galicia

“en boa parte dos que nos gobernan en galicia non hai horizonte de futuro"

Xosé Manoel Núñez Seixas.
photo_camera Xosé Manoel Núñez Seixas.

Xosé Manoel Núñez Seixas (Ourense, 1966) é dende fai uns días vicepresidente do Consello da Cultura Galega, trala renovación da comisión executiva dun órgano que funciona como "asesor dos poderes públicos na promoción e protección da cultura galega", e que pasa a presidir Rosario Álvarez.

Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, Núñez Seixas é especialista na emigración galega, nos nacionalismos europeos e nas identidades políticas. 

Con que ideas chega ao cargo?
Fundamentalmente identifícome coa axenda xa aprobada, que da unha grande importancia á chamada Galicia global e traballar por aprender das novas tecnoloxías para levar a máis lugares a cultura galega.

A promoción da cultura galega vai irremediablemente vencellada ao seu estatus político. Cal é o papel que xogou e xoga Galicia no panorama nacional?
Basicamente de comparsa. O Estatuto chega de rebote grazas a unhas elites galeguistas moi activas. Algúns viñan dos tempos da República. Por outro lado, como naquel momento tampouco se quería recoñecer que Cataluña e País Vasco accedían a un maior grao de autogoberno por ter unha maior conciencia nacional, adoptouse un criterio histórico para acceder á vía da “autonomía rápida” (pola vía do artigo 151 da Constitución), é dicir: accederían ao estatuto de autonomía aqueles territorios que xa o plebiscitaran antes da Guerra Civil. 

Nos tempos de Fraga... 
Experimentouse a posibilidade de facer de Galicia a Baviera española, e dicir, un recoñecemento da singularidade dentro da lealdade constitucional. Pero isto nunca chegou a frutificar. Ao contrario que Baviera, Galicia non xogou en absoluto un papel protagonista. E penso que boa parte dos que nos gobernan, e isto non é cousa dun partido en concreto, teñen unha mentalidade de presidente de deputación. Non hai un horizonte de futuro.

Como ve o futuro de Galicia? Aí está a emigración de xente nova. Voltamos a ser unha comunidade de emigrantes. 
Habería que comparala coa emigración de antes e é ben distinta. Dende 1930 a aproximadamente 1970, a cantidade de emigrantes foi moito maior que agora proporcionalmente, tamén porque había máis xente nova que agora. O que pasa é que os novos emigrantes son man de obra cualificada e se importa man de obra non cualificada do leste de Europa ou de Latinoamérica. Polo contrario, a man de obra que exportaba Galicia antes era pouco cualificada e importaba man de obra cualificada para os astaleiros por exemplo. 

Segue a ser un problema. 
Si, en parte, pero tamén unha oportunidade. Hai cidades como Vigo que medraron nos ’50 e ’60 grazas á emigración de retorno e aos capitais sobre todo de inversión venezolanos.  Da mesma maneira que aquela diáspora ofreceu oportunidades, a actual tamén as ofrece. Hai que ser intelixente e entender que agora hai outras maneiras de tecer redes coas novas tecnoloxías. Tamén se abren novas canles de comunicación e participación.

Abrindo a ventá de análise, e nun marco europeo de fortalecemento dos nacionalismos, recobra actualidade o español. 
Adoita escoitarse a idea de que non existe o nacionalismo español pero que si existen os nacionalismos periféricos. Realmente, ocorre que os nacionalismos de estado están interiorizados e non teñen que sobreactuar tanto como aqueles nacionalismos sen estado. Os nacionalismos de estado fanse visibles cando hai un momento de ameaza externa ou interna; ou para encubrir intereses sectoriais. 

No séxulo XXI, cal é o papel que debería xogar o nacionalismo?
O nacionalismo para min non ten unha connotación negativa. É un fenómeno contemporáneo que nace cando a soberanía deixa de estar en mans do rei soberano e pasa a estar na nación. Neste sentido, a xente que colga as bandeiras no balcón pensa que España é unha entidade cunha historia, cunha lingua e cunha cultura propia e que así debe seguir sendo. Non son todos “fachas”. 

Hai diferenzas entre unha tradición nacionalista de esquerdas e outra de dereitas?
Por suposto. Para o liberalismo español a nación era un proxecto de vida en común e pensaba que a idade de ouro de España terminara coa derrota dos comuneros. Os conservadores daban máis importancia ao espírito nacional, á identidade católica, á monarquía e a idade de ouro de España fora o Imperio dos Austrias. Claro, aínda así había cousas que compartían: o tema da Reconquista e de que o Islam, a pesar de estar aquí oito séculos, é algo de fóra. Habería que ver se é real iso de que España existe dende os Reis Católicos por exemplo. Daquela existía unha identidade imperial na que se compartía a relixión, o rei e pouco máis. 

A dereita española tamén tivo diferencias na súa maneira de entender España. O carlismo era rexionalista e cría no concepto das Españas. Considera que queda algo desa idea agora no PP?
Ecos moi lonxanos. A finais do  XX e principios do XXI, había unha pervivencia do discurso nacional-católico no que o importante fora a conquista de América, Isabel e Fernando, o idioma... e unha modernización á democracia. Aznar foi un exemplo disto. Despois habería unha tendencia rexionalista que encarnarían o PP galego e balear. De feito, á finais dos ’80 AP acepta o termo “nacionalidades” grazas ao PP galego. Pero isto recúa despois da morte de Fraga e durante Zapatero. Agora penso que non hai grandes diferenzas, só matices..

Pedro Sánchez leva un mes no Goberno. Que lle faltaría á esquerda para construír un nacionalismo español atraínte?
Imaxinación. Para uns, calquera tipo de recoñecemento asimétrico é unha maneira de inserir unha variable de desigualdade de dereitos. Outros din que certas políticas de recoñecemento non teñen por que ser de privilexio. Sánchez fala da “nación de nacións” como se fose un grande invento e diso xa se falaba na Transición e con Zapatero. Nese sentido, Batet está aberta a unha reforma constitucional, mentres o PSOE meridional non... E a súa esquerda, IU sempre propuxo unha república federal e estaba aberto á posibilidade de votar se algún territorio quería irse. Podemos está niso. Ao mesmo tempo se concibe España como un agregado de nacións que sería algo máis posnacional, pero aínda está forxándose.

Te puede interesar