixéronse moitas cousas ben ata agora e antes: o Portal da Lingua Galega; a Primavera das Letras, as revisións pedagóxicas ou a creación da web como un novo formato para chegar á xente. O galego ten que conquistar as novas tecnoloxías, presentando ferramentas para que os cidadáns poidan participar na institución.


Que papel ten que xogar a RAG?
Ten que ser onde a sociedade se atope coa lingua, porque o noso idioma é un patrimonio que moitos pobos non teñen. Para defender ao galego non hai que estar en contra dos outros idiomas. Trátase de sumar.

Te puede interesar