vigo

O Campus exporta un método para identificar a tiburóns

Barone y Guisande, con parte del equipo en la Universidad de Vigo.
photo_camera Barone y Guisande, con parte del equipo en la Universidad de Vigo.

Pode detectar a preto de 40 especies e trabállase para incorporar máis no futuro inmediato

nnn Desde que a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura (FAO) lle encargase ao catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Cástor Guisande desenvolver un método de identificación de especies de tiburóns a partir das súas aletas, co obxectivo de poder controlar que non se pesquen especies protexidas, transcorreron seis anos. Ao longo deste período, o programa iSharkFin foise desenvolvendo e perfeccionando ata chegar a ser quen de identificar 36 especies e utilizarse en todo o mundo por recomendación non só da propia FAO, senón, agora e a través dunha resolución, de Cites (a Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres). “Cites é a principal institución onde participan a maioría de países cun papel moi relevante na conservación de especies ameazadas e nunha das súas últimas reunións realizou unha recomendación específica na que insta ás partes interesadas a achegar imaxes de aletas de tiburón frescas á FAO para así contribuír ao desenvolvemento de iSharkFin”, explica Guisande, que considera que esta resolución ten un impacto moi importante para que os países recomenden ás súas institucións o uso do software desenvolvido na Universidade de Vigo.
Xunto á resolución da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres, Cites, o docente e investigador da Universidade de Vigo destaca, así mesmo, que “varias institucións doasen cartos á FAO para que se siga a desenvolver a ferramenta”, un traballo no que tamén colabora Monica Barone, consultora de recursos pesqueiros da FAO e Cites. 
Barone, que participou este días no campus vigués nunha xuntanza preparatoria da reunión de expertos que se celebrará en Vigo en decembro e na que se analizará a situación actual do uso do programa, destaca que o obxectivo “é mellorar aínda máis o sistema e producir informes máis transparentes sobre o seu estado”.
 Sobre a xuntanza que se celebrará antes de que finalice o ano, Barone explica que “se invitaron a expertas e expertos que precisan identificar aletas, por exemplo persoal de aduanas ou do Cites, pero tamén a persoas que colaboran con nós na recompilación de fotos de aletas por todo o mundo”.
O Programa, que se puxo a disposición das institucións hai dous anos e está sendo utilizado de xeito regular por organizacións de todo o mundo, atópase neste intre en fase de incorporar máis información de fotografías de especies de diferentes zonas, así como intentando incrementar o número de especies que se poden identificar.
 “Para o algoritmo esta fase é moi importante, xa que cantas máis aletas de diferentes zonas e medidas realizadas por diferentes investigadores estean dispoñibles na base de datos, máis precisa será a identificación”, detalle Guisande, que aclara que o programa está practicamente finalizado, aínda que sempre sairán novas actualizacións con pequenas melloras.
iSharkFin importa a fotografía da aleta de tiburón que se quere identificar e toma uns puntos de referencia, cos que o programa aplica un algoritmo de identificación e o resultado é o nome da especie cunha probabilidade de pertenza á mesma. Trátase da mesma tecnoloxía empregada no proxecto iPez desenvolvido polo mesmo grupo de investigadores, que permite a identificación de especies de peixes pola súa morfoloxía.n
 

Te puede interesar