Xornal Escolar

Os docentes poderán ampliar a súa formación en linguas

O plan anual funcionará como unha folla de ruta para todos os docentes galegos que queiran.
photo_camera O plan anual funcionará como unha folla de ruta para todos os docentes galegos que queiran.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou o plan anual de formación do profesorado 2017/18, que responde ás competencias profesionais que debe adquirir un docente e busca acompañar os novos programas educativos ata 2020.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou o Plan anual de formación do profesorado para o curso 2017/18 que, ao igual que o anterior, seguirase estruturando en base ao marco de competencias profesionais docentes. Ademais, introduce unha serie de novidades vinculadas aos novos programas educativos ata 2020. Neste sentido, dentro das dez liñas mestras que articulan o novo documento, destacan os plans específicos que se poñerán en marcha o vindeiro curso para dar resposta aos novos retos e oportunidades que se plantexan no sistema educativo galego. Así, desenvolverase un plan específico dirixido a apoiar ás persoas que desenvolven ou queren desenvolver funcións directivas nos centros. Ademais, e ao abeiro da nova Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020, implantarase por primeira vez un plan específico co fin de promover a certificación do profesorado.
Do mesmo xeito, a futura estratexia galega de educación dixital 2020, que se presentará en breve, conleva tamén o desenvolvemento dun documento específico de formación neste ámbito. Neste mesmo marco introdúcense as iniciativas formativas no ámbito STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), vinculadas ás materias de libre configuración autonómica como Programación, Robótica ou Identidade dixital, esta última de nova implantación o curso que vén. 
Formación en convivencia
Ademais destas liñas de acción específicas, o plan tamén recollerá a posta en marcha en todas as liñas de formación dun módulo obrigatorio de acompañamento sobre igualdade, convivencia e inclusión coa intención de que todo o profesorado teña a oportunidade dunha formación básica e actualización nestas materias. Na mesma liña, traballarase no desenvolvemento das ‘Escolas de nais e pais’, entendidas como unha ferramenta esencial para favorecer a participación das familias na educación.
Tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, tamén se seguirá afondando na atención á diversidade e promoción da inclusión a través da colaboración con entidades; e impulsando os plans de formación permanente nos centros, co obxectivo de que en 2021 todos teñan ou participen nun. De feito, pasouse dos 68 iniciais no curso 2012/13 aos 380 actuais, o que se corresponde co 40% dos centros públicos. O plan anual funcionará como unha folla de ruta para todos os docentes galegos que queiran ampliar a súa formación continua, partindo da base de que “todo o que se faga por mellorar a formación dos profesores repercute directamente no alumnado e, en consecuencia, na sociedade en xeral”. 

Expectativas superadas: máis actividades e profesores formados
O conselleiro, que agradeceu a implicación dos profesionais da Rede de formación, así como dos docentes que realizan as actividades, debullou algúns dos datos que deixa o plan do curso pasado. Deste xeito, cómpre destacar que se realizaron 2.806 actividades formativas, 16 por día, un 26% máis que no curso 2015/16. De entre elas, máis do  67% desenvolvéronse no entorno dos propios centros, e o outro 33%, en accións como cursos, congresos ou xornadas de xeito individualizado. A valoración das mesmas situouse en 4,3 puntos sobre 5, mellorando nunha décima a cualificación anterior.

Pero un dato especialmente relevante é o do número de docentes que realizan unha ou máis actividades formativas ao longo do curso. En concreto, foron 20.406 o curso pasado, o que representa un 60% do total do profesorado. 

Tendo en conta estes números, Román Rodríguez subliñou que se superaron as expectativas esbozadas o ano pasado durante a presentación do plan, na que se fixara como reto alcanzar as 2.400 actividades e preto dos 20.000 docentes formados. “Os datos indícannos que imos polo bo camiño. Sigamos, entre todos, construíndo un sistema educativo galego forte no seu conxunto, e exemplar para o resto de España”, concluíu. 

Durante a presentación do plan, o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira; polo subdirector de Ordenación e Innovación educativa e Formación do profesorado, Manuel Vila; así como polo director do CAFI, Ángel Rodríguez, e demais representantes da Rede de Formación. 
SAÚDOS,

.

Te puede interesar