Xornal Escolar

Educación testará a situación da convivencia nos colexios

O obxectivo é activar foros de debate no que participen as familias.
photo_camera O obxectivo é activar foros de debate no que participen as familias.

Reforzaranse as Escolas de Nais e Pais como espazos de debate e intercambio a través de foros e dunha aplicación específica dentro dos Centros de Formación e Recursos á disposición de todas as familias galegas.
 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa coa folla de ruta establecida no ámbito da convivencia escolar, co reforzo de accións xa establecidas e a implementación doutras novas, tal como se informou hoxe no Consello para a Convivencia Escolar na súa reunión anual.  O conselleiro de Educación, que presidiu a xuntanza, anunciou que no primeiro trimestre de 2018 vaise lanzar  un novo macrocuestionario censal ao conxunto da comunidade educativa (familias, alumnado, docentes, persoal non docente) para testar o estado da convivencia nos centros escolares galegos; polo que se establece unha periodicidade bianual desta enquisa, logo da primeira que se fixera deste tipo a finais de 2015. Segundo explicou o conselleiro, é necesario contar cunha diagnose exhaustiva e obxectiva sobre a situación da convivencia para poder articular medidas máis acertadas ao respecto. 
Neste senso, o establecemento con carácter bianual deste tipo de consulta, permite tomar o pulso da convivencia de xeito continuado no tempo e coñecer a súa evolución. 
Así mesmo, ao abeiro do I Plan de Igualdade nos centros educativos, Román Rodríguez anunciou a posta en marcha un novo Portal de Igualdade con recursos e orientacións para fomentar a coeducación nos centros escolares. 
Outra das accións en materia de convivencia nas que leva traballando a Consellería son as Escolas de Nais e Pais. 
A este respecto, desde o departamento de Educación vanse reforzar especialmente estas Escolas mediante a posta a disposición de infraestrutura (a través dos Centros de Formación do Profesorado, que contarán cunha sección específica) e de apoio profesional con poñentes expertos en cada campo. Así mesmo, habilitarase unha ferramenta informática que funcione como repositorio de contidos á disposición das familias. 
O obxectivo é activar foros de debate no que participen as familias, a través dos cales se canalice información, se fomente o debate social e se impulse a creación de marcos de acción común arredor da educación. 
Ademais da infraestrutura e os medios técnicos e profesionais, a Consellería proporá un catálogo de temas de debate ben para as familias, ben para familias e profesorado en conxunto.
Por outra parte, a consellería vén de presentar aos colexios un traballo de Orientacións sobre Identidade Dixital (dispoñibles no web identidadedixital.gal) cunha serie de materiais -varios vídeos e un libro dixital bilingüe- no que se abordan cuestións como os riscos da rede, a suplantación de identidade, compras en internet por parte dos menores.  

Te puede interesar