vigo

“Chano soñaba cun festival de cine para Galicia”

Marí Luz Montes, viúva de Chano, participará na homenaxe deste venres.
photo_camera Marí Luz Montes, viúva de Chano, participará na homenaxe deste venres.

Mª Luz Montes, viúva do director de ‘Sempre Xonxa’, lembra a súa figura aos 30 anos da rodaxe. Este venres ríndenlle homenaxe.

 “Chano era intenso, incansable nunha loita constante para todos, el amaba Galicia e o galego”. Mariluz Montes contén a emoción cando fala de quen foi o seu home, o verdadeiro pionero do cinema galego, Chano Piñeiro (Forcarei, 1954- Vigo, 1995). Este venres acudirá á homenaxe que prepara Irmandade da Sanidade Galega en colaboración co Colexio de Farmacéuticos e a Consellería de Política Lingüística, coa descuberta dunha placa na casa onde residíu, entre Doutor Marañón e Menéndez Pelayo, ás 17 horas, aínda habitada pola súa muller. Ao día seguinte, a sede do Colexio Médico acollerá a sesión académica da Irmandade con novos ingresos e cunha lección maxistral sobre o “boticario que foi cineasta”.

Cando todos lembran o importante legado que deixou Chano Piñeiro, Mari Luz Montes fai fincapé na súa faciana máis humana. “A decoración da nosa casa son cartelas de cine, películas de distintas nacionalidades, xa que viaxou moito e con xente moi importante como Pilar Miró”, afirma oa tempo que recoñece que fai falla moito espazo para custodiar toda a documentación de Chano: “Recortaba tódalas referencias que saían prensa, plastificábanas e archivábaas; tamén teño os seus guións, as claquetas de cada filmación... hai pouco expuséronse en Ponte Caldelas, de onde era a súa familia”. Mari Luz Montes recibe con agradecemento esta nova homenaxe: “Sempre notei que tiña moitos amigos e que era moi querido, o outro día lendo un libro adicado a súa memoria emocionei ao ler o que dicía a xente de Chano”.

Cando se lle pregunta cal é mellor xeito de lembrar a Chano Piñeiro, non o dubida, “vendo o cine que lle gustaba, os filmes europeos que din algo; el ía á sala de proxección tódolos días, máis dunha vez perdeu un avión por quedar a ver unha película no aeroporto, daquela non había móbiles e tiñan que chamar por megafonía para que me achegase ao mostrador e avisarme”. 

En canto aos proxectos que lle quedaron pendentes, tamén está clara a resposta: “Morreu moi novo, con 41 anos, tiña moitos guións escritos para rodar, pero o que quería, co que soñaba era cun festival de cine para Galicia”. Mari Luz lembra a boa acollida que tivera o ciclo veraniego que organizou en Castrelos en agosto de 1993.

Chano Piñeiro, durante de unha das súas rodaxes.

Chano Piñeiro, durante de unha das súas rodaxes.

Admirador das mulleres
“Chano admiraba profundamente ás mulleres, situábanos moi por riba dos homes; o seu traballo era unha homenaxe á muller”, apunta Montes, quen asegura sentirse dobremente orgullosa “como muller e como a súa dona”. Cúmprense 30 anos dende que Chano Piñeiro comezou a rodaxe de “Sempre Xonxa”, protagonizada por Uxía Blanco, actual concelleira de Igualdade en Vigo. Pasará á historia como a primeira longametraxe feita en galego e rodada integramente en Galicia. Foi un proxecto que requeríu un esforzo titánico tanto económico como físico para o director. “Cando Chano comezou o cine non era cultura, era algo máis propio de titiriteiros, pero pouco a pouco se foi impoñendo”, lembra a súa compañeira, que é incapaz de destaca unha das súas filmacións: “De ‘Mamasunción’ (1984) foi da que máis se falou, pero ‘Esperanza’ (1986) foi tamén importante”.
Se Chano Piñeiro era un cineasta vocacional, tamén sentía a chamada da botica. Fillo e neto de boticarios, gustáballe escoitar á xente que entraba a mercar: “Ofrecía tanta atención aos clientes, sobre todo aos máis desfavorecidos, que o convertía case nun confesionario”. A hora de definir ao seu home,  Montes utiliza termos como “humanidade, sensibilidade e xenerosidade”. Ese don de xentes foi o que lle permitíu coñecer a verdadeira Galicia. “Sempre me dicía que ter casado comigo lle permitíu coñecer á mellor xente, á de Rubillón, a aldea da miña familia; todos adoraban a Chano, porque el dáballe importancia ao que facían e ao que lle contaban; cando estaba a gusto non existía o reloxio; estaban esperando a fin de semana para poder estar con el”.n
 

Te puede interesar