día das letras

Ourense lembra a Casares

Busto do pobo de Ourense ao seu fillo predilecto Carlos Casares Mouriño, en Bispo Cesáreo
photo_camera Busto do pobo de Ourense ao seu fillo predilecto Carlos Casares Mouriño, en Bispo Cesáreo

Como antesala do propio Día das Letras Galegas, os ourensáns homenaxearon a Carlos Casares con actos institucionais na cidade, un concerto no Auditorio, teatro no Campus ou unha tertulia en Xinzo de Limia.  

A cidade das Burgas rendeu onte homenaxe a Carlos Casares, da que é fillo predilecto, como antesala dos actos previstos para hoxe, Día das Letras Galegas.
Coa Coral De Ruada de fondo, a Corporación municipal descubriu na traseira do Liceo un busto do autor de "Vento Ferido" realizado polo artista ourensán Xosé Cid. "Para Carlos, o Liceo era a súa segunda casa", apunta o seu irmán Xabier, presidente da entidade cultural. Un acto ao que asistiu tamén o subdelegado do Goberno, Roberto Castro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Hakan Casares, un dos fillos do homenaxeado, destaca a pegada de Ourense na súa traxectoria literaria. "Creo que se o meu pai nacera noutro lugar e non regresara aquí, problamente a súa obra non sería a mesma. Casares sen Ourense non se entendería". Pola súa banda, o seu outro fillo, Christian agradece os actos organizados en honor ao seu pai. "Ourense ten sido moi xeneroso con Carlos Casares. Non podo deixar de emocionarme, ao igual que toda a familia, coas iniciativas que se están desenvolvendo despois do seu pasamento". A familia tamén recibiu un pergamiño conmemorativo.
Un home inquedo e polifacético. Así definiu o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, ao escritor limiao. "Coa súa obra fixo, fai, e fará viaxar Ourense polo mundo Carlos Casares. O seu compromiso intelectual forman parte substancial e imprescindible do Ourense do XX e da herdanza que a súa pegada segue a deixar no XXI". Neste sentido, o rexidor lembrou o apoio de tódolos partidos con representación municipal. "A mesma unanimidade que houbo no 2003 a houbo tamén nesta corporación do 2017. Ningún grupo dubidou que era preciso esta pequena homenaxe". 
Xa pola tarde, a Real Filharmonía de Galicia e o Coro Xove da Orquestra Sinfónica puxeron o broche cun concerto no Auditorio, organizado polo Consello da Cultura Galega. É a primeira vez que a cidade acolle o Concerto das Letras Galegas. Pero non só o Concello de Ourense quixo adiantarse á celebración das Letras Galegas. A organización Novas Xeracións do PP organizou en Xinzo un acto no que estivo o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. Tamén na comarca da Limia tivo lugar un faladoiro arredor de Casares, antes do concerto do coro Aimil Folk. Asemesmo, o centro comercial aberto barquense e os equipos de dinamización lingüística dos colexios e institutos de O Barco e Rubiá organizaron unha campaña para promocionar a lingua galega e a figura de Casares nos 35 comercios asociados. 
Devolta na cidade, o Liceo acolleu a inauguración da exposición filatélica en honor a Casares amosando un selo postal de recordo.
A comunidade educativa tamén uniuse á celebración. Alumnos de Salesianos realizaron un percorrido pola obra de Casares mentras que na Farixa recitaron o seu poema "Amemos". No Campus, a biblioteca Rosalía de Castro acolleu a adaptación da peza "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas". Contouse co vicerreitor, Virxilio Rodríguez. n

Te puede interesar