Xornal Escolar

Formación sobre Inclusión e Atención á diversidade

20180423230706050
photo_camera Un proxecto co obxectivo de seguir mellorando na atención destes mozos e mozas.

Dentro deste contexto, a Consellería de Educación creará unha nova materia de libre configuración autonómica, Sociedade inclusiva, a primeira destas características en toda a comunidade educativa de España.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu á xornada de formación sobre educación inclusiva, que congregou a preto de 150 docentes de toda Galicia co obxectivo de ampliar os seus coñecementos neste ámbito e divulgar as boas prácticas.Nesta xornada participaron, ademais, entidades especialistas na atención á diversidade, así como diferentes profesionais que impartiron conferencias e ofreceron actividades para dar a coñecer proxectos inclusivos sobre alumnado con TEA (Trastorno do Espectro Autista) ou TDAH  (Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade). 
Esta xornada, que se enmarca no plan anual de formación do profesorado que pon en marcha todos os cursos a Consellería, componse de 8 horas presenciais de duración.  A maiores, tamén está previsto organizar outros dous eventos formativos de educación inclusiva, dirixidos a especialistas e a xefaturas de departamentos de orientación.
Galicia, referente
Cómpre destacar que Galicia é referente na educación inclusiva e de feito, o último informe do Ministerio reflicte que o 91,9% do alumnado con NEE está integrado en centros ordinarios, o que favorece a igualdade de oportunidades. Neste último aspecto tamén inflúe a equidade. Segundo PISA e estudos recentes, o sistema educativo galego é o máis equitativo do Estado, situándose por riba de países como Finlandia.   
Co obxectivo de seguir mellorando na atención destes mozos e mozas, o departamento educativo da Xunta de Galicia ten diversas accións formativas tanto dentro coma fóra dos centros. Neste contexto, un total de 135 centros contan xa cun plan de formación permanente do profesorado na liña específica de Escola inclusiva e Atención á diversidade. Ademais, ofertáronse 81 cursos (1918 horas) de formación nos que participaron 1155 persoas, con temáticas relacionadas coa comunicación aumentativa, discapacidade visual e auditiva, trastorno do espectro autista ou linguaxe de signos, entre outras. Así mesmo, todas actividades de formación de docentes en centros contan xa cun módulo específico de Inclusión, convivencia e igualdade (ICI), de 20 horas, sobre os contidos recollidos nos protocolos e documentación pertencentes á Estratexia galega de convivencia escolar. 

Te puede interesar