PEDRO FEIJOO Escritor vigués que presenta “Camiñar o Vigo Vello”

“A constante da nosa historia é afirmar que en vigo non temos historia”

Pedro Feijoo falou do seu libro “Camiñar o Vigo Vello”
photo_camera Pedro Feijoo falou do seu libro “Camiñar o Vigo Vello”

 A Casa Torre de Ceta e Arines foi o lugar escollido por Pedro Feijoo para presentar onte o seu libro “Camiñar o Vigo Vello”.

Este casa señorial gótica, a única edificación civil que se conserva do século XV no Casco Vello, é unha das xoias destacadas na súa publicación, escrito do que falou para os lectores de Atlántico Diario.

“Camiñar o Vigo Vello” é unha guía urbana, unha homenaxe a Vigo, o pago dunha débeda á cidade?
Un pouco de todo, pero o primeiro é un convite a saír a pasear e camiñar sen ter o prexuizo de que o sabemos todo, tentar redescubir Vigo. Polo lado persoal, é cumplir coa miña parte do trato e devolver todo o que me deron, todo o que aprendín co meu avó. Os coñecementos non saen gratis.


E ao seu avó, o xornalista Manuel de la Fuente, a quen lle adica esta publicación.
É unha adicatoria con moita intención. Quero recoñecer o seu labor e o de personaxes como Pedro Díaz, un profesor de primaria que sentía devoción pola cidade e trasmitíalla aos seus alumnos. A Deputación recolleu estos paseos en “La caracola de piedra”.


É un libro cheo de documentación que reflicte un importante traballo de investigación. Foi a preparación das súas dúas novelas ambientadas en Vigo?
É o resultado de todo. O meu avó é o primeiro que me pon na pista e o que me transmitíu o interese pola cidade. Cando era neno pasaba moitas horas co meu avó, que non me levaba a parques infantís, senon aos arquivos a buscar información e partidas de nacemento. Logo fun eu  o que dexei moitas horas entre papeis, volvín a ler aos cronistas, aos oficiais como Taboada Leal o Espinosa, pero tamén a José Santiago ou a Amador Montenegro. 


Por que resulta tan complicado sacar á luz o pasado de Vigo?
A constante da nosa historia é afirmar que en Vigo non temos historia. Murguía esforzábase en negar noso periodo medieval. O último responsable deste sentimento é desarrollismo salvaxe do urbanismo e o aluvión de xente de fóra. A cidade medrou a moita velocidade. Agora xa chegou o tempo das xeracións que nacemos aquí e  mudou a mentalidade.


Antes de comezar o percorrido quere deixar claro os lindes do Casco Vello e designa a contorna do castelo de San Sebastián coa toponimia Barrio Alto, un nome cuestionado por algúns. De que fontes o recolle?
Os primeiros que me falan do Barrio Alto como tal son os do colectivo Fai Rúa. Logo atopeino en escritos de Pedro Díaz. É certo que ten máis lóxica falar dunha parte alta tomando como referencia á rúa Real, por exemplo, máis que Elduayen que non se abríu ata o 1900.


Precisamente Elduayen amplíou a antiga rúa de Sombrereiros. Tamén se fai eco doutros oficios vencellados a unha localización concreta. Consérvanse na actualidade estas referencias?
Pensei que ía a atopar máis. Non quedan moitos testemuños gremiais. Non hai constancia de locais de actividade nin en Sombrereiros, nin en Ballesta. O caso de Cesteiros é diferente. Tanto a nomenclatura como a presenza destes artesáns son recentes, dos anos 80. Antes era a rúa Amargura. Tampouco existen moitos datos do paso da Inquisición, pero tiña que haber  algún oficiante ou algunha sede na rúa Cruz Verde. O mesmo pasou coa casa do francés, cústoume atopala. Ata os anos 60 coñecíase así a residencia do gobernador galo, pero cambiou de propietarios. Non queda máis que a oralidade.


No escrito alerta de que se está perdendo moita memoria da cidade. Segue a tendencia?
Xa se perdeu moito, dende a villa de París oa mercado da Laxe; agora quérese recuperar. Eu dou un aviso para que non nos deixemos levar por esa inercia, non podemos baixar a garda.


Aínda que non se trata dunha novela de ficción, Simón e Mariña, os personaxes das súas tramas si están moi presentes. É un engache para o lector?
Utilizo os personaxes con intención, como un medio para espertar o interese e mover á xente á coñecer as localizacións da novela. Se identificarse cos eles axúdalles a valorar á cidade, está ben. Pasei pola Concatedral e atopei a Antonio, o esmoleiro que me inspiró a Antón de “Os fillos do lume”. É de Córdoba, pero leva décadas pedindo na porta da igrexa, fala delos como se se tratase dunha praza fixa. Pois, Antonio comentábame que agora hai moita xente que se para  a mirar nas pedras da entrada da Concatedral, onde eu coloquei na miña novela a caixa cos documentos históricos.


Ao final mextúrase a realidade coa ficción.
Con este libro non pretendo crear cátedra. Busco picar e provocar a curiosidade. Un dos problemas nas crónicas,é que a pouco que investigues nótase que chegado un punto se copiaban uns a outros: as conclusións de Álvarez Blázquez repetíase unha e outra vez.
Para acabar, cal é o seu recuncho preferido do Casco Vello?
Teño moitos, pero me quedo coa praza do Abanico. Alí estaba a casa da collona e cando recuperaron a zona, consultaron aos veciños que nome querían e votaron manter Praza da Collona. Paréceme bonito que a historia dun burdel trascendese a unha expresión popular e que se manteña na memoria.n

Te puede interesar