Os resultados do Informe PISA avalan o modelo educativo de Galicia

O conselleiro de Educación durante unha visita ao CEIP Lamas de Abade que vén de ser galardoado no III Concurso de Traballos por Proxectos coordinados polas bibliotecas.
photo_camera O conselleiro de Educación durante unha visita ao CEIP Lamas de Abade que vén de ser galardoado no III Concurso de Traballos por Proxectos coordinados polas bibliotecas.

O conselleiro de Cultura e Educación da Xunta, Román Rodríguez,  salientou que toda a comunidade educativa, en especial o profesorado e os equipos directivos dos centros, "son os grandes responsables de que, co seu esforzo e dedicación están día a día posibilitando que avancemos”. 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, salientou que os resultados de Galicia no último informe PISA confirman que “estamos nun bo camiño”, cun modelo educativo planificado, xusto e equitativo, e con programas concretos orientados á mellora dos coñecementos dos rapaces. Durante unha visita ao CEIP Lamas de Abade, en Santiago, o titular de Educación subliñou que “os responsables deste proceso de mellora continuada no tempo é o conxunto da comunidade educativa” e, en especial “o profesorado e os equipos directivos dos centros que, co seu esforzo e dedicación están posibilitando que día a día avancemos nos resultados”. O conselleiro asegurou que a formación dos docentes “é un elemento clave” e a súa implicación en programas e proxectos que habilita a Consellería favorece “a creación dun microclima que está posibilitando que o noso sistema evolucione en positivo”.
 Cómpre lembrar que o informe PISA 2015 -dado a coñecer onte- sitúa a Galicia por riba da media de España e da OCDE nas tres competencias avaliadas (lectora, matemática e científica); así como a comunidade autónoma co sistema educativo máis equitativo tanto a nivel nacional como internacional.
O conselleiro especificou que Galicia conta cunha “folla de ruta moi clara” na cal un dos piares fundamentais é a formación do profesorado. Por iso, desde a Consellería vanse reforzar todas as accións vinculadas a este ámbito, así como outras que están a demostrar a súa incidencia favorable na adquisición de coñecementos por parte dos alumnos como son os contratos-programa, o plan de plurilingüismo, as novas tecnoloxías (a través de novas materias coma Robótica e Programación), a potenciación dos plans de mellora de Bibliotecas (PLAMBE) e de Lectura (LÍA), o fomento dunha convivencia en positivo, e a aposta por unha educación inclusiva, entre outros.
Premio de Bibliotecas  
O conselleiro fixo estas declaracións no marco da súa visita ao CEIP Lamas de Abade, que vén de ser galardoado no III Concurso de Traballos por Proxectos, a través do que a Consellería concedeu 17 premios ás iniciativas desenvolvidas desde os centros e coordinadas polas bibliotecas escolares. O obxectivo deste certame é recoñecer o labor que se desenvolve desde estes espazos para impulsar o uso de metodoloxías activas, a realización de traballos de investigación e a adquisición das competencias informacionais por parte do alumnado. Así mesmo busca  promover cambios no profesorado que faciliten a integración das tecnoloxías emerxentes, a mellora da calidade e a renovación das prácticas educativas.
 
O CEIP Lamas de Abade, en concreto, foi galardoado polo proxecto ‘Cinturón Verde’, na categoría de ‘Proxectos Documentais integrados, coordinados desde a biblioteca escolar’, na modalidade ‘Científica’. A iniciativa afondou na natureza que rodea o centro a través dun  traballo no que a biblioteca xogou un papel fundamental, tanto no que atinxe á documentación e coordinación do proxecto como á motivación - a través da mascota da biblioteca, Abadiño-. Deste xeito, a iniciativa fomentou desde o  sistema educativo o traballo cooperativo e interdisciplinar e a alfabetización informacional do alumnado, ao tempo que constitúe unha aposta pola educación no respecto ao medio ambiente
 

Te puede interesar