Galicia

Pontón ve un acerto que o BNG non dependa de forzas estatais

Ana Pontón.
photo_camera Ana Pontón.

"O Bloque é unha organización nacionalista, que ten a súa cabeza e o seu corazón neste país"

n n n  Un mes despois de ser reelixida como líder do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón considera que a "militancia" da súa formación "acertou" na Asemblea Nacional celebrada en 2016 cando "decidiu manter o BNG como un proxecto político autónomo, non dependente de forzas estatais". Nunha entrevista, a primeira muller que lidera a organización frontista celebrou que Galicia "siga tendo un nacionalismo forte" despois do "profundo proceso de debate" interno realizado polo BNG nos últimos anos e rexeita valorar as diferenzas internas xurdidas nos últimos meses en En Marea, proxecto ao que algunhas voces internas do Bloque pedían achegarse.
"Cada día é máis evidente que o BNG, En Marea e o PSOE son proxectos diferentes que representan espazos distintos. O BNG é unha organización nacionalista, que ten a súa cabeza e o seu corazón neste país", sinalou para mostrarse "convencida" de que "o nacionalismo é vital para cambiar a dinámica dos últimos tempos" na coomunidade galega.
Así, dá por superadas as diferenzas internas que afloraron no Bloque a partir de 2012 e cre que a formación está xa "nunha nova etapa, nun novo ciclo". "Somos unha forza política que está en ascenso, hai unha corrente de simpatía moi forte cara ao Bloque e o reto que temos é reverter esa corrente de simpatía nunha opción á que cada vez se somen máis galegos", manifestou.
E é que, tras a XVI Asemblea Nacional que o BNG afrontou como proceso de refundación hai un mes na Coruña, Pontón ve á súa organización "forte, unida e cohesionada", estado que, na súa opinión, sitúa aos nacionalistas en "disposición de ser a alternativa a Feijóo". "Cada día que pasa é máis evidente que Galicia necesita un goberno que a defenda e non un monicreque do señor Rajoy, que é no que se converteu Feijóo", incidiu.
Preguntada por se considera que o Bloque pagou un prezo moi alto pola súa actual unidade interna tras as baixas de destacados militantes como o exportavoz nacional Xavier Vence, Ana Pontón ve "lóxico" que en toda organización haxa unha renovación e cualifica de "referente" ao que fose líder do Bloque antes de que ela mesma asumise as rendas da fronte. Tamén se referiu a a "importante achega" de persoas que agora non ocupan a primeira liña no BNG, como as exdiputadas Tereixa Paz ou Carme Adán. Sobre elas, ás que enmarca no seu círculo de amizades, remarca que son tamén "referentes", "persoas coas que o BNG contou no pasado e segue contando neste momento". "Son militantes, teñen o seu espazo de participación, estiveron nun momento nun papel máis destacado pero creo que iso forma tamén parte da normalidade política", dixo. n

Te puede interesar