Galicia reduce ata o 15,1% o abandono escolar

Baixa a porcentaxe de persoas entre os 18 e 25 anos que non continúan estudos e non acadaron un título..
photo_camera Baixa a porcentaxe de persoas entre os 18 e 25 anos que non continúan estudos e non acadaron un título..

Nunha clara aposta pola calidade e a equidade do sistema educativo, iniciativas como os contratos-programa, postos en marcha pola actual Xunta, ou a FP Básica contribuíron de xeito decisivo a diminuír o abandono a un ritmo superior a 1 punto por ano.

Galicia rexistrou no segundo trimestre de 2016 unha taxa de abandono educativo temperá do 15,1%, polo que practicamente acada o obxectivo do 15% fixado pola Unión Europea na Estratexia, Educación e Formación para o ano 2020 para España.  Se tomamos como referencia o primeiro semestre deste ano, a porcentaxe de persoas que deixan de estudar sen acadaren un título sitúase no 15,6%, o que representa un descenso de 10 puntos respecto da rexistrada no ano 2009, que era do 25,8%.
Deste xeito, tanto a media do primeiro semestre (15,6) como o dato do segundo trimestre (15,1) son as cifras máis baixas neste eido rexistrados desde que existen datos ao respecto no Instituto Galego de Estatística (IGE). Cómpre sinalar que o abandono se define como a poboación entre 18 e 24 anos (ambos inclusive) que non completou o nivel de educación secundaria segunda etapa (Bacharelato ou FP de grao medio) e non segue ningún tipo de formación. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o dato, que vén a confirmar a tendencia á redución desta taxa ao abeiro das medidas e políticas desenvolvidas polo actual Goberno galego desde hai 7 anos, cunha baixada do abandono superior a 1 punto porcentual por ano.
Neste sentido cómpre lembrar que a actual Xunta puxo en marcha os contratos-programa, en prol do reforzo das competencias básicas e para favorecer a excelencia. Este curso participaron nesta iniciativa 1 de cada 3 centros educativos públicos, un total de 378, do que se beneficiaron 82.000 alumnos, 7 veces máis ca hai 5 cursos.
 A FP Básica, creada ao abeiro da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), é outro dos piares fundamentais para avanzar no descenso do abandono, ao ofrecer ao alumno a posibilidade de seguir no sistema educativo nunhas ensinanzas ao termo das que obteñen unha titulación de FP de nivel básico, e que lles fai máis doada a obtención do título de graduado escolar. Asemade en Galicia tense realizado unha importante aposta pola formación profesional, a través da que se ten incrementado substancialmente o número de persoas que cursan estas ensinanzas.
 Así mesmo, ao abeiro da LOMCE puxéronse tamén en marcha os programas de mellora da aprendizaxe e rendemento para atender de forma máis personalizada e temperá ao alumnado con dificultades.
 As devanditas son só as principais liñas de actuación influíntes na diminución do abandono creadas e desenvolvidas nos últimos ano pola Consellería de Cultura e Educación co fin de modernizar, dixitalizar e facer máis atractivo o sistema educativo e, deste xeito, fomentar a permanencia do alumnado nel.
 
Estas políticas enmárcanse, así mesmo, nunha clara aposta do Goberno galego pola calidade do sistema do ensino e, sobre todo, pola súa equidade, favorecendo que calquera alumna ou alumno, de forma independente das súas circunstancias persoais, acade unha titulación. Isto supón, a un tempo, o fortalecemento dun sistema educativo de calidade e inclusivo, con atención especial á diversidade do alumnado.
 
Non en balde, cómpre lembrar que no Ranking de excelencia educativa 2015 de Profesionales por la Ética -asociación civil e independente que analiza as políticas educativas por comunidades autónomas en España a partir de 50 indicadores e con datos oficiais- Galicia pasou de ocupar o posto 8º en 2007 a ascender ao 6º en excelencia educativa.
 
Ademais, segundo o informe PISA, Galicia ocupa o segundo lugar do mundo en termos de equidade educativa, o que denota que se desenvolven actuacións para beneficiar aos sectores sociais máis desfavorecidos no acceso á educación, así como para o alumnado con máis dificultades de aprendizaxe. Co fin de seguir mellorando estas cifras, a Consellería segue a traballar a prol dun ensino de calidade a través da introdución de medidas innovadoras e de reforzo das competencias básicas como son os contratos-programa, na procura da excelencia nos nosos centros de ensino
 

Te puede interesar