vigo

Achegarse ao Vindel por mar

A exposición “Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas” ten xa 356 reservas de centros educativos para visitala nos próximos meses.
photo_camera A exposición “Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas” ten xa 356 reservas de centros educativos para visitala nos próximos meses.

A Consellería de Cultura pon en marcha un ciclo de travesías marítimas para coñecer o contexto das cantigas de Martin Codax. A exposición do Pergamiño Vindel, no Museo do Mar, recibiu xa más de 3.000 visitas

nnn A presenza do mar de Vigo nas composicións de Martin Codax inspira este ciclo de oito travesías que leva por título o verso co que comeza a primeira das sete cantigas de amigo que recolle o Pergamiño Vindel. As viaxes de “Ondas do mar de Vigo” iniciaranse o vindeiro 28 de outubro e prolongaranse nas seguintes fins de semana ata durante as tres seguintes. Os percorridos desenvolveranse os sábados e domingos de 16 a 19 horas e saen desde o peirao do Museo do Mar de Galicia.
Esta iniciativa, segundo informou onte a Consellería de Cultura e Educación, ten como obxectivo difundir o valor das cantigas medievais de Codax e afondar na súa vinculación co mar a través do patrimonio natural e paisaxístico da Ría de Vigo. Durante o traxecto, cunha duración aproximada de tres horas, un guía explicará a paisaxe e a historia dos principais enclaves do espazo costeiro e mariño vigués. O punto de partida e de chegada é o peirao do Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, onde se exhibe a mostra “Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas”. A enseada de San Simón, declarada Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e integrada como Lugar de Importancia Comunitaria na Rede Natura 2000; o estreito e a ponte de Rande, o Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural de Rande, coñecido como Museo Meirande; e as illas de San Simón e San Antón centran o contido das travesías, promovidas pola Secretaría Xeral de Cultura. 
As persoas interesadas en participar nas viaxes, que son gratuítas, deben inscribirse previamente chamando ao teléfono 620 864 052.
O Pergamiño Vindel, un manuscrito único que recolle as cantigas de Codax e a notación musical de seis delas, exhíbese no Museo do Mar por primeira vez na súa historia fora de Nova York grazas a unha cesión á Universidade de Vigo da Morgan Library, a súa propietaria. A exposición deste tesouro da lírica galego-portuguesa e medieval —único testemuño existente da música das cantigas de amigo—, xunto co medio cento de pezas únicas da época que o acompañan, foi xa visitada, dende o pasado 10 de outubro, por 3.300 persoas, segundo datos da Consellería de Cultura. 

Os cantares de cego recrean a época de Codax

n n n A Universidade de Vigo, promotora da chegada do Vindel, celebra mañá unha das moitas actividades que acompañan este fito histórico. Neste caso, trátase da dramatización dun cantar de cego composto para esta ocasión e que será interpretado por Luís Correa O Caruncho, no papel de cego, acompañado por Chus Iglesias como lazarilla. A representación poderá verse ás 11 horas no Mercado de Bouzas, a onde se desprazará o vicerreitor Manuel J. Fernández; ás 12.30 na Praza da Princesa e ás 17 horas perante o Marco. O luns estarán ás 11 en Sabarís e despois xirarán por toda Galicia. n

Te puede interesar