Galicia estrea robots e programación en primaria

A Xunta achega este curso kits de robótica a 52 colexios da provincia

Alumnos de Primaria dun colexio galego traballando cos novos kits de robótica entregados este curso pola Consellería de Educación
photo_camera Alumnos de Primaria dun colexio galego traballando cos novos kits de robótica entregados este curso pola Consellería de Educación

O novo programa educativo beneficiará a máis de 10.000 alumnos dun total de 108 centros de toda a Comunidade galega

nnn A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, puxo en marcha este curso un novo programa de innovación educativa polo que se introduce a robótica en Primaria. En concreto, esta iniciativa beneficiará a máis de 10.000 alumnos dun total de 108 centros, que traballarán con kits de robótica durante este curso 2017/18.
O obxectivo deste programa é favorecer a iniciación do alumnado, xa desde idades temperáns, na experiencia de programación básica, robótica e construción.
Por provincias, 41 centros pertencen á Coruña, 10 a Lugo, 8 a Ourense e 52 a Pontevedra. Así mesmo, o número de docentes implicados nesta primeira introdución da Robótica a Primaria ascende a 300.
En concreto, na provincia de Pontevedra a robótica chegará a 52 colexios, sete deles de Vigo: CEIP Otero Pedrayo, CEIP Eduardo Pondal, CEIP de Sárdoma-Moledo, CEP Plurilingüe Igrexa-Valadares, CEIP de Chans-Bembrive, CEIP Balaídos e CEIP Frián-Teis.
O material que Educación achegará aos colexios está conformado por seis robots de uso educativo adecuados ás idades do alumnado; seis kits de construción, que permitirán a realización dun mínimo de cinco proxectos diferentes; así como un manual de uso e guía didáctica.
Cada centro, dentro da súa autonomía, pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa da Consellería ou mediante obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.
A iniciativa vai dirixida a alumnado que curse 4º, 5º ou 6º de Primaria durante este curso, que ademais de adquirir nocións básicas sobre robótica e programación, tamén traballará as áreas denominadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).

formación específica
Ademais, a Consellería puxo en marcha un plan de formación específico en Robótica, Programación e Impresión 3D vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas para, deste xeito, reforzar os coñecementos dos docentes nesta materia. n

Te puede interesar