ELECCIONES 24-M VIGO

Barros ve que no Concello non interesa a oferta cultural

O candidato de Compromiso por Galicia presentou o seu programa de cultura e recolleu propostas.
photo_camera O candidato de Compromiso por Galicia presentou o seu programa de cultura e recolleu propostas.

 De “éxito rotundo” cualificou Inma López Silva o acto celebrado onte no museo Verbum para presentar e debater o programa de Cultura de Compromiso por Galicia. Cunha ampla afluencia de público vencellado ao sector, o orixinal formato escollido foi un brunch-cafe no que os asistentes compartiron café e biscoitos como fórmula para tirar da conversa e do debate amable e sosegado. “Esa é a nosa forma de entender e celebrar o Día das Letras Galegas”, sinala Inma López Silva, “desde o dinamismo e a participación activa, desde a escoita e a creación, e non desde a simple homenaxe paralizante”.
O lugar escollido, o museo Verbum en Samil, tamén tiña o seu significado, xa que un dos puntos fortes do programa de Compromiso en materia cultural ten que ver coa revitalización da oferta museística da cidade e a volta dos espazos culturais á cidadanía, “para que os empreguen, os usen activamente, os doten de contidos dinámicos”. O candidato á alcaldía Miguel Barros, na súa intervención, insistiu en que a situación da cultura en Vigo "é un síntoma máis da forma de actuar megalómana dun alcalde ao que non lle interesa unha verdadeira oferta cultural e de lecer para os seus cidadáns", xa que a cultura “sempre redunda na intelixencia da poboación, o que a fai máis responsable e crítica co poder, algo que, evidentemente, non interesa ao señor Caballero”. 
Cunha abundante representación do mundo das artes escénicas, a industria editorial, cinematográfica e da xestión cultural xeral entre os asistentes, no debate constatouse unha diagnose negativa sobre a situación da cultura na cidade, con diversas propostas que coincidiron na necesidade de achegar máis toda a oferta cultural á participación cidadá, afastala do actual sentido comercialista e, sobre todo, aproveitar de xeito activo todos os espazos e infraestruturas a día de hoxe pechados polo Concello. Asemade, López Silva anunciou no acto a vontade de Compromiso de que, de chegaren eles ao Concello, o orzamento da Concellaría de Cultura sexa participativo, alén da creación dun Consello Participativo da Cultura en Vigo. n

Te puede interesar