Ramiro Gómez Salgado Representante da Asociación de Cooperación pola Paz en Oriente Medio

“A sociedade civil debe ser o motor para o seu propio desenvolvemento"

Ramiro Gómez Salgado
photo_camera Ramiro Gómez Salgado

n n n A Asamblea de Cooperación pola Paz (ACPP) é unha ONGD sen ánimo de lucro defensora dos valores democráticos dende unha opción de xustiza social e económica. Nesta materia, leva a cabo proxectos de cooperación ó desenvolvemento e axuda de emerxencia en colaboración coa sociedade civil en diferentes países. Ramiro Gómez Salgado, afincado en Ourense, é o representante da organización en Oriente Medio.

Como están vinculadas a cooperación ó desenvolvemento e a axuda humanitaria?
A pesar de traballar axuda humanitaria e de emerxencia, prevención de desastres e reconstrucción naqueles casos que o requiran, así como labores de denuncia e incidencia política, e en países nos que xa se traballa, ACPP busca orientar e enfocar esta labor en marcos de actuación máis amplos, tentando así acadar accións que axuden a consolidación de procesos de desenvolvemento sostibles. Para accións que requiren dunha resposta rápida, as aportacións dos socios e privadas son fundamentais.

Buscan accións duradeiras e sostibles, non?
Efectivamente. Na actualidade existe unha tendencia bastante perigosa por parte de diversos donantes de priorizar a acción humanitaria, en detrimento do desenvolvemento. Pola contra, tanto a nivel persoal como na organización, afastámonos destas posturas asistencialistas e de instrumentación da axuda, posto que cremos que a base do cambio reside no desenvolvemento e que deben ser os países do Sur os que tomen as riendas. Partindo desta base, ACPP apoia a sociedade civil, democrática e progresista dos países en vías de desenvolvemento, a fin de conseguir sociedades máis xustas e democráticas.

Cales son as necesidades máis urxentes da sociedade palestina?
Sen dúbida, a resolución do conflito. En concreto, a sociedade palestina, como consecuencia da ocupación israelí, vése afectada en sectores estratéxicos como a auga, o saneamento e a hixiene, e tamén no ámbito de seguridade alimentaria.

En que traballan na actualidade?
Traballamos estes dous sectores como prioritarios. En agricultura, no empoderamento de mulleres, entendéndoo como clave, por medio da promoción económica. O traballo sería o apoio a pequenas e medianas empresas para a xeración de ingresos -como forma de empoderamento-.

A que desfíos se enfrontan como ONGD?
Unha das maiores dificultades é a redución da financiación tanto do Goberno central como das institucións descentralizadas, que nos últimos anos foron reducindo os presupostos destinados á cooperación para o desenvolvemento. Esto afástonos moito do obxectivo establecido hai ó redor de 30 anos de destinar o 0,7 por cento do PIB. En españa, en 2014 estaba no 0,16 por cento, moi lonxe da media europea, que está nun 0,4.

Cando se consideran suficientes os recursos sociais e asistenciais?
Cando consigamos unha sociedade xusta e igualitaria. É moi difícil determinar iso. Supoño que como mínimo sería erradicar a pobreza, pero o obxectivo é contribuir á sociedade máis xusta e igualitaria, abolendo as desigualdades. Ata que non se acabe, non se poderán considerar suficientes os recursos.

Como de protagonistas son os implicados no proceso transformador?
A sociedade civil debe ser o motor do desenvolvemento. Son os propios países do Sur os que teñen que liderar os seus procesos de desenvolvemento. Por iso, defendemos o desenvolvemento e non compartimos esa tendencia cara a axuda humanitaria.

As comunidades e autoridades locais, que papel xogan, ou deben xogar, á hora de garantir a sostenibilidade de cada proxecto?
Debemos traballar tanto coa sociedade como coas institucións locais para camiñar xuntos nunha mesma dirección. O seu traballo debe ser recoñecido e apoiado, aínda que en moitos casos nos atopamos con unha criba democrática que fai complexo o traballo. O que está claro é que teñen que desempeñar un papel central.

Cales son as previsións de futuro en Palestina?
Na actualidade hai un certo escalamento do conflito. Estase vivindo unha situación de bloqueo. O que se debería facer sería desbloquear as negociacións e intentar que os diálogos saíran adiante, o que require a participación de todos os países. Por desgracia, non parece que nun futuro próximo vaia haber ese desbloqueo.

Que factores motivan ó voluntariado a ter unha relación duradeira coa organización?
Os membros teñen un papel activo na organización e buscamos envolvelos nas actividades que levamos a cabo nas distintas delegacións que hai por toda España. O traballo das ONGD non só é importante nos países do Sur, senón que tamén o é nos países do Norte, un traballo de concienciación para evidenciar dende a necesidade da axuda ó desenvolvemento ata a multiculturalidade ou a educación para a paz. En suma, o papel da sociedade é clave. De feito, esa implicación a nivel xeral é moi importante porque, senón, o traballo das organizacións queda escaso.

Son bos tempos para o voluntariado?
Non me atrevería a dar unha resposta, pero, sen dúbida, sempre é un bo momento para involucrarse e traballar por unha sociedade máis xusta. 

Cal é a visión que en Oriente se ten de Occidente? E viceversa?
Aínda que teño un coñecemento limitado e un percorrido reducido en Palestina, teño que recalcar que hai un sentimento xerado de agradecemento cara os países donantes de axuda ao desenvolvemento, en especial aos países europeos e á Unión Europea, pero quizais se bote en falta unha maior implicación dos nosos gobernos para a resolución do conflicto. Con respecto á visión inversa, penso que existe unha tendencia errada e reducionista de ver e xulgar ao mundo árabe polas accións de certos movementos radicais, o cal ven potenciado nun alto grao polo tratamento mediático e certos sectores da clase política. 

Te puede interesar