JUAN MANUEL CASARES GÁNDARA Director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia

“Queremos que os galegos beban o viño, pero que saiban aprecialo"

Juan Manuel Casares, nas instalacións da Evega, que dirixe.
photo_camera Juan Manuel Casares, nas instalacións da Evega, que dirixe.

Dende fai catro anos, Juan Manuel Casares dirixe a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega). Ubicada en Leiro, a Evega inaugurouse en novembro do 85, sendo a segunda estación enolóxica máis nova de España.

Alí, realízanse traballos de investigación, de asesoramento ao sector e  de formación. Sobre esta estación e sobre os proxectos que están a levar a cabo, falamos co seu director.

En que vai a consistir a I Semana Vitivinícola, que arranca o martes? 
Trátase dun evento múltiple con moitas actividades concentradas en tres días. O día 5 será a inauguración oficial, e os 6, 7, e 8 combinaránse actividades de perfil técnico con talleres prácticos de análise sensorial, é dicir, de cata , e diferentes conferencias abertas a todos os públicos. Do que se trata é de render una homenaxe ao sector do viño, e por outra banda intentar achegar á cidadanía a nosa institución.

Que impacto agarda que teña?
Esperamos unha asistencia en torno ás 400 ou 500 persoas. Estamos falando de que ao longo destes días, en Ourense vai haber 32 ponencias e van a estar na cidade 40 investigadores de Galicia e norte de Portugal, que van a represntar a 24 entidades do mundo do viño do ámbito nacional e incluso internacional.

Por que escolleron Ourense para este encontro?
Porque esta provincia ten catro das cinco Denominacións de Orixe (DO) de Galicia, e unha das catro Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP), que por certo, son as grandes esquecidas. Por isto, entendemos que Ourense é un foro axeitado para este tipo de actividades, isto non quita que nas vindeiras edicións se poida descentralizar a Semana Vitivinícola, e levala a outras cidades.

A idea é que continúe este evento….
A idea inicial, a lo menos mentres eu sexa o director, é darlle continuidade. Que se poida consolidar como una cita anual, ou bianual, para o sector. 

Precisaba Galicia un encontro destas características?
Penso que si. É dicir, ao longo do ano hai moitos eventos, moitas xornadas, pero un evento deste nivel, que se abra non só aos técnicos senón que teña unha compoñente divulgativa xeral importante, non o había. E ao final vai a redundar nunha idea, e é que os galegos se acheguen cada vez máis ao viño. Que o beban pero que tamén saiban aprecialo, coas súas características.

Entón, cre que os galegos valoramos o viño como se merece?
Valoralo si, pero todo o esforzo que se faga por coñecelo máis, sempre é pouco. Eu non digo que os galegos non coñezan o viño, digo que a finalidade de eventos como esta Semana é achegar ao galego o mundo do viño, profundizando máis no coñecemento dos caldos.

Cal é o traballo da Evega, neste sentido?
A Evega, por definición, é un centro de investigación e de servizos ao sector. De asesoramento, de traballo analítico, de formación, de transferencia de coñecemento, etc. Esta estación é, posiblemente, a que máis competencias ten de todo o país. Algunhas caeron coa crise, sen embargo, en Galicia apostouse por reforzar esta estación, e os froitos estanse a recoller. Somos a primeira estación enolóxica de España que calculou e rexistrou a súa pegada de carbono e que ten o seu compromiso, por escrito, de reducción de emisións dun 3%, en 3 anos.

Cales son os labores máis importantes nos que está enrolada actualmente a Evega?
O laboratorio da Evega, por primeira vez, está levando o control analítico das mostras oficiais de todas as DO galegas, das cinco. Tamén é importante salientar o programa de recuperación de variedades de cultivo tradicional en Galicia, como a albilla do Avia, do Ribeiro, ou a zamarrica, de Monterrei, entre outras.

Dirixe a estación dende 2013, cal é o balance que fai destes catro anos?
Dende o meu punto de vista, o balance é absolutamente positivo. Deseñamos un plan estratéxico que cumprimos antes do previsto. Tamén penso que a Evega conseguiu visibilidade ante a opinión pública, que non existía. Pero o máis salientable é que está conseguindo, sobradamente, os seus obxectivos. 

Cales?
Nestes catro anos a Evega analizou 12.808 mostras e fixo 89.011 ensaios analíticos. Desenvolvemos tres proxectos de investigación, a nivel estatal, e nove proxectos de I+D, a nivel autonómico. Levamos a cabo 40 actividades formativas, con case 3.000 alumnos inscritos. Tamén cinco doutorandos fixeron a súa tese na nosa Estación.

A formación é un piar importante no traballo da Evega…
Si. A acción formativa da Evega é ampla, variada e solidaria. Ampla porque realizamos moitas actividades, variada porque cubre un amplo abano de aspectos relevantes para o sector, e solidaria porque o 80% das actividades da Estación están descentralizadas: nós imos a formar á xente, non ven a xente á Evega.

Das reunións que mantén cos diferentes axentes do sector, sobre que eixos xiran as súas principais consultas?
A explotación sustentable, os aspectos medioambientais, o cambio climático, a recuperación das variedades minoritarias e as enfermedades que afectan ao viñedo, principalmente.

Que retos se propón a Evega para os vindeiros anos?
O noso reto é o de continuar na liña que levamos: ser un lugar de referencia para o sector do viño. Hoxe a xente acude a nós cando ten una dificultade ou algunha dúbida. E como consideramos que xa nos situamos no centro do sector, queremos dar un paso máis, que é comprometernos co mundo rural galego. A viticultura é un dos subsectores agrarios galegos máis importantes dende o punto de vista económico, por iso entendemos que o sector do viño é fundamental. 

Te puede interesar