UNIVERSIDAD

Vigo, sede do Coloquio internacional en Topoloxía

Alberto Castejón, Carmen Somoza e Ricardo Vidal.
photo_camera Alberto Castejón, Carmen Somoza e Ricardo Vidal.

nnn Do 19 ao 22 de xuño a Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo acollerá o segundo Coloquio Interdisciplinar en Topoloxía e as súas aplicacións, que reunirá a especialistas internacionais que traballan en diferentes áreas da topoloxía, unha rama das matemáticas que estuda as propiedades dos corpos xeométricos que permanecen invariantes.
Dirixido ao persoal investigador e a alumnado, no coloquio abordaranse temas moi variados e interdisciplinares, con especial atención ás aplicacións da Topoloxía a outras disciplinas. “Esperamos que asistan entre 60 e 70 persoas e polo de agora xa se inscribiron participantes de diferentes universidades españolas, europeas e mesmo Xapón, México ou Rusia”, explica o membro do comité local da organización do congreso e profesor do departamento de Matemática Aplicada Ricardo Vidal. 
Na organización do evento, que será unha homenaxe pola xubilación de Eusebio Corbacho Rosas (UVigo) e Elena Martín Peinador (Universidad Complutense de Madrid), participan docentes das universidades de Vigo, A Coruña, Navarra e Politécnica de Cataluña, así como investigadores en topoloxía das universidades de Passau (Alemaña), Udine (Italia), Ehime (Xapón), Unam (México), Jaume I (Castellón) e da Complutense.
A topoloxía é unha vertente “relativamente recente” das Matemáticas. Esta ciencia, desenvolta a principios do s. XX, ocúpase das propiedades dos corpos xeométricos que permanecen invariantes cando ditos corpos son pregados, dilatados, contraídos ou deformados, de xeito que non aparezan novos puntos ou se fagan coincidir puntos diferentes.n
 

Te puede interesar