xORNAL ESCOLAR

A Biblioteca de Galicia da a coñecer os seus fondos

Tratan de poñer en marcha a plataforma de préstamo para o libro electrónico GaliciaLe.
photo_camera Tratan de poñer en marcha a plataforma de préstamo para o libro electrónico GaliciaLe.

O secretario xeral de Cultura, que presentou a primeira das mostras coincidindo co Día da Biblioteca, recordou o labor fundamental que veñen realizando as bibliotecas a prol do fomento da lectura e do acceso dos nenos a lectura.
 

A Biblioteca de Galicia pon en marcha unha serie expositiva para dar a coñecer entre a cidadanía as incorporacións máis recentes aos seus fondos. Coincidindo co Día da Biblioteca, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou na Cidade da Cultura a primeira das mostras, acompañado pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; pola subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, e polos responsables dos servizos da Biblioteca de Galicia e do Sistema Bibliotecario da Xunta de Galicia, Daniel Buján e Consuelo Meiriño, respectivamente. 
Durante o acto de presentación da mostra, que reúne máis de 50 pezas, Anxo Lorenzo recordou o labor fundamental que veñen realizando as bibliotecas a prol do fomento da lectura e tamén do acceso da cidadanía aos libros, ademais de constituíren, segundo precisou, un equipamento cultural básico e cada vez máis valorado e utilizado polo conxunto da sociedade. Logo de destacar o proceso de renovación tecnolóxica impulsada nos últimos anos e que permitiu, entre outras iniciativas, poñer en marcha a plataforma de préstamo para o libro electrónico GaliciaLe e o novo sistema integrado de xestión bibliotecaria, o secretario xeral referiuse á celebración do Día da Biblioteca como unha oportunidade para programar un conxunto de actividades desde as bibliotecas públicas de xestión autonómica arredor desta data, como obradoiros, charlas, contacontos, mostras bibliográficas, liberación de libros e visitas guiadas para coñecer as instalacións e os servizos bibliotecarios. 
A posta en marcha da serie expositiva da Biblioteca de Galicia nace tamén ao abeiro desta celebración, para dar a coñecer as obras que vai incorporando e coas que se van enriquecendo os seus fondos, nomeadamente a través de dúas vías fundamentais: por unha banda, o depósito legal, e, por outra, a adquisición, o depósito ou a doazón de fondos de interese para Galicia por parte de entidades e/ou particulares. 
Fondo antigo, con diversos incunables
Distribuída en varias vitrinas, situadas tanto no espazo central do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, no Gaiás, como no depósito da biblioteca, a mostra inclúe unha selección de fondos antigos, con dous incunables de recente ingreso na Biblioteca de Galicia e procedentes da doazón recibida de Manuel Banet López de Rego e de Alena Dobrkovska:  o coñecido Libro de las propiedades de las cosas e a obra coñecida como a Biblia do oso, tradución (prohibida na época) ao castelán feita clandestinamente en Basilea en 1569.Onda estes libros tamén se expón un incunable de Juan de Torquemada.
, Questiones evangeliorum tan de tempore quam de sanctis, xunto con copias de varios manuscritos, como o da obra As cruces de pedra na Galiza, de Castelao. Inclúese, así mesmo, un facsímile do Pergamiño Vindel.

Tamén se poden ver na mostra varias publicacións periódicas e folletos de recente adquisición, como é o caso de dous números da colección Vida Gallega con portadas de Lugrís e Prego de Oliver, e algúns números da revista arxentina Fray Mocho, de 1915, con ilustracións do recoñecido caricaturista lucense José María Cao Luaces. 

Obras singulares do século XX

O libro galego de comezos e de mediados do século XX é outro dos eixos da mostra. Destaca a edición dos Catro poemas galegos de Lorenzo Varela, con música de Juan Bautista e con gravados e deseño de cuberta de Luís Seoane, editado na Arxentina, xunto coa Gramática do idioma galego de Lugrís Freire, editada na Coruña en 1922, ademais dunha edición, con cuberta ilustrada por Castelao, da obra Da terra asoballada, de Ramón Cabanillas, e mais a obra ¡Mal ollo! Comedia de ambente mariñeira, de Cándido A. González, con cuberta de Laxeiro. Carteis de festas –e da primeira celebración do Día das Letras Galegas– e discos, procedentes na súa maioría do Depósito Legal, son outros dos materiais que se poden ver na exposición, coa que Biblioteca de Galicia pretende amosar unha mostra do valor e da variedade de obras que se van incorporando aos seus fondos. 

Conservación e difusión do patrimonio bibliográfico galego

A Biblioteca de Galicia recolle canto é de interese para Galicia no ámbito bibliográfico, considerando como tal todo o que se publica na nosa terra ou en galego en calquera parte do mundo, así como as obras que se relacionan con Galicia polo seu autor ou pola súa temática. Tamén ten responsabilidade na conservación do patrimonio bibliográfico existente en Galicia, entendendo por tal os libros de máis de cen anos e, de forma especial, aqueles que polo seu valor e antigüidade forman parte xa do noso tesouro bibliográfico. A función da Biblioteca de Galicia con estes fondos baséase na súa conservación, pero tamén na súa difusión. Esa e a razón que está detrás tanto das políticas de dixitalización como das de realización de mostras como a presente.
 

Te puede interesar