UNIVERSIDAD

Vigo lidera un grupo sobre o ameazado mexillón de río

o estudo internacional está asinado por 48 científicos de 23 países. o mexillón de río está ameazado

Un estudo internacional liderado pola Universidade de Vigo marca as liñas da investigación para conservar as náiades ou mexillóns de auga doce dun xeito global. O artigo, que acaba de ser publicado no xornal Biological Conservation, está asinado por 48 científicos de 23 países, pero no proceso de elaboración colaboraron 81 expertos de todo o mundo. O seu autor principal é o investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, Noé Ferreira, que explica que o traballo “pretende ser un documento de referencia para guiar os traballos de investigación e valorar de xeito adecuado o estado de conservación das máis de 800 especies coñecidas” de mexillón de río.

Estes mexillóns de auga doce son un dos grupos animais máis ameazados no mundo e, de feito, o 6% das especies extinguíronse en tempos recentes e o 30% das 536 especies de náiades catalogadas pola Unión Internacional para a Conservación da Naturaleza (UICN) están ameazadas de extinción. Isto é, non obstante, como sinalan os investigadores unha cifra optimista pois non existe suficiente información que permita establecer o grao de ameaza para o 16% das especies e ademais preto de 300 tan sequera foron catalogadas. No que aos ríos de Galicia se refire, “contamos con catro clasificadas como en perigo de extinción no caso de Margaritifera margaritifera ou vulnerables no caso Anodonta anatina, Unio delphinus e Potomida littoralis, segundo o Catálogo galego de especies ameazadas”, apunta Noé Ferreira.
Os mexillóns de auga doce xogan un papel fundamental nos ríos, explica Ferreira. A súa importancia, máis aló do propio valor intrínseco que posúen como elementos da biodiversidade, radica, como lembra o investigador, no seu papel como filtros naturais, “xa que un só mexillón pode filtrar ata 45 litros de auga ao día e as súas densidades chegan aos 100 exemplares por metro cadrado, o que nos pode dar unha idea da súa importancia non só para os cursos fluviais senón para a propia poboación. 

Te puede interesar