día das letras

Galicia volcouse no recoñecemento ao labor creativo de Carlos Casares

O acto institucional desenvolveuse nunha carpa instalada na praza Carlos Casares de Xinzo e congregou a centos de persoas.
photo_camera O acto institucional desenvolveuse nunha carpa instalada na praza Carlos Casares de Xinzo e congregou a centos de persoas.

Manuel Baltar anunciou que a Deputación lle concederá ao escritor a Medalla de Ouro da Provincia a título póstumo

n n n Xinzo, a vila que viu medrar a Carlos Casares, viviu unha xornada histórica que quedará para sempre na memoria dos seus veciños. A capital da Limia engalanouse para ser, durante 24 horas, centro da cultura e da lingua galega coa celebración do día grande das súas letras. O legado literario e a figura de Casares foron os protagonistas indiscutibles dunha xornada na que os actos institucionais e académicos acompañáronse dunha morea de actividades culturais, musicais e teatrais. 
Dende primeira hora da mañá a expectación era máxima coa presenza de xornalistas, personalidades, representantes políticos e veciños que ateigaban a praza que leva o nome do escritor homenaxeado e onde quedou instalada unha placa conmemorativa do acto. 
A Real Academia Galega abría a xornada inaugurando o reformado Salón de Plenos do Concello coa celebración dun pleno extraordinario, que tivo lugar ás 11,30 horas. 
Pouco despois das 13,00 horas comezaba o acto institucional, que se desenvolvía baixo unha carpa instalada na praza Carlos Casares. Sofía, Bruno, Otman e Paula, alumnos dos catro centros de ensino de Xinzo, leron pasaxes da obra de Casares quen, tal e como sinalou o seu irmán Javier, estivo sempre moi preocupado por que os nenos aprendesen o galego pois "neles está o futuro da lingua". 
O presidente da Xunta, abriu o acto institucional e afirmou que o escritor homenaxeado era "un labrego das palabras" cunha "grande capacidade para chegar a todos os públicos". Feijóo apelou ao carácter conciliador de Casares e lembrou a sua actividade como lexislador no primeiro Parlamento da historia democrática de Galicia. "Alí tendeu pontes que, entre outras cousas, fixeron posible unha Lei de Normalización Lingüística que tiña, e ten, como principal valor, facer patente que a lingua galega é de todos e para todos", sinalou o presidente galego. 
O anfitrión da xornada, o alcalde de Xinzo Antonio Pérez, falou de Carlos Casares como "un bo home que respetaba a todo o mundo" e que, ademais, tiña "unha gran capacidade para conversar e para dialogar ". O rexidor local sinalou que, dende o Concello, seguirán traballando a prol de realizar actividades que poñan en valor a figura do escritor. Está proxectada a apertura do Museo Carlos Casares na planta baixa do Museo Galego do Entroido. "Estamos traballando codo con codo coa Fundación Carlos Casares para abrir a mostra a finais do verán", subliñou Pérez". 
O fillo de Carlos Casares e administrador da fundación que leva o nome do autor de "Vento ferido", Hakan Casares, dixo que se trataba "dun acto moi emocionante". "Gustaríame que todo o mundo sentise o que nós, a súa familia, estamos sentindo hoxe aquí", manifestou. "A obra do meu pai non se entendería sen Xinzo. Nesta vila foi onde creceu". Hakan dixo que cada 17 de maio tiña que ser "unha festa para os nenos" e engadiu o seu desexo de que os mais cativos "lean no noso idioma e que o disfruten, ese é o camiño para conseguir a Galicia coa que o meu pai soñaba". Nesta liña baseou Víctor Fernández Freixanes, o presidente da Real Academia Galega, a súa intervención. O académico  sinalou a importancia da "presenza do galego no ámbito educativo" e falou de Ourense como "un dos corazóns de Galicia" a nivel cultural, recordando outras figuras literarias como Vicente Risco ou Eduardo Blanco Amor. 
O encargado de pechar o acto foi o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen dixo de Casares que foi "un excelente embaixador da ourensanía" e como tal "recibirá, a título póstumo, a Medalla de Ouro da Provincia". 
Entre as numerosas autoridades e persoeiros que se deron cita no acto institucional figuraban opresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; o portavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Pedro Pui Fraga;  o portavoz do grupo socialista na Cámara galega, Xaquín Fernández Leiceaga, e a práctica totalidade dos alcaldes da comarca de A Limia.n

Te puede interesar