DÍA DE GALICIA

Santalices pide ao Apóstolo polas vítimas "de terrorismo e de guerras"

636050406331930699w

O presidente do Parlamento de Galicia, o ourensán Miguel Santalices exerceu como delegado rexio na tradicional Ofrenda ao Apóstolo deste ano 

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, pediu este luns na súa Ofrenda ao Apóstolo Santiago a intercesión do santo a favor das vítimas das "situacións crudelísimas do terrorismo e das guerras" e reivindicou o traballo da "política con maiúsculas", aquela que "procura o entendemento" e é dunha "honradez e moralidade intachables".

Santalices, que exerceu como delegado rexio na tradicional Ofrenda ao Apóstolo deste ano, pediu que este "guíe" á sociedade "coa súa luz" no camiño "da convivencia e da paz, da cordura e do entendemento, neste momento de convulsión mundial, de enfrontamentos e guerras, de odios e de abusos a persoas maiores, mulleres e nenos".

No seu discurso, tivo palabras para as persoas maiores, as mulleres vítimas da violencia de xénero, os "que perderon o seu traballo e a súa vivenda", os mozos que buscan unha oportunidade laboral, os emigrantes, os enfermos ou as persoas con minusvalidez. Así mesmo, recoñeceu o labor dos profesionais sanitarios, as forzas de seguridade do Estado e os empregados dos servizos públicos, "sempre merecedores de recoñecemento e respecto".

Ante o Apóstolo, "recoñeceu os erros cometidos" e pediu "acerto para os que lexislan e para os que asumen a responsabilidade de Gobernar", aos que instou a actuar "dende unha honradez e moralidade intachables". Máis alá, reivindicou unha política que "procure o entendemento e se afaste de calquera tentación excluínte ou totalitaria".

Finalmente, recordou tamén ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois e puxo de relevancia a celebración do centenario da creación das Irmandades da Fala, pedindo a intercesión do Apóstolo para que a Igrexa "acentúe a súa sensibilidade con respecto ao idioma e á cultura" de Galicia.

Te puede interesar