día das letras

"O recordo de Casares bate con forza en Xinzo"

Un momento da sesión plenaria que celebrou a Real Academia Galega na Casa do Concello de Xinzo.Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Un momento da sesión plenaria que celebrou a Real Academia Galega na Casa do Concello de Xinzo.Foto: Xesús Fariñas

A Academia Galega homenaxeou ao escritor nunha sesión extraordinaria

n n n "Bate con forza o recordo de Carlos Casares na capital da Limia", deste xeito iniciaba a académica Fina Casalderrey a intervención que abría o pleno extraordinario que celebraba onte a Real Academia Galega (RAG) no salón de plenos do Concello de Xinzo para homenaxear ó home a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. O acto estivo presidido polo titular da RAG, Víctor Freixanes, a quen acompañaban o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os académicos Final Casalderrey, Henrique Monteagudo e Andrés Torres Queiruga.
Casalderrey percorreu os escenarios da infancia ourensá de Carlos Casares, onde está moi presente un río Limia, "no que Carlos estivo a punto de morrer afogado e no que salvou ao seu irmán dun perigo semellante".  A académica reivindicou a contribución de Casares la literatura infantil e xuvenil en galego, nun momento en que "Galicia apenas tiña producción propia". " 'A galiña azul' e "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas' son libros que abriron un camiño novo nese ermo poboado só de silveiras de prexuizos", afirmou. "Sen deixar atrás as raíces, Casares subíu no expreso da literatura para percorrer o mundo e universalizala, tamén a infantil, desprendéndoa de localismos e didactismos", dixo  a académica, quen considerou que quizais as "máis fermosas" homenaxes que está a recibir este ano Carlos Casares son "as que xorden da rapazada e do profesorado dos centros de ensino, descubrindo o legado e lendo a obra dun autor e home polifacético que en agosto cumpriría 76 anos".
Trala intervención de Fina Casalderrey, que analizou a obra de Casares para o público miúdo, Henrique Monteagudo ocupou o estrado para revisar a narrativa para adultos do escritor. O académico destacou que "a achega máis importante ás letras galegas e universais de Carlos Casares atópase nas súas novelas", e centrouse no  "arco central" da súa novelística, que está constituído por "un ciclo que ten como pórtico "Xoguetes para un tempo prohibido" e se completa coa triloxía formada por "Ilustrísima", "Os mortos daquel verán" e "Deus sentado nun sillón azul".
"En xoguetes para un tempo perdido", Casares plasma, segundo Monteagudo, a miseria dunha infancia vivida nos anos da posguerra, para mergullarse despois no ambiente insubmiso do estudantado universitario antifranquista dos anos sesenta. Con "Ilustrísima", volve a comezos do século XX par narrar outra historia contra o fanatismo e a violencia que estoupa nunha pequena cidade de provincias por causa da chegada do cinematógrafo. En "Os mortos daquel verán" o escritor adiantouse "á voga da narrativa da memoria histórica", cun relato que xira ao redor da descuberta do cadáver dun boticario tras o levantamento de xullo de 1936.
A triloxía conclúe coa que é para Monteagudo a "obra cimeira do autor", a novela "Deus sentado nun sillón azul", na que desenvolve unha análise do papel dos intelectuais no advento do novo réxime.
Xesús Alonso Montero, o terceiro e intervir no acto, escolleu para a súa alocución a faceta poética de Casares, que cadrou coa súa etapa de estudante universitario. O académico centrouse nos 23 versos que conforman a elexía que Casares escribiu en outubro de 1967 "a Ernesto Che Guevara, nun tempo en que poetas de todo o mundo versificaron o seu pranto pola morte do Che". Para Alonso Montero, este achegamento ao Casares desa época proba que "a literatura galega daqueles anos, lonxe de ser unha literatura escrita dentro da eira do trigo á sombra do vello campanario parroquial, estaba aberta, pese ao franquismo, a voces e temas presentes en literaturas menos provinciais".
O presidente da RAG, Víctor Freixanes, pechou o pleno resaltando a dimensión como xestor cultural de Carlos Casares, coa tarefa que desenvolveu como editor á fronte da Editorial Galaxia, e a súa dimensión como cidadán, "como home comprometido co país e co seu tempo".n

Te puede interesar