vigo

A cidade agarda por Martin Codax

Salustiano Mato, reitor da UVigo; Colin B. Baley, director da Morgan Library, e o conselleiro de Cultura, o venres en Nova York, no acto de préstamo do pergamiño.
photo_camera Salustiano Mato, reitor da UVigo; Colin B. Baley, director da Morgan Library, e o conselleiro de Cultura, o venres en Nova York, no acto de préstamo do pergamiño.

As sete cantigas cedidas pola Morgan Library&Museum de Nova York serán obxecto dunha ampla exposición

nnn Treides comig' a lo mar de Vigo...” (Vén comigo ao mar de Vigo). Este verso, que se repite ao longo da segunda cantiga de Martin Codax, ben pode representar o anceio da cidade que viu nacer as “cantigas de amigo” máis famosas da lírica medieval por ver de novo, 800 anos máis tarde, o manuscrito orixinal no que figuran.
Arestora, e entre fortes medidas de seguridade, estará viaxando cara a Vigo o coñecido como Pergamiño Vindel, en honor o libreiro Pedro Vindel, que o atopou ao chou en 1914 na guarda interior dun ejemplar de De officiis de Cicerón e que de seguida se decatou da súa importancia. É apenas unha folla de 34 x 45 cm, escrita por unha soa cara a catro columnas, en tinta negra e con pentagramas en tinta vermella. Nela se recollen sete poemas do trobador do século XIII Martin Codax (escrito así, sen til); sete poemas que conforman unha das obras máis importantes da lírica medieval europea e que revolucionaron o xeito de comprender aquela época, xa que o manuscrito conservaba a notación musical para a interpretación de seis delas, un dos dous únicos casos que existen en galego-portugués, xunto con pergamiño de Sharrer, que contén outras sete cantigas de amor do rei Don Denís e que se conserva no Arquivo Nacional da Torre do Tombo de Lisboa.
O Pergamiño Vindel viaxará hoxe, luns, en avión de Nova York a Madrid, entre fortes medidas de seguridade e custodiada polo encargado de conservación de libros da Morgan, para emprender logo a súa viaxe a Vigo. Aquí agárdalle unha sala perfectamente acondicionada —nas máis estritas condicións de luz, temperatura e humidade— no Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, onde formará parte dunha extensa exposición. Este percorrido no tempo e no espacio (800 anos e máis de 5.300 quilómetros despois) é posible tras dous anos de negociacións entre a Universidade de Vigo, coa colaboración da Consellería de Cultura, e a Morgan Library&Museum,  entidade que adquiriu esta obra en 1970 e que conta con 1.300 manuscritos medievais e renacentistas de todo o mundo.
A exposición que xirará ao redor do Vindel será inaugurada polo Rei Emérito Don Juan Carlos o 10 de outubro e permanecerá aberta até marzo de 2018. Este tesouro medieval estará acompañado por unhas 50 pezas do século XII ao XV. A mostra, co pergamiño como peza central, estará artellada en sete partes inspiradas en cada unha das cantigas.
Amais, o regreso do pergamiño se completará cun amplo programa de actos que inclúe o simposio internacional “E irei, madr'a Vigo”, organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, co apoio da Deputación de Pontevedra. Tamén haberá concertos, ciclos de conferencias e outras actividades de divulgación, como a tradución das cantigas a 50 idiomas.
De Martin Codax non se coñece absolutamente nada, agás esta sete cantigas incluidas no xénero de 'cantigas de amigo', escritas nun momento en que o galego-portugués era unha das línguas de cultura máis importantes de Europa. Nelas, a voz dunha muller chora polo seu amado ao carón do mar de Vigo, nome que se repite en seis das composicións. Son versos que gran beleza, sensibilidade e erotismo que non só ten sido obxecto de numerosos estudos por parte dos investigadores, senón tamén interpretados e reinterpretados por centos de músicos dende a súa descuberta, entre eles o gaiteiro vigués Carlos Núñez. n

Te puede interesar