JOSÉ CABALEIRO Sindicalista da CIG, funcionario do Concello, que se xubila

“O concello cambiou moito dende Soto, hai outra relación sindical, non aquelas pelexas”

José Cabaleiro xubílase despois de 37 anos no Concello.
photo_camera José Cabaleiro xubílase despois de 37 anos no Concello.

O histórico sindicalista do Concello de Vigo, José Cabaleiro (Teis, 1955), xubílase. O 3 de marzo cumpre 63 anos dos que 37 pasounos no Concello, onde chegou o 1 setembro de 1981.

Daquela xa militaba na Intersindical Nacional Galega (ING) procedente do Sindicato Obreiro Galego (SOG), ao que se afiliou ao chegar da mili en Ceuta, ademáis de militar na UPG. Foi o primeiro responsable da CIG no Concello de Vigo e foi presidente do comité de persoal 14 anos. Emociónase e moito ó lembrar cando a plantilla do Concello fixo colecta para pagar o soldo de parte do comité que fora expedientado e suspendido de emprego e soldo seis meses tras do asalto a alcaldía sendo Manuel Pérez alcalde. O vindeiro 9 de marzo os seus compañeiros réndenlle unha homenaxe cun xantar no restaurante Caupona en Valladares.
Como chegou ao Concello de Vigo?
Daquela traballaba na construción, primeiro nunha empresa en Coia, logo en Dragados y Construcciones e un día escoitando unha entrevista co daquela alcalde Manuel Soto dixo que saían unhas prazas de peóns. Era setembro de 1981 e entraron 40 peóns e unha vintena de condutores. O primeiro traballo foi no lixo, logo se privatizou, pasei a barrendeiro, logo axudante de xardíns e vía outra promoción interna a enterrador do cemiterio de Teis. Incorporeime ao choio tres ou catro anos pero despois me liberei.
37 anos son moitos anos.
Marcho, estou moi canso, esto queima moito, aínda que é gratificante conseguir cousas para os traballadores. Xa non estou para estas cousas. Aquí hai moito choio e eu negocio todo o sur de Pontevedra, pero estou canso. Ten que incorporarse xente nova. Eu aquí no Concello xa din o relevo hai oito anos. Os tres convenios que hai no Concello negocieinos eu como presidente do comité o último con Manolo Pérez, que xa venceu no 2002. 
Con que alcalde lle foi mellor para negociar?
Con Manolo Pérez. Con Caballero non nos vai mal, ten un concelleiro do que non temos queixa. Vigo é un Concello económicamente saneado e non hai razóns para dicir o contrario. O ambiente cambiou moito dende Soto, hai outra relación sindical, non hai aquelas pelexas diarias que me tocou vivir. Hai unha relación sindical máis distendida, máis afable. Cambiou moito.
Mudou a forma do goberno de entender a relación co comité de persoal.
Hai moi boa relación, non hai queixa. As diferenzas son máis de tipo burocrático, de que as cousas van lentas, que diferencias reais, de fondo.
Como evolucionou o traballo dos sindicalistas no Concello?
No tema informático, na forma de comunicarnos cos traballadores. Lémbrome que antes levaba semanas porque había que ir a imprenta e agora vai todo no ordenador e no correo electrónico, cambiou  moitísimo é moito máis fácil chegar ó persoal. Ata non hai nóminas, daquela fora un logro sindical que a nómina fora confidencial nun sobre pechado.
Cal foi o principal logro para os traballadores do Concello?
O económico. Nós temos no Concello unha plantilla hipercrítica, pero si no Concello de Vigo os incrementos salariais foran so os que deu o Goberno e non os que se negociaron aquí hoxe a maioría, un peón o un axudante, non chegaría ós 1.000 euros e estan por riba. Incluso o plan de pensións foi unha mellora importante. Temos un convenio que venceu en 2002, pero tamén é certo que calquera mellora lexislativa que hai vaise aplicando.
E a principal perda?
Perdemos un tema importante, xa no seu día con Gil Sotres e Manolo Pérez, o participar na selección da mutua de accidentes, para mín foi unha conquista que se perdeu, aínda que parece que se vai recuperando porque nos piden a nosa opinión para o prego de condicións.
Cal foi o momento máis duro?
O asalto á alcaldía sendo alcalde Manolo Pérez. Paseino moi mal. Lémbrome que foi un venres. A asamblea decidiu volver á alcaldía, aínda que eu defendía que non, e alí foron. No convenio tiñamos pactado un aumento salarial e ese ano entrou Aznar coa súa conxelación salarial e Pérez, como home disciplinado, a aplicou. E que si, que non, que si, que non. Convocouse asamblea, votamos, perdín a votación e a xente defendeu seguir montando lío, interrompir o pleno e chegar á alcaldía. Lémbrome que cheguei a casa coa Ser posta e oíanse os golpes na alcaldía. Esa  fin de semana paseino mal, mal, mal. Manolo Pérez puxo expedientes disciplinarios enriba da mesa, con propostas de despidos. Ahí tivemos unha axuda moi importante de Agustín Malvido, o noso secretario comarcal daquela (da CIG). De feito nos sancionaron a unha parte do comité con seis meses de emprego e soldo, que quedou en tres e perdemos o xuízo no Contencioso. Pero unha cousa que me encheu de orgullo é que esas catorce persoas cobramos o soldo íntegro eses meses da colecta dos compañeiros da plantilla do Concello. Eso me emocionou moito. Foi moi importante. 
Con Cabaleiro péchase unha época no Concello. Como ve á xente máis nova?
Falta moita xuventude que se incorpore a este traballo. O relevo sindical dos vellos dinosaurios. A vantaxe da CIG eiquí é que o relevo se deu hai oito anos. Hai xente nova pero ten que rodarse e coller experiencia, ninguén cho vai facer por ti. Atopeime o outro día unha compañeira e ela non concebía que houbera unha folga de 15 días, cando o lixo era municipal. O momento sindical non pasa pola súa mellor época, a xente está moi pillada, hai moito paro, aínda que parece que empezamos a espertar. Ninguén che vai dar nada, non hai xefe bo, hai que pelexar. 
E o mellor momento?
A asamblea na que aprobamos o primeiro convenio, salía Soto e entraba Carlos Príncipe. A asamblea aplaudindo ao comité. Foi un convenio moi avanzado daquela, estaba de concelleira de Persoal Dolores Villarino, dura, lista e hábil, a quen admiro.
Era mellor a dereita que a esquerda para negociar?
Creo que depende do carácter das persoas. No comité levamos moi boa relación con Javier Guerra e con Corina Porro. Non podo dicir o mesmo dos meus, que acabaron expulsándome por segunda vez. n

Te puede interesar