Galicia

Pesar nacionalista pola morte de Bautista Álvarez

Bautista Álvarez, na clausura do XII Congreso da Unión do Povo Galego.
photo_camera Bautista Álvarez, na clausura do XII Congreso da Unión do Povo Galego.

O político ourensán foi un dos fundadores da Unión do Povo Galego

n n n Representantes do nacionalismo galego do ámbito político e socio-cultural expresaron onte o seu pesar polo falecemento aos 84 anos do histórico dirixente Bautista Álvarez, un dos fundadores da Unión do Povo Galego (UPG). Esta organización, integrada no BNG, comunicou ao redor das 15,00 horas de onte o falecemento en Beariz (Ourense) do "camarada Bautista Álvarez", ao que definiu como "gran patriota galego, fundador da UPG e histórico dirixente do nacionalismo". O seu secretario xeral, Néstor Rego, tamén a través dun "tuit", reivindicou "unha vida de entrega a cáusaa liberación nacional e social de Galicia" dun "comunista e patriota galego exemplar".
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou que "se foi un amigo, un galego ilustre e referente imprescindible". "Grazas por unha vida de compromiso coa liberdade de Galicia", dixo a líder nacionalista. Do mesmo xeito que ela, manifestaron as súas condolencias outros membros do Bloque como o portavoz en Santiago, Rubén Cela, e a deputada Noa Presas, entre outros. "Compañeiro Bautista, na nosa memoria Sempre!", exclama o BNG desde a súa conta oficial.
Mentres, Anova, forza política resultado dunha escisión do BNG que fundou o tamén histórico Xosé Manuel Beiras, exhibiu un "fondo pesar" e enviou un abrazo "aos compañeiros" da UPG. Ao lado das entidades e organizacións sociais, A Mesa Pola Normalización Lingüística mostrou a súa dor, e eloxiou "unha vida entregada á nación galega tamén como activista da súa lingua".
A editorial Xerais lamentou a morte dun "político e escritor nacionalista", do que lembra que foi membro da Xeración Brais Pinto. Tamén o que fose secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, e o alcalde de Lalín por este partido, Rafa Cuiña, expresaron o seu pesar pola súa perda.
Álvarez será velado e enterrado na tarde deste domingo na súa parroquia natal, San Cibrao de Las, en San Amaro (Ourense). n

Te puede interesar