CARLOS CID DJ e produtor musical

“Hai moi pouca diferencia entre tocar para mil ou cincuenta persoas”

Carlos Cid, no seu estudio de Brooklyn.
photo_camera Carlos Cid, no seu estudio de Brooklyn.

 A saga dos Cid de Celanova segue a facer historia en Nova York. Comezou, e se mantén, con seu pai, Servando Cid, dono do Restaurante Marbella, e segue cos seus fillos. Carlos Cid, neoiorquino de Celanova é o segundo galego gañador dun Grammy, o premio máis prestixioso do mundo da música. 


Seu irmán David, un publicista de éxito, define a Carlos como o chico de ouro, todo no que se metía xa de pequeno conseguía ser o mellor, era incrible, dicía David. Non é de estrañar entón que con tan só 30 anos xa fale de ti a ti coas maiores estrelas do mundo da música House. 
Carlos recíbenos -nun dos poucos días nos que non está voando para actuar- no seu pequeno estudo no barrio de Bushwick en Brooklyn, apenas 20 metros cadrados onde DJ Cid crea os sons que fan bailar a milleiros de persoas por todo o mundo.

Como empeza súa historia?
Aquí en Nova York. Sempre me fascinou a música e comecei pinchando desde moi cativo no salón de festas do meu pai, que me deixaba poñer a música de cando en vez. El tiña un Dj, que traballaba tódalas fins de semana nas festas, eu sempre me achegaba a el que foi quen me ensinou o básico para ser Dj.

E como se deu ese paso do mundo ameter ao profesional. En que momento dixo vostede, “isto é o meu"…
Cando tiña 19 ou 20 anos que xa me metín na produción de música. A primeira canción que rematei mandeilla a un DJ en Holanda. Non esperaba sequera que me contestara, e un par de semanas máis tarde mandoume unha mensaxe e me dixo, encántame a canción e a quero asinar para o meu selo discográfico, e nese intre foi cando dixen: “Vale, xa sei o que quero facer”. E desde ese momento ata aquí foron moito traballo e moitos pasos coñecendo a moita xente diferente que me axudou dunha maneira ou outra.

E ata que chega Cedric Gervais -un dos máis famosos Dj do mundo- e lle preguntou se lle podía axudar na mistura de ‘Summertime Sadness', de Lana del Rey…
Si, iso foi unha oportunidade que lle chegou a el e me dixo se lle quería axudar na re-mistura, e por suposto dixen que si. Foi incrible participar no tema que gañou o Grammy.

Vostede é o segundo Grammy galego, o outro é Carlos Núñez, como lle cambia a vida un Grammy?
Ábrense moitísimas máis portas. A xente da industria enseguida se deu de conta de que eu tiña gran parte do traballo dese tema e comezaron a xurdir moitas oportunidades desde ese momento.

Cal foi o seu seguinte paso despois de gañar o Grammy?
Asinei eu xa como artista con Atlantic Records, viñeron a min e me dixeron que querían apoiar a miña carreira. Levo xa un ano con eles, sacamos dous temas a idea é explotar toda a miña música.

Como é vostede coñecido polo público americano? Carlos Cid, “Sid”, C.I.D?
Me coñecen como Cid (Sid, pronunciado por un americano)

Non mudou vostede seu nome para adaptalo ao mercado americano…
Hai moita xente que escolle un nome que quizais é mellor para marketing pero eu dixen este é o meu nome, e eu quero ser auténtico no que son, e teño moito orgullo de ser galego, por iso seguín así, co meu nome.

Acaba de xirar vostede cun dos mellores DJ do mundo Cascade, cóntenos como foi iso…
Xenial. Coñecímonos hai un ano e medio e fixemos unha canción xuntos para o seu último álbum que se chama "Us", e tras facer ese tema el tiña unha xira para promocionar o álbum, me chamou e me dixo: “Quero que veñas comigo en toda a xira”. Foi unha oportunidade incrible. Foi un mes enteiro case seguido, 25 concertos en 30 días. Para min era unha forma tamén de entrar nesas cidades e que a xente me coñecera.

Que se sinte ao estar diante de 20.000 persoas e saber que segundo vostede xire ou non unha roda os vai facer sentir unha cousa ou outra?
Hai moi pouca diferencia entre pinchar para 1.000 ou para 50 persoas, ti ao final o que queres é que todo o mundo o pase ben e iso é o que intento facer. Tamén me gusta poñer temas que non escoitaron nunca e ver a reacción da xente, que me veñan dicir algo desa canción; eu polo que vexo e lles escoito xa sei se esa canción vai acabar sendo un éxito.

Nota a enerxía do público cando está vostede enriba do escenario?
Si, si, claro. De todas formas cada cidade, cada público é diferente e xa ves cando estás tocando en cada sitio o que funciona e o que non.

Hoxe o atopamos no seu estudo de Brooklyn pero case de milagre, pasa vostede a vida nos avións…agora ten por diante San Francisco e como cabeza de cartel do festival…
Si, tocara en San Francisco con Cascade en outubro na súa xira, e tamén con Galantis en febreiro ,así que é incrible poder volver uns meses despois eu só como cabeza de cartel.

Vai tocar en España?
Si, en Barcelona na Opium. O dono da sala chamoume hai ano e medio e me dixo que lle encantaba a miña música, que sabían que era español e que querían que tocará alí…e fun. O ano pasado toquei e volverei  este verán.

E vai vir a Galicia?
Bueno, estamos intentando a ver se facemos algo tamén en Galicia.

Así que lle queda un verán movido de concertos e para cando o disco?
 Estamos pensando en outubro ou novembro para sacalo. Vai ser un EP e a partir de aí a seguir. n

Te puede interesar