UNIVERSIDAD

Impulsan unha nova luminaria conectada á internet das cousas

Os representantes do consorcio xunto coa luminaria.
photo_camera Os representantes do consorcio xunto coa luminaria.

Os estados europeos que máis cartos dedican a iluminar os seus municipios son Italia, con 987 millóns de euros (con datos de 2015), e España, con 955 millóns, segundo o estudo Variación espacial, temporal e espectral da contaminación lumínica e as súas fontes. Cunha inversión tan elevada de orzamento público é preciso optimizar o alumeado público camiñando cara unha xestión intelixente. Este é o obxectivo do proxecto Candela, impulsado por empresas, centros tecnolóxicos e a Universidade de Vigo. Seleccionado na convocatoria de 2015 de Conecta Peme, Candela arrancou en febreiro de 2016 como unha iniciativa innovadora para deseñar un sistema de xestión intelixente do alumeado público para as cidades. Tratábase, como explicaban os impulsores do proxecto na presentación dos resultados, de “avanzar no eido das smart cities creando un conxunto de solucións que permitan medir, modelar, optimizar e actuar en tempo real sobre todo sistema lumínico público urbano”. Para isto desenvolveron un novo modelo de luminaria, xa que cos sistemas actuais con luces convencionais non é posible a optimización das redes adaptándoas ás demandas e ao espazo urbano ao que se pretende dar servizo. Esta nova luminaria permite a conectividade participativa con toda a infraestrutura de alumeado a través dunha rede do IoT, internet das cousas (IoT) e para desenvolvela empregáronse tamén as últimas tecnoloxías dixitais como os sensores Lidar (Light Detection and Ranging), o big data e as novas tecnoloxías de LED. O consorcio estivo formado por catro empresas galegas (Setga, que lidera o proxecto, Sistemas Audiovisuales Itelsis, Inteco Ingeniería Avanzada e Ingeniería Insitu) xunto cos grupos de Tecnoloxía Enerxética e de Xeotecnoloxías Aplicadas da UVigo e Gradiant. O proxecto contou co financiamento da Gain, nun 50%,  cun orzamento subvencionable de 863.442 euros.
 

Te puede interesar