Xornal Escolar

Premios e recoñecementos para o alumnado e proxectos do Cova Terreña

Aula Abalar/E-Dixgal, introducindo as novas tecnoloxías na aula.
photo_camera Aula Abalar/E-Dixgal, introducindo as novas tecnoloxías na aula.

O proxecto do Cova Terrreña está focalizado no alumnado, traballando a prol do seu desenvolvemento integral, nun marco inclusivo e en función das súas características e necesidades, atendendo a aqueles e aquelas que teñan necesidades educativas especiais, traballando para mellorar a súa formación, os seus resultados académicos e colaborando na súa formación como cidadáns, entendendo a aprendizaxe do alumnado como un proceso de maduración cognitiva, afectiva e social.

Asemade fomentan unha convivencia harmoniosa baseada no respecto e apoio mutuo, a integración entre as diferentes etapas, favorecendo a formación permanente do profesorado, aproveitando os recursos dispoñibles no centro e na contorna, potenciando o uso e o coñecemento das novas tecnoloxías e das linguas, asemade da lectura.
Buscan a mellora da calidade educativa a través da implementación na aula de estratexias metodolóxicas innovadoras e activas, aprendizaxe cooperativa, aprendizaxe por proxectos, aprendizaxe baseada en xogos na aula, aprendizaxe por indagación, que poñen o foco na aprendizaxe por competencias, a partir de experiencias de aprendizaxe reais nas que se aplican de forma integrada, coñecementos, habilidades e actitudes. O Departamento de Orientación contribúe ao logro do desenvolvemento persoal, social e académico do alumnado a través do traballo colaborativo de toda a comunidade educativa e en coordinación cos servizos educativos, sociais e culturais do entorno. As súas actuacións desenvólvense a través de tres ámbitos: o Plan de Acción Titorial, o Plan de atención á diversidade e o Plan de Orientación académico-profesional. 
Este departamento coordina varios proxectos educativos desenvolvidos: o programa PROA, de Reforzo, Orientación e Apoio para potenciar a aprendizaxe e o rendemento escolar do alumando no que participa alumando dende 3º de Primaria ata 2ºESO, o programa de reforzo de competencias clave para alumnado de 3º e 4º ESO, o plan Quérote+ centrado no fomento e información sobre a educación afectivo-sexual e convivencia nas aulas, dirixido ao alumando de 3ºESO e o programa Clases sen Fume de prevención do consumo de tabaco en 1ºESO.
Asemade, Orientación participa na organización e funcionamento do equipo de mediación como estratexia para o fomento dunha convivencia positiva, sinal de identidade do centro, á vez que participa en accións de formación permanente en materia de innovación educativa, destacando a participación nun seminario de formación no Programa CA/AC de aprendizaxe cooperativo da Universidade de Vic, utilizando cunha finalidade didáctica o traballo en equipos reducidos e heteroxéneos de alumnado e estruturando a actividade de xeito que se asegure a participación equitativa e se aproveite ao máximo a interacción simultánea. Dentro do plan de mellora da convivencia encádrase o Coro Xuvenil do CPI Cova Terreña. Unha formación coral a tres voces, de carácter voluntario, onde pode participar o alumnado da ESO. Xunto co conxunto instrumental, o coro realizou numerosos concertos pola xeografía galega e nacional. Na súa discografía contan coa publicación de 5 CDs: "Help", tributo aos Beatles, "Musicais de primavera", Musicais destacados, "Qué movida", música española dos anos 80, "Musica Afroamericana" e "Covanimada", bandas sonoras dos temas Disney máis coñecidos. Están a traballar no próximo CD "Cova mía", un tributo ao grupo Abba que verá a luz o mes de maio.
Conscientes da importancia das linguas estranxeiras, teñen un plan de anticipación da lingua inglesa en Infantil ademais de Seccións Bilingües en Primaria, reforzando así a aprendizaxe da lingua dende distintos enfoques e actividades, favorecendo o coñecemento da cultura anglosaxona. Trabállanse as 4 destrezas: listening, speaking, writing e reading, dándolle mais peso ás destrezas orais a través das actividades e impulsando a interacción entre o alumnado na lingua inglesa. O Departamento de Inglés en Secundaria contribúe a esta necesidade de potenciar, de xeito comunicativo, a expresión e comprensión oral, destrezas fundamentais á hora de aprender unha lingua con proxectos e traballos de aula, salientando o Obradoiro de Teatro en inglés para alumnado 4º ESO, creado en 2009, prepara neste curso Hamlet. Este proxecto implica ensaios e gravacións que se fan durante os recreos, -dinamizando así esta franxa horaria-, edición de vídeo, tradución para os subtítulos, escenografía… A implicación do alumnado é espectacular, non soamente a meirande parte deles mellora a súa pronunciación, perdendo o medo a falar en inglés,  senón que ademais adquiren maior seguridade en si mesmos ao falar nun escenario; por outra banda, o compañeirismo e o respecto entre eles é exemplar.
Outra iniciativa é a materia de Afondamento en Expresión Oral en Inglés para 1ºESO, deseñado como un taller a través de proxectos coma o realizado recentemente, O clima nos países de fala inglesa, no que o alumnado gravou noticiarios do tempo con mapas significativos destes lugares, sendo un traballo interdisciplinar, dentro do proxecto MeteoEscola.
Precisamente o alumnado de 1ºESO participou este ano na English Week, unha inmersión lingüística en inglés dunha semana de duración, onde se estimula a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos diversificados, enfocados á mellora da comunicación oral, co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa.Seguindo nesta liña e de ser elixidos, ofertan os cursos Cuale, que preparan o alumnado que o solicite, para as probas de acceso de certificación dos niveis do ensino especializado de linguas, de acordo co Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). O que si xa é unha realidade é a comunicación con centros europeos a través da plataforma eTwinning para comunicarse e colaborar, desenrolando proxectos ou  para sentirse e formar parte da comunidade educativa máis atractiva de Europa, como se está a facer dende o Departamento de Francés.Na aposta polas novas tecnoloxías, o Cova Terreña forma parte do programa Robótica en Primaria. Asemade, un ano máis, continuan integrados no proxecto E-Dixgal/Abalar, onde o alumnado acaba de estrear a nova dotación de portátiles de última xeración. Destacan a inclusión de novos contidos na aula virtual coa integración no proxecto dunha nova editorial e a participación no programa Leemos. O CPI Cova Terreña sumouse este curso ao programa DepoEmprende na Escola para fomentar o emprendemento entre os máis novos. Os 19 alumnos e alumnas de 6ºA de Primaria constituíronse como unha sociedade cooperativa, “Artesáns&Kids”, redactaron os estatutos, decidiron que capital achegaba cada un e obtiveron o CIF de empresa. Elixido o equipo directivo, redactaron o estudo de mercado e elaboraron os produtos para vender, facendo as primeiras ventas na Festa da Arribada. Con parte dos beneficios axudarán a dúas causas: á ONG “Ayuda al mundo necesitado” de Baiona e á protectora de animais “Bai.senpulgas”.
Pero aínda vamos mais alá, apostando pola innovación educativa, participando noutros proxectos. Durante este curso escolar, un total de 127 alumnos e alumnas de 1º, 2º, 3º e 4º ESO e un equipo interdisciplinar formado por 12 docentes, participan no Plan Proxecta MeteoEscolas, dinamizado polo Dpto. de Xeografía e Historia e coa colaboración dos departamentos de Artes Plásticas, Ciencias Naturais, Física e Química, Francés, Inglés, Lingua galega e literatura e Tecnoloxía.  Este proxecto, a través da posta en marcha dunha serie de actividades e tarefas que xiran arredor da caseta meteorolóxica, permite desenvolver o espírito de observación e análise da contorna. Entre as actividades realizadas polo alumnado destaca a construción e instalación da caseta meteorolóxica “MeteoBaiona”, a recollida diaria dos parámetros de temperatura e precipitación e a súa publicación na cortiza “Somos unha MeteoEscola”, o tratamento estatístico e gráfico dos datos colectados a diario para a súa posterior difusión, o contraste de datos con outras estacións meteorolóxicas da contorna, a creación de instrumentos meteorolóxicos caseiros, a observación das nubes para predicir o tempo atmosférico e a organización dunha exposición temporal sobre as nubes de Baiona: “Paseo polas nubes”. Este curso volven a participar no programa Recíclate con Sogama, coa promoción, participación e implicación da comunidade educativa na correcta xestión do lixo a través da práctica de, redución, reutilización e reciclaxe. O alumnado de 2º e 4º de Primaria tamén traballa a promoción da lingua galega a través da creatividade e a incorporación das TIC nas aulas, mediante a creación de curtametraxes en galego dentro do programa ¡Nós tamén creamos! E o alumnado deInfantil xunto con 2ºESO, traballan na mellora dos hábitos alimenticios nun momento sinalado do seu desenrolo dentro do programa "Aliméntate ben".
O alumnado e proxectos tamén foron merecedores de recoñecemento en diferentes premios, sendo gañadores do Concurso de deseño #Enreda na rede organizado pola Fundación Barrié e Arela, I Concurso Literario Infantil sobre protección de datos organizado por Cultura e Educación e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, do Concurso de ideas innovadoras do proxecto da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, Oceans of plastics organizado polo Campus do Mar, 2º premio Ligamats, 3º premio do I Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero e finalistas no concurso Dinosetojoya organizado pola Escola de Xoiaría do Atlántico. O centro quere destacar que as familias son un eixo importante no centro, como pon de manifesto a gran implicación do ANPA, contando ademais coa Escola de Pais eNnais, xestionada en colaboración coa Mancomunidade do Val Miñor. Tamén implantaron o uso de Abalar Móbil, unha aplicación ofertada pola Xunta co obxectivo de mellorar a comunicación entre o profesorado e as familias, que permite a estas últimas consultar a información académica de calquera dos seus fillos a través do teléfono móbil, recibir avisos, incidencias, solicitar unha titoría e contan con páxina web dinámica onde as familias poden obter máis información do centro na ligazón http://www.edu.xunta.gal/centros/cpicovaterrena/
Teléfono: 886-120001.

Te puede interesar