Docentes traballan sobre os retos da educación inclusiva

Os novos desafíos pasan por introducir itinerarios flexibles para os alumnos con maiores necesidades e blindar a certificación de competencias e saberes.
photo_camera Os novos desafíos pasan por introducir itinerarios flexibles para os alumnos con maiores necesidades e blindar a certificación de competencias e saberes.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, inaugurou a xornada, que congrega a orientadores, directores de centros, especialistas en Pedagoxía Terapéutica e representantes de entidades e asociacións vinculadas á diversidade.

Arredor duns 400 docentes, entre orientadores, especialistas en Pedagoxía Terapéutica e directores de centros ademais de representantes de entidades e asociacións vinculadas á diversidade deronse  cita en Pontevedra para afondar nos retos de futuro dunha educación inclusiva, no marco da “VII Xornada dos xefes e xefas dos departamentos de Orientación. Asesoramento para un proxecto inclusivo de centro”, que inaugurou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez. O responsable de Educación da Xunta puxo en valor a importancia de encontros coma este para avanzar nun sistema educativo máis equitativo e de maior calidade e destacou, sobre todo, o papel que xoga a formación do profesorado na atención á diversidade.
Neste senso, o conselleiro subliñou que a formación docente é unha das liñas estratéxicas do Goberno galego, que se está reforzando con programación específica en diversidade nos plans de formación permanente, ademais de nos seminarios e grupos de traballo. De feito, a día de hoxe, 73 dos 380 centros que contan cun plan de Formación Permanente teñen un Plan con liña especializada en atención á diversidade; e o curso pasado impartíronse preto de 1.000 horas de formación na materia e máis de 2.000 profesores actualizaron os seus coñecementos.
 Aportación ao Pacto de Estado
 Segundo Román Rodríguez, os novos desafíos pasan por introducir itinerarios ou currículos flexibles para o alumnado con maiores necesidades educativas ou situacións sociofamiliares complexas, co fin de favorecer a súa permanencia e progresión no sistema; así como blindar a certificación de competencias e saberes adquiridos por experiencia laboral ou por formación non formal a través dunha acreditación que lle abra a posibilidade de validar esta formación. Estas dúas propostas foron defendidas por Galicia ante o Senado, co fin de incluílas no Pacto de Estado pola Educación, no que se está a traballar.
 Tamén no ámbito da formación, o conselleiro referiuse ao grupo de traballo creado coas tres universidades galegas para a mellora da formación do profesorado, no que a escola inclusiva e a atención á diversidade abórdase de xeito transversal. Nesta liña, o venres pasado presentáronse as conclusións do documento xurdido do grupo de traballo, do cal se desprende a importancia de manter un diálogo permanente entre as universidades e a rede de formación permanente do profesorado para achegar os plans de estudo universitarios e a formación permanente co fin de dar resposta aos retos do sistema educativo. Trátase dun traballo pioneiro en todo o Estado no que se analizan as competencias profesionais docentes en Galicia.
 e se reflexiona sobre as que os estudantes de Maxisterio deberían adquirir durante a súa etapa formativa.
 
A diferenza como valor engadido
 
Román Rodríguez emprazou aos docentes que participan na xornada a seguir “sumando esforzos” cara un sistema no que as diferenzas sexan consideradas “un valor engadido e enriquecedor para o alumnado, para a comunidade educativa e para o conxunto da sociedade”.
 
Os asistentes a este encontro debaterán ao longo do día sobre os retos e fortalezas dunha escola inclusiva, partindo da experiencia das comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Murcia e Castela-León. Nela participan relatores de primeiro nivel neste ámbito como a coordinadora da REID (Red Estatal de Infancia con Discapacidade), Inés de Araoz; e a directora do Centro Aragonés de Recursos para a Educación Inclusiva, Coral Elizondo Carmona, entre outros.
 
Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, á apertura da xornada tamén asistiron o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o director do CFR (Centro de Formación e Recursos) de Pontevedra, Jesús Manuel Álvarez Bertolo, organizador do acto; entre outros.
 

Te puede interesar