DULCE PONTES Cantante portuguesa, actúa en Vigo o 7 de novembro

“Cantei fado, pero non era xusto quedar aí; non pode existir unha segunda amalia”

Dulce Pontes asegura sentir saudades dos seguidores de Vigo.
photo_camera Dulce Pontes asegura sentir saudades dos seguidores de Vigo.

Tranquila e chea de bo humor, Dulce Pontes prepara dende a súa residencia en Portugal os arranxos definitivos do seu disco “Peregrinaxe”. 

Sen presa, moi relaxada, afronta a derradeira etapa da xira “Puertos de Abrigo”, que a traerá a Vigo o vindeiro 7 de novembro. Concebida como unha maleta, onde almacena parte da súa traxectoria musical, a intérprete falou para Atlántico deste proxecto e dos que prepara.
Xa queda menos para o seu rencontro co público vigués. Algunha mensaxe para os seus seguidores locais?
Teño moitas saudades de Vigo. A actuación vai ser no Auditorio de Beiramar, un marco inmellorable. Estou segura que todo vai transcorrer moi ben.

Está inmersa nunha xira que parece non acabar nunca. Como leva o de viaxar tanto?
Aínda menos mal que hai avións, ou nunca teríamos chegado a tantos sitios! Estou a bromear. Ademais de artista, tamén son nai de María, con 5 anos, e de José, con 12. Teño que planear moi ben os concertos para compaxinalos co seu coidado. Ando a correr todo o día. Durmo o máis que podo para recuperar enerxías, aínda que non poida saír a pasear polas cidades nas que actúo.

Destas viaxes colle a inspiración para a súa música?
Apréndese a través do coñecemento do sonido local e tamén coa gastronomía: acabo de elaborar un estofado trasmontano boísimo (risos). Hai xente que se queda pechada en si mesma, eso non é xeito de evoluír. Temos que aprender uns dos outros.
Segue esta filosofía na xira? Xa que en ‘Puertos de Abrigo’ non hai unha soa Dulce Pontes.
Describe o transcurso dun camiño, onde tiven moita liberdade, a maior bendición da miña carreira, con constantes aportacións.

No repertorio dos concertos hai algúns dos temas do seu novo traballo. Como vai a gravación?
“Peregrinación” é un dobre cd (un en portugués e outro en castelán) xunto a un dvd. Levamos tres anos con este proxecto e dous de gravación. As colaboracións van xurdindo de xeito espontáneo. Tivemos que nos adaptar as circunstancias, chegando a gravar a distancia. Estas colaboracións son froito dunha sensación de irmandade que existe con algunhas persoas.

Nos seus comezos foi tildada como a nova voz do fado. Considera superada esa etapa?
Quero sentir o apoio do público e a xente cando escoita música non está a pensar e analizar as formas que está a oír. So lle interesa sentir o sonido. Penso que xunto a Madredeus fun a única portuguesa que conseguíu levar a presenza portuguesa fora do noso país. Antes os artistas da terra cruzaban a fronteira para actuar ante a nosa emigración. Cantei fado, pero non era xusto quedar aí. Non pode existir unha segunda Amalia Rodrigues, como tampouco haberá outro Camarón. Hai moito márketing na contorna do fado, algo que  ten as súas cousas positivas.n

Te puede interesar