XORNAL ESCOLAR

Altamira de Salceda de Caselas aposta por una liña educativa global de vangarda

Dende a Consellería de Educación da Xunta xunto coa Secretaría Xeral para o Deporte, o centro educativo foi acreditado como centro incorporado á iniciativa “Galicia saudable”, participan tamén en diversos programas, como “Xogade”, a través da coordinación coa área de Educación Física.

Exhibición da Garda Civil no colexio.
Exhibición da Garda Civil no colexio.
Altamira de Salceda de Caselas aposta por una liña educativa global de vangarda

O CEP Altamira de Salceda de Caselas está situado no concello pontevedrés e naceu do Colegio Público de EGB de  Salceda de Caselas, unha das moitas concentracións escolares da Lei de Educación dos anos setenta. As escolas unitarias dos barrios e aldeas de Salceda pecharon e os mestres e mestras formaron o primeiro claustro do colexio.
Co cambio de réxime o centro pasou a ser Colexio Público de EXB e sufriu unha forte transformación nos anos ostenta coa democratización do réxime interior, a participación do alumnado no centro, o traballo colectivo do profesorado, comisións mixtas – alumnado, profesorado, pais/nais- a introducción no centro do estudio da lingua galega e celebracións propias da nosa cultura. Pero desta etapa o máis destacado foi a apertura do centro á sociedade, coa presencia dos pais e nais no centro para múltiples actividades conxuntas- comisións, reunións co profesorado, colaboración en actividades e investimentos, recollida dos boletíns de notas, organización de actos, viaxes escolares, etc. Nesta época o centro empezou a facer celebracións propias fóra da escola: Magostos, Entroidos, Letras Galegas, Intercambios  e xornadas de convivencia. Establecéronse relacións con outros centros para intercambios culturais, con centros culturais do entorno, e experiencias didácticas que se compartiron por comisións ou por cursos con profesorado doutros colexios: Radio Escolar, Proxecto Abrente, a montaxe experimental da aula de informática, obradoiros, Mártires de Sobredo, Olimpiadas Escolares e  marchas Ciclistas. Nos anos noventa o colexio transformouse nun Centro Público Integrado, con alumnado dende 1º de Primaria ata 4º da ESO.  Cabe destacar un paso máis na apertura do centro á sociedade coas Xornadas de Portas Abertas con motivo das Letras Galegas. Coa posta en marcha do IES de Parderrubias, o centro acolleu ó profesorado e alumnado do Colexio de Parderrubias, pasando a ser o actual Centro de Ensino Primario Altamira, que se caracteriza por unha liña educativa global.
A liña educativa do centro entróncase con obxectivos como xeneralizar prácticas pedagóxicas que permitan o desenvolvemento das competencias básicas, desenvolver un clima escolar positivo dende un modelo integrado de convivencia, potenciar a participación das familias e facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecer á comunidade unha información directa, inmediata, clara e exhaustiva e colaborar activamente coas Administracións Educativa e Municipal.
Actividades
Dende a dirección do centro se incorporan aos programas de innovación educativa que convoca a Consellería de Educación. Levando a cabo diversos proxectos transversais onde o principal obxectivo é a adquisición de hábitos de vida saudables. Neste senso, participan en diversos programas, o programa“Xogade”, a través da coordinación coa área de Educación Física, “O sabor da aventura está no mar”, que promove as comidas saudables  e “Distribución de froitas nos centros escolares”, con reparto gratuíto de froita variada entre o alumnado durante tres semanas ao longo do curso. Isto fixo que dende a Consellería de Educación xunto coa Secretaría Xeral para o Deporte se les concediese a acreditación de centro incorporado á iniciativa “Galicia saudable”. Tamén están inmersos noutros proxectos destacables como “Voluntariado de lectura-A”, con punto de partida na biblioteca.Ademais están incorporados á iniciativa PLAMBE, Plan de mellora de bibliotecas escolares.
Doutra banda, no centro tratan de implementar o traballo lectivo coa actividade de “Contratos-programa para a mellora do éxito escolar”, que levanse a cabo a través de dúas modalidades: PROA (dende 3º a 6º curso), un programa de reforzo, orientación e apoio fóra do horario lectiva,dúas tardes á semana, para o alumnado que requira unha axuda para o seu desenvolvemento curricular axeitado e “Mellora da lectura, escritura e cálculo” (5º-6º curso), onde o obxectivo é a mellora das técnicas instrumentais básicas a través de diferentes obradoiros (radio, teatro, xardinería, danza, blog, etc.). Dende o pasado ano incorporouse un grupo de alumnado de Excelencia académica para 6º curso.
O centro,  que se sitúa a uns 500 metros do centro urbano consta de tres pavillóns exteriores,edificio administrativo, pavillón central e ximnasio, dúas pistas deportivas con gradas, un patio con pistas polideportivas e un patio cuberto. Rodean ao edificio outros dous patios onde xogan os nenos máis pequenos. O centro disfruta do uso do pavillón municipal anexo en exclusividade durante o horario lectivo. O centro conta  con 25 unidades de Educación Primaria, aula de Música, aula de Inglés, taller de natureza, cociña, radio escolar e ximnasio. Dispoñen de servizo de comedor, aula matinal, dende as 7:30 horas e 6 liñas de transporte escolar ás diferentes parroquias.
Web do centro
Información sobre as actividades desenvolvidas no centro, localización, oferta educativa, servizos, instalacións, etc.: http://www.edu.xunta.es/centros/cepaltamira/. 
Na páxina web están aloxados os blogs de 1º, 2º e 3º ciclo, o blog de biblioteca, o de Inglés, o de Educación Física e antigas xeracións de alumnos/as EXB e EP.