GONZALO CABALLERO CANDIDATO ÁS PRIMARIAS DO PSDEG

"Temos que renovarnos para retirar ao PP do control electoral"

Gonzalo Caballero.
Gonzalo Caballero.
"Temos que renovarnos para retirar ao PP do control electoral"

Son importantes as primarias?
Coa elección de Pedro Sánchez, o PSOE abriu un novo tempo político, que nos sitúa nun escenario de recuperación electoral. Estas primarias son unha oportunidade para recoller o vento a favor que sopra no partido, pero en clave galega. O socialismo galego precisa unha nova etapa, con novos referentes e novas liñas de acción. Hai que retirar ao PP do control electoral en Galicia. Hai que elixir entre o inmobilismo e a debilidade que vimos arrastrando, e unha opción de renovación, de impulso das bases e de rexeneración do proxecto.


Pero dá a sensación de que os tres candidatos proceden do “sanchismo". Hai diferenzas?. 
É público e notorio que eu traballei intensamente a prol da candidatura de Sánchez. Pero estas primarias son distintas. Hai que buscar unha dirección en sintonía coa dirección xeral, pero en clave galeguista. Hai  unha posibilidade que é optar por un liderado débil e tutelado polas baronías, nunha operación deseñada desde a sombra que intenta facer crer que algo vai cambiar. A nosa opta por un cambio real impulsado polos militantes. 


Supoño que fala de Villoslada e o apoio da xestora...
Cada un que poña os nomes que queira. Todos somos conscientes de que os aparatos son máis reacios ao cambio. E os militantes de base son máis dinámicos e son os que permiten mudar e seguir cara adiante. As bases rebeláronse e axudaron a Pedro a gañar, e estou convencido de que en Galicia se rebelarán contra operacións artelladas polo aparato do partido, que suporían un control orgánico que nos separaría máis da cidadanía. 


Que se pode facer para mellorar?
Soamente co debate parlamentario non somos capaces de arrinconar a Feijóo, polo que temos que fortalecer o partido recuperando a presenza en distintos sectores. Hai un electorado de esquerdas que está esperando a que o PSdeG se renove de forma profunda. Se o facemos, estaremos xerando unha ilusión e un movemento que nos permitirá recuperar o espazo perdido. Os nosos votantes queren un PSdeG que conecte coas súas inquedanzas e que confronte de forma contundente coas políticas da dereita. 


Iso pasaría polo entendemento con outras forzas. Está aberto a iso?
Os socialistas somos a esquerda do país e estamos en frente das políticas conservadoras do Partido Popular. Temos que reconstruír o partido, porque soamente se o PSdeG encabeza unha alternativa contundente contra a dereita pode haber unha maioría de progreso no Parlamento de Galicia. Despois haberá tempo de entendernos con outras forzas, pero a prioridade está en ter un partido máis forte, crible e renovado. 


Estaría disposto a acoller a Leiceaga se non xuntase os avais?
Os esforzos que se fagan para fortalecer a organización haberá que plantexalos. Hai que estar aberto a todo tipo de diálogo, pero sempre con renovación. Leiceaga é un bo portavoz parlamentario, pero o PSdeG necesita un impulso. Sempre estiven no partido loitando contra as políticas conservadoras, tanto en tempo de Fraga como de Feijóo. 


Quere dicir que os outros candidatos non sempre estiveron?
Son un home do PSOE, teño loitado contra as políticas da dereita toda a miña vida e amoso a miña traxectoria con orgullo. Cada un ten a súa... 


Cal é a situación no PSOE de Vigo?
O PSOE de Vigo ten que combinar a súa capacidade e experiencia de goberno local cunha nova etapa a nivel federal liderada por Pedro Sánchez. Pedro gañou as primarias en Vigo, na provincia de Pontevedra e en Galicia, pero agora xa é o secretario xeral de todos os socialistas. E desde Vigo temos que impulsar e contribuir a liderar unha nova etapa no PSdeG co protagonismo das bases e renovando o partido".