Xornal Escolar

IES de Beade, 29 años ofrecendo un ensino público de calidade

O edificio do Instituto de Beade.
photo_camera O edificio do Instituto de Beade.

No instituto vigués, que imparte os ciclos de ESO e Bacharelato, se fomentan a tolerancia, os  diferentes valores democráticos,  respecto,  ás normas e o diálogo entre tódolos membros da comunidad educativa.
 

O IES de Beade é un centro de Ensino Secundario, ESO e Bacharelato, onde se fomentan os valores democráticos, a tolerancia, o respecto ás normas e o diálogo entre tódolos membros da comunidade educativa. 
O instituto foi creado en 1988, así que cumprirá os seus 30 anos de vida no próximo mes de setembro, e sitúase na parte baixa da parroquia de Beade, preto de Castrelos. O  alumnado procede, maioritariamente, das parroquias do sur do Concello de Vigo, Castrelos, Beade, Matamá, Zamáns, Valadares, Sárdoma e Bembrive, pero tamén de familias do casco urbano, de barrios como As Travesas ou O Calvario, que escollen para os seus fillos un centro público de tamaño medio, trato familiar e a poucos minutos do centro da cidade. Desde a primeira promoción de alumnado formado integramente no centro, ano tras ano os resultados na selectividade foron amplamente satisfactorios, feito que fixo que este centro acadase unha das mellores cualificacións de todos os centros de Galicia o curso pasado. Na actualidade, o centro atende a 450 alumnos e alumnas, contando para iso con  máis de 40 profesores comprometidos coa creación dun centro de ensino público de calidade, lema que se recordou na celebración dos seus 25 anos de historia como ideario fundamental do centro. 
A súa configuración arquitectónica de 6.000 m2 en torno a un vestíbulo central desde o que se pode acceder visualmente a todas as aulas, sen corredores, fan deste singular edificio un exemplo de claridade na súa organización interna: as aulas, dotadas con canóns de proxección, encerados dixitais, computador e acceso a internet, están adicadas ás materias a impartir, polo que é o alumnado o que percorre as súas instalacións nun espazo aberto que consta dunha claraboia cenital que ilumina con luz natural todo o vestíbulo central. Ademais, conta con diferentes aulas-taller como son: Debuxo, Tecnoloxía, 4 laboratorios, de Física, de Química, de Bioloxía e de Xeoloxía, aula de Música e dúas aulas de informática completamente equipadas. Por último, temos unha gran Biblioteca, que leva o nome da antiga alumna máis famosa: Ledicia Costas. Mención aparte merecen o ximnasio e o pavillón deportivo, recentemente remodelado para converterse, fóra do horario escolar, nun centro deportivo de referencia para toda a parroquia de Beade. Contan, ademais, cun salón de actos con aforo para 300 persoas, e con iluminación e amplificación dixitais, accesible desde o gran vestíbulo do centro, espazo onde se realizan as exposicións dos proxectos educativos.
Posúe un espazo adicado ao servizo de cafetería (con servizo de comidas cando hai clase pola tarde), pista deportiva exterior, xardíns e, como novidade, unha antiga vivenda do conserxe reconvertida en espazo creado para e por o alumnado, onde poden desfrutar de diferentes actividades e xogos cooperativos durante os recreos.
Centro adaptado
Este é un centro adaptado para persoas con mobilidade reducida, conectando os seus tres andares cun ascensor; ten aseo adaptado, mobiliario específico e ramplas nos lugares precisos para facilitar a mobilidade en cadeira de rodas. 
O centro actualmente oferta os catro cursos de ESO, dous Programas de Mellora da Aprendizaxe e o Rendemento (PMAR), en 2º e 3º de ESO, e os dous cursos de Bacharelato nas modalidades de  Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais. 
Tanto en 4º de ESO como en Bacharelato, ofrécese ao alumnado unha ampla gama de materias optativas. En canto ás materias de libre configuración,  2º da ESO ofértase Programación e en 1º de ESO Oratoria, Obradoiro de Comunicación Oral en Francés e Igualdade de Xénero. Ademais, en primeiro de ESO ofértase unha Sección Bilingüe en lingua inglesa na materia de plástica.
O IES de Beade aposta fortemente pola atención á diversidade do alumnado. Contamos para iso co excelente traballo do noso departamento de orientación que, entre outras medidas, organiza:
-Agrupamentos específicos.
-Apoio en grupos reducidos e atención individualizada.
- Programa de identificación e intervención de alumnado con dificultade de aprendizaxe.
-  Programa de identificación e intervención de alumnado con altas capacidades.
Actualmente, o  IES de Beade conta con sete liñas de transporte gratuíto desde distintas zonas da cidade.

Te puede interesar