Miguel Santalices Vieira Presidente do Parlamento de Galicia

"Teño claro que as miñas aspiracións políticas están cumpridas dabondo"

Miguel Santalices, onte no Parlamento de Galicia.
photo_camera Miguel Santalices, onte no Parlamento de Galicia.

No leito de morte, o pai de Miguel Santalices, un farmacéutico, licenciado en Dereito e xuiz de instrución de Bande durante nove anos por accidente logo de xubilarse como boticario, volveu repetirlle ao fillo deputado que se equivocara meténdose na lea política.

Santalices lembrou a seu pai durante o seu discurso na sesión constitutiva da Décima Lexislatura que o venres o elixiu presidente do Parlamento de Galcia. Leva na Cámara dende 1997, é o deputado "máis veterano, aínda que non o máis vello", pero antes de desobedecer o consello paterno dirixiu os hospitais de Vigo, Ourense e Toén. Vicepresidente en dúas ocasión, presidente en sustitución de Pilar Rojo dende o pasado xaneiro, tamén foi portavoz de Sanidade do PP durante case dúas décadas. "Hoxe meu pai levaría unha alegría", di. 

Todos daban por feito que ía repetir como presidente do Parlamento, máis vostede non o tiña claro.
No fondo si.

Cando o soubo con certeza?
O mesmo venres. 

Quen llo dixo?
Díxomo Feijóo. Tivemos unha reunión do grupo no que se anunciaban os cargos e un pouco antes díxome que despois das consultas que fixera cos deputados era oportuno que seguise como presidente do Parlamento. Tamén me dixo que habería un par de cambios na Mesa, aínda que non me contou cales eran.

Vostede é o máis veterano dos parlamentarios...
(Interrompe) Pero non o máis vello. Hai oito ou nove máis vellos ca min (ri).

Ata cando seguirá sen facerlle caso ao seu pai?
Agora xa da igual. Algunha xente tenme preguntado que opinión tiña sobre se Feijóo se retira. Pero se aínda non tomou posesión como presidente da Xunta! Haberá que esperar... A verdade, levo seis lexislaturas e eu non son a persoa que pode falar de renovación no PP, pero tamén creo que ter xente con experiencia nunha institución política, máxime como neste Parlamento, aporta aspectos positivos. Neste sentido si teño claro que as miñas aspiracións políticas están sumamente cumpridas. Nunca pensei ni por remota idea que ía acabar sendo presidente do Parlamento. Eu era un portavoz de Sanidade bastante aguerrido pero nunca pensei acabar aquí. 

Con aspiracións cumpridas, quédalle a espiña de non ter sido conselleiro de Sanidade?
Creo que foi un acerto. Se chego a conselleiro de Sanidade nunca acabaría de presidente da Cámara. Estaría sumamente exposto e seguramente sería cesado. 

Aínda que non é o máis vello pero si o máis veterano, que diferenzas atopa entre os parlamentarios de antes e os de agora?
Hai diferenzas, por exemplo na forma de vestir, aínda que pareza algo obvio sen moita profundidade. E despois na forma de debater. Eu recordo a Jaime Pita, Alfredo Suárez Canal, Bautista Álvarez... Eran deputados moi duros, cunha formación moi sólida pero confrontaban as ideas escoitándose e logo debatían con dureza. Presenciei debates encarnizados pero sempre dende o respecto institucional e así gaña o Parlamento. Tamén os medios de comunicacións cando se respectan as quendas de intervención. Cos altercados pérdense moitas cousas.

É certo que agora o nivel é máis baixo ou é un ‘cliché' sen fundamento?
O nivel dos parlamentarios de agora tamén é bo. A xente está moi preparada, trae os temas documentados é teñen unhas ferramentas de traballo moi superiores ás de antes.

Quen o impresionou máis en todos estes anos como parlamentario?
Teño dous ou tres nomes. Un foi Alfredo Suárez Canal porque é moi rigoroso e serio. Outro deputado que me impresionou moito pola súa oratoria foi Méndez Romeu. E como persoa que reflexiona, analiza e sempre ten unha saída argumentada por complexo que sexa o tema é Pedro Puy. 

Cre que nesta lexislatura o seu traballo será máis doado sen Xosé Manuel Beiras na Cámara?
Será un traballo igual. O de Beiras considero que foi unha situación anecdótica dentro do que é o debate parlamentario e non por iso ten que ser a norma que presida este Parlamento. Eu espero que a lexislatura estea marcada por un respecto institucional e por debates en profundidade que a sociedade espera. 

Vostede suspendeu a Beiras de emprego e soldo, que lle dixo?
El criticouno despois, pero creo que el mesmo decatouse de que eu non tiña outra alternativa. A min colocoume nunha situación extrema. Sei que aplicar o artigo 104 e quizais o máis duro do Regulamento porque a suspensión das funcións de parlamentario leva implícito a do soldo. Tíveno que facer porque era unha situación de extrema gravidade xa que podía provocar unha altercado no Hemiciclo. Para min foi unha situación sumamente desagradable e teño que dicir que aínda que nin deputados nin medios de comunicación criticaron a decisión, creo que tamén cometín un erro. Está ben aplicado o regulamento pero non foi perfecta a miña imaxe corporal cando me poño de pé. Recoñezo que aí errei porque tiña que tomar a decisión sentado. 

Cales son os retos desta lexislatura?
Iniciada a participación cidadá na anterior, temos que seguir afondando neste tema. É bo que a sociedade participe. Márcome como reto tamén a riqueza do idioma e vou anunciar en breve que imos crear o portal xurídico galego en colaboración coa Universidade e a Consellería de Presidencia e Administración Pública. E por suposto, teño o obxectivo dar a coñecer a institución apoiado nos deputados e na figura dos ex parlamentarios para qu  divulguen o que se fai nos colexios nas asociacións... Quero darlle un pulo a isto. 
Case me respondeu a pregunta de se cre que a sociedade é consciente do traballo que se fai na Cámara.
Ao mellor temos que explicalo máis. 

"Agardo que o termalismo estea na carteira de servizos médicos"

Que opinión ten de Pedro Puy, Luís Villares, Fernández Leicega e Ana Pontón, voceiros das formacións políticas con representación?
A tres os coñezo xa, a Leiceaga, Pontón e Puy. Con Villares a única conversa que tiven foi dun tema digamos doméstico. A Villares hai que esperalo, Ana Pontón é unha boa parlamentaria e una portavoz experimentada. A Leicega o coñezo de anteriores lexislaturas, ten coñecementos económicos importantes e pode enriquecer o debate cunha persoa moi experta que temos como Pedro Puy. Agardo debates enriquecedores de dous profesores de Universidade. 

Tivo palabras de agradecemento para os compañeiros da Mesa que o acompñaron na pasada lexislatura. Gústanlle os que ten agora?
Claro que si. Ademais son respectuoso co que elixan os grupos. O recordo para os anteriores compañeiros da Mesa foi porque as decisións pódense tomar por acordo ou votación e creo que só votamos unha vez. Quere dicir que tivemos un nivel de consenso moi alto en situacións complexas. Teño que recoñecer que foron discretos e leais e gustaríame que o nivel de consenso foxe igual nesta lexislatura. 

Xa que fala do consenso, díxome onte a socialista Noela Blanco que agarda que o PP desta volta non aplique o ‘rodillo' da maioría absoluta polo menos en política social. Pode influír o que aconteza en Madrid para que o PP escoite máis á oposición?
Eu creo que non houbo tanto 'rodillo' parlamentario. É unha expresión vella. Fomos o Parlamento con máis capacidade lexislativa e o máis eficiente cun nivel de consenso alto, ademais en leis de calado como a da dignidade dos enfermos terminais. Nos temas sociais este Parlamento e quen de acadar consensos e creo que vai a ser tamén a liña. 

Foi oferente diante do Apóstolo Santiago, representou a Galicia o pasado 12 de outubro en Madrid, agora preside a Cámara dende o inicio da lexislatura... En que acto se emocionou máis?
No do Apóstolo porque ademais véñenme varios sentimentos. A canción que mellor describe o que é peregrinar a Santiago é o 'Romance de don Gaiferos', do meu tío avó Faustino Santalices. Eu síntome moi identificado con iso. As miñas orixes son dun galeguismo de centro-dereita e tiven unha sensación interior moi grande na ofrenda ao Apóstolo.

Di un refrán: “Un médico cura, dos dudan, tres muerte segura”. Cando Fraga se desvaneceu na tribuna de oradores do Parlamento  atendérono varios médicos e entre eles estaba vostede...
Cando Fraga se marea o primeiro que sae é o conselleiro de Sanidade José Manuel González, foi cando lle di aquela famosa frase: “Le he dicho que no”. Entón eu saltei e díxenlle a Fraga: “Fágame caso señor presidente polo seu ben e o de Galicia”. Aí e cando entra a súa irmá e Tuco Cerviño di “hai médicos aquí Miguel” porque eu pido que baixe o médico do Parlamento. “Pero non exercemos, Tuco”, respondín. Logo entre todos, con Chema Ferreiro que era ATS e deputado do BNG, como puidemos retiramos a Fraga do Hemiciclo. Xa no despacho quedeime só con el, veu o médico da Cámara e o atendemos ata que se recuperou.

Foi o patrón moi duro de convencer?
El douse conta de que naquel momento necesitaba a nosa axuda e Fraga ante os médicos era un home disciplinado. 

Por que en Ourense o PP sempre saca os mellores resultados?
Porque ten unha maquinaria moi ben traballada e estamos introducidos entre a xente. Afortunadamente temos un presidente, Manuel Baltar, que ten o esquema organizativo na cabeza e sabe como temos que responder ante calquera convocatoria electoral que nos poñan. Facemos unhas reunións as oito e media da mañá nas que distribúe a función de cada un de nós e acabado iso repasamos o do día anterior. Cada un ten que dar conta do que fixo. A consigna sempre é “entre a xente, con valentía e sen medo a pedir o voto”. Son cousas que nos diferencian.

Que lle gustaría que se conseguise para a provincia de Ourense nos vindeiros catro anos?
Pois unha cousa das que levo pelexado moito porque favorece a Ourense, pero tamén a outros sitios de Galicia. Quixera que o termalismo terapéutico formara parte da carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde. Significaría que explotaríamos a gran riqueza que non teñen outros, as augas minero medicinais. Así todo o gran proxecto termal que ten a Deputación e está funcionando ben melloría moito. 

A súa dona Teresa foi concelleira moi querida en Vigo. Fálase moito de política na súa casa?
Fálase o xusto. Ela afrontou esa etapa con moita ilusión. Non quería meterse en política pero ía a súa amiga Corina Porro de candidata e ao final convencémola. Creo que fixo un traballo bastante bó, pero creo que chega cun político na casa, aínda que apoiarei sempre o que faga.

De onde lle ven a paixón pola arte e a cultura?
De meu pai. Recordo grandes conversas con Celso Emilio Ferreiro, con Eduardo Blanco Amor. Meu pai foi quen me presentou a Xaime Quessada e a artistas cos que sigo tendo unha gran relación. 

De cantos cadros é responsable que adornen o Parlamento?
De bastantes. Responsable é o Parlamento que é quen decide compralos, tamén hai cadros que están en depósito para que a xente poda contemplalos pero son propiedade dos artistas. Na etapa na que fun vicepresidente con García Leira creo que lle demos un impulso grande ao patrimonio da Cámara.
    
Leva posta a pulseira de 'Ourensanía'. Que lle din os compañeiros da Cámara?
A Ourensanía é un sentimento. Estamos todos moi indentificados con ela. A característica fundamental que nos define aos ourensáns, sabe cal? 

Cal?
Vémolas vir. 

Te puede interesar