XOAQUÍN FERNÁNDEZ LEICEAGA CANDIDATO DEL PSDEG Á XUNTA DE GALICIA

"Sorpaso? a nosa obsesión é derrotar a Núñez Feijóo"

"As lecturas sobre resultados que non sabemos semellan un exercicio inútil". Xoaquín Fernánez Leiceaga (Noia, 1961), atende á entrevista antes de visitar unha batea en Rianxo. Non quere falar sobre a situación na que quedaría o PSdeG e Pedro Sánchez cun mal resultado o domingo.

O candidato socialista á Xunta, Fernández Leiceaga, sentado nunha Vespa.
O candidato socialista á Xunta, Fernández Leiceaga, sentado nunha Vespa.
"Sorpaso? a nosa obsesión é derrotar a Núñez Feijóo"

"Eu preséntome para ter a presidencia da Xunta", remacha este profesor de Economía Aplicada na USC para espantar a posibilidade de ser vítima dun sorpaso por parte de En Marea. Un adiantamento pola esquerda do socialismo que xa vivíu, en 1997. Daquela, estaba na beira nacionalista, nun partido ao que chegara en 1982 dende a súa posición de Secretario Nacional dos Estudantes Revolucionarios de Galicia."Era unha cuestión xeneracional, era doado estar próximo ao nacionalismo galego". Xusto dúas décadas despois, en 2002, abandoou o Bloque para enfortar a lista de Bugallo ao Concello de Santiago. Logo xa chegaría o bipartito. E Alberto Núñez Feijóo. 

Se Núñez Feijóo consegue maioría absoluta, mérito da dereita ou demérito da esquerda?. 
Supoño que ambas cousas. 

E se hai sorpaso, a quen lle botamos a culpa?. 
Creo que esa hipótese non se vai dar. Xa pasou en España en xuño. Os galegos van optar polo cambio, e ese cambio para que se produza ten que estar liderado polo PSdeG.  

A leira do sorpaso está engulindo temas máis urxentes?
Non é o noso caso. Nós facemos unha campaña centrada en disputarlle a Feijóo o relato do que foi Galicia nestes anos. E en diseñar un plan alternativo para o futuro. A nosa obsesión é derrotar a Feijóo. 

Fala de relato. Precisamente foi o que, según as sús propias verbas, faltou para que o bipartito seguise na Xunta: "Non conseguimos movilizar ao votante progresista". Foi unha oportunidade perdida?
Foi un cuatrienio no que houbo importantes avances na xestión pero no que, seguramente, non soubemos transmitir ben o que estabamos facendo e cara onde debía dirixirse Galicia. Esa foi a miña reflexión para explicar porqué o apoio non fora máis masivo. En todo caso as dúas forzas que estaban no Goberno superaron en votos ao PP.

Volta o Partido Popular ao poder e vostede céntrase na docencia. Agora volve á primeira liña. Estas transicións son unha dificultade ou unha  vantaxe? 
A aula da vantaxes para o debate político; tes que explicar ben unha serie de cuestións, polo que hai que organizar argumentos  e facelos comprensibles para un auditorio. Na política ese auditorio faise moito máis amplo e é máis difícil transmitir os argumentos, porque ademáis tes que simplificalos. Pero a principal incompatiblidade está na investigación. Alí tes que concentrarte en sabelo todo nun ámbito moi reducido, e equí trátase de saber pouco de case todo.

Coma un xornalista. 
Igual. Un gran coñecemento dun metro de profundidade. 

Falando de coñecemento. Confésase cinéfilo e apaixoado da lectura. Non lle sorprende o escaso nivel cultural dos políticos en España? 
Non debo entrar niso. Pero o certo é que sería magnífico que os políticos de primeiro nivel tiveran unha traxectoria longa de servizo público e de formación. Unha bagaxe que vemos que existe noutras latitudes. Os primeiros espadas en Francia, por exemplo, teñen un nivel de formación cultural moi elevado. Sería desexable que eiquí sucedera o mesmo porque facilitaría que os debates fosen formados, intelixentes e de gran nivel. 

Que libro lle recomendaría ler a Alberto Núñez Feijóo? 
(Ri) 'Sempre en Galiza', de Castelao. 

E a Villares?
(Volve a rir) A Villares é un pouco máis complicado. Seguramente, a 'Estrutura Económica de Galiza', que escribín xunto a López Iglesias. 

E a Pontón?
(Ri de novo) A Ana Pontón, posiblemente unha novela. Voulle recomendar 'O anxo negro',  que publicou recentemente Manuel Gago en Edicións Xerais. 

Publicou o ano pasado a súa primeira novela, que titulou 'Agosto de memoria e morte'. Como titularía os anos de Feijóo?
Oito anos de parálise e resignación. 

Os que o coñecen ben din que vostede ten moita retranca. É unha habilidade  necesaria para aguantar no PSdeG?
Para aguantar no PSdeG o necesario é ilusión, a ilusión de facer cousas. Este partido é unha ferramenta poderosa para cambiar as cousas en Galicia. Se tes esa paixón e amas a política, aguantas ben neste partido. 

Gaña as primarias a Méndez Romeu o 28 de maio. Só tivo tres meses antes desta campaña. En política, unha carreira de 100 metros.
Sen dúbida. Pero quen adiantou as eleccións foi Feijóo. Supoño que porque cría que estaba en mellores condicións baixo estas circunstancias. Temos que adaptarnos ao que hai.

Tamén supoño que terá que adaptarse ao perenne enfrontamento interno do Partido Socialista. Loitas, divisións, listas cambiadas...  
Eu percibo que hai un compromiso moi claro do militante do PSdeG para derrotar a Núñez Feijóo e ter un presidente socialista na Xunta. E esta é a percepción apoiada cunha crecente asistencia aos actos públicos. 

Fala dun apoio da base máis aló dos cadros dirixentes?
Incluidos os cadros dirixentes.

Tamén Caballero? Cre que o alcalde de Vigo sorriría se baixa dos 15 escanos logrados por el nas autonómicas de 1997 –récord negativo do PSdeG–? 
Todo o Partido Socialista alegraríase se eu fora presidente da Xunta. Non teño dúbidas.

"En Galicia, a tendencia favorece aos partidos de esquerda. Pero temos un escenario que choca con ese comportamento". O dicía no 2009. Sete anos despois, o esceario semella que cambiou pouco. 
Hai claramente un desgaste das políticas do PP –moi claro en Galicia–, froito da súa xestión durante a crise. Pero é certo que existe unha fragmentación no votante de esquerdas e unha falta de claridade á hora de expresar esas opcións. Un escenario que compromete que esa maioría social se exprese nas urnas. Ademáis, hai unha dificultade que o sistema electoral introduce en Galicia. Para derrotar ao PP hai que gañar con moita claridade en termos de votos. 

Pasará iso o 25 de setembro? 
Posiblemente vaia ocurrir que a esquerda gañe en apoio popular, pero o que está en cuestión é se iso se traduce nunha maioría parlamentaria. Aspiro a que o PSdeG poida aparecer para os galegos coma a opción necesaria para o cambio. Somos quen mellor garantiza o cambio. Espero que concentren os votos en nós, e poder articulalo.

Nesa articulación de Goberno sería necesario poñerse de acordo coas mareas, das que dixo que "non estaban á altura das expectativas". Responderían como socios? 
Temos capacidade suficiente no PSdeG e no ámbito das mareas para articular un goberno de cambio e que supere ampliamente o nivel actual do Goberno de Feijóo.

Que lle doe a Galicia?
A Galicia dóelle o emprego, o deterioro dos servizos públicos, a regresión demográfica, a escasa protección á violencia de xénero. A Galicia doélle as listas de espera, as facturas dos libros de texto. 

"Recuperaremos iniciativas do bipartito, foi un gran Goberno naquel tempo"

Imaxine que Galicia vota cambio liderado polo PSdeG. Por onde comezaría? 
O primeiro sería chamar aos líderes dos outros dous partidos para sentalos nunha mesa e comezar a deseñar un programa de goberno centrado no emprego de calidade e a recuperación dos servizos públicos. 

Bipartito volume 2?
Visto dende hoxe, somos defensores do seu balance, non temos dúbida de que foi un gran goberno para aquel tempo. Recuperaríamos moitas das iniciativas que aquel goberno puxo en marcha ou que deixou esbozadas.

Como cales?
A lei de traballo en igualdade, ou unha política de apoio a sectores produtivos clave, coma o eólico. 

E que cousas do bipartito non repetiría?
Reforzariamos a acción unitaria de goberno. Non deixar que as diferenzas que é lóxico que existan –tamén nas maiorías absolutas–, traspasen ao ámbito do Consello da Xunta. Isto sería moi importante.   

E cal sería a receita socialista para a provincia de Ourense? 
Un esforzo para apoiar aquelas oportunidades que ten Ourense. Coma o sector do viño, dende O Ribeiro a Monterrei ou Valdeorras, pois explica unha parte moi importante da provincia. Tamén reforzar un turismo centrado no patrimonio, no gran patrimonio cultural, natural e relixioso. Ou toda a potencialiade do turismo termal.

E o AVE?
Hai unha oportunidade que debe ser aproveitada. Cunha boa estación intermodal que permita distribuir aos visitantes pola provincia. Tamén será importante ser  capaces de dar unha dimensión nova á industria en Ourense. Estiven visitando o outro día Tecnóple, e é un bo exemplo do que se debe facer eiquí. Temos que ser capaces dende a universidade que  as empresas –algunhas moi importantes, con centros de investigación–, así coma os propios polígonos lle dean unha oportunidade de emprego aos xoves. 

O gran caladoiro de votos da esquerda está no Eixo Atlántico. O interior é cousa do PP? 
Sen embargo o plan de reequilibrio territorial foi impulsado polo goberno socialista de Pérez Touriño. Coma a conexión de Ourense con Santiago por medio do tramo sen peaxe. Ambos éxitos do bipartito. O que di pode estar encaixado no discurso conservador, pero non responde á realidade.