Afouteza é escollida como a palabra galega do ano 2017

O termo máis buscado do diccionario superou a sapoconcho, teimudo, velutina ou eucaliptización

Cartel conmemorativo da semifinal da Europa League entre o Celta e o Manchester United.
Cartel conmemorativo da semifinal da Europa League entre o Celta e o Manchester United.
Afouteza é escollida como a palabra galega do ano 2017

Cun 48 por cento dos votos, afouteza é a Palabra do Ano 2017. Votaron por ela 3.004 persoas das 6.228 que participaron na elección promovida polo Portal das Palabras, o proxecto web para a modernización e divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. O termo gañador impúxose aos outros sete finalistas, todos eles palabras con forza informativa, que centraron por diversos motivos os temas de maior presenza nos medios e máis impacto social, e a maioría cun valor engadido desde o punto de vista estritamente lingüístico. 
Independencia foi a seguinte palabra en número de votos, con 939, e sapoconcho, a terceira, con 830. Eucaliptización, teimudo, vaga de lumes, violencia de xénero e velutina completan, por esta orde, a táboa de posicións finais.
Nas tres edicións anteriores, as gañadoras foron irmandade (2016), refuxiados/as (2015) e corrupción (2014). A esta listaxe súmase agora afouteza, cuxo éxito foi cociñándose ao longo de todo 2017, xa que durante varios meses liderou a listaxe de palabras máis buscadas no Dicionario. 

Campaña do Celta de Vigo
Os medios de comunicación recolleron este dato, dando conta de que o interese por unha voz non moi frecuente na fala coloquial era debido á campaña do Celta de Vigo, que ten por lema: “Ensinémoslle ao mundo o significado da afouteza”, baseado nun verso do propio himno do club. A motivación dos e das seareiras pesou sen dúbida para que gañase a Palabra do Ano, pero entre os miles de votos que recibiu, non poucos se deberon ao poder semántico e á forma suxestiva desta palabra, cun contido e unhas implicacións que van máis alá do futbolístico.
En definitiva, afouteza conquistou neste ano que remata unha vida nova nun partido en que gaña a lingua: saltou do campo de fútbol á rúa, da rúa aos medios e tamén se introduciu en textos de diferente tipo, espertando a curiosidade de quen non a coñecía e pasou a incorporala ao seu tesouro léxico persoal. A palabra, cun sólido fundamento histórico, foi nestes últimos meses gañando posicións no espazo da fala e o léxico vivo.
Afouteza vén definida no Dicionario en dúas acepcións: pode referirse á disposición de quen actúa sen temor ás dificultades ou perigos ou á seguridade que unha persoa demostra en si mesma. 
Os dous significados están moi vinculados, é evidente, pero conservan un valor semántico específico e esta é a razón pola que se propoñen para cada un deles voces diferentes como sinónimos; para a “disposición do ánimo”, poden ser equivalentes animosidade, audacia, denodo, ousadía e valor. Para a segunda acepción, a do “carácter firme e seguro”, os que se propoñen como termos relacionados, non estritamente sinónimos, son decisión e enerxía.
Máis a afouteza non é só unha palabra de dicionarios, xa que aparece con certa regularidade en textos literarios e particularmente nos medios de comunicación, desde O Tío Marcos da Portela, pasando por A Monteira, a revista Nós e A Nosa Terra do comezo do XX, entre outras. Neste espazo comunicativo, volve brillar na segunda decena do século XXI.

Forma parte da lingua galega dende o principio do século XIV

A orixe de afouteza atópase nun verbo latino, favere, que tiña por significado “favorecer ou “protexer”, e que os romanos usaban en principio no ámbito relixioso para se referiren aos favores e á benevolencia dos deuses cos mortais. De favere e do seu supino fautum chegouse en romance a fouto e fouta, as formas primitivas do adxectivo. Logo na fala engadiuse unha vogal inicial de reforzo, e de aí afouto e afouta, é dicir, a persoa que “ten ou amosa afouteza”. Completan a familia léxica o adverbio afoutamente e máis o verbo afoutar (que pode ser tamén pronominal, afoutarse), cando lle damos ánimos ou valor a alguén para realizar algo ou encetar unha empresa.
A palabra afouteza está na lingua galega prácticamente dende os inicios, como indica a súa presenza en documentos que datan do século XIV. A primeira recollida lexicográfica fíxoa Juan Sobreira a finais do XVIII, na súa colección de termos. O padre Sobreira comenta que a palabra “afouta” é a “persoa dilixente e activa nun traballo, manifestándose confiada no logro” e insiste “o que non desmaia, ou non manifesta desconfianza no que emprende” (adaptación da definición orixinal do frade Bieito Sobreira, na súa colección lexicográfica que foi recollida entre os anos 1787-1805). Desde esa primeira notación, a palabra afouteza (ou no seu caso o adxectivo afouto-a) estivo presente sen interrupción nos dicionarios e glosarios históricos, incluída a primeira entrega do Dicionario da Academia (1913-1928), onde figuran tamén as variantes afoto –a e afoutado –a.