JUAN CARLOS PIÑEIRO DOCAMPO Secretario xeral de Compromiso por Galicia

“O noso espazo é un que non ocupa ninguén, temos que conseguir explicalo"

JUAN CARLOS PIÑEIRO DOCAMPO
photo_camera JUAN CARLOS PIÑEIRO DOCAMPO

n n n Compromiso por Galicia afrontará o vindeiro ano, tal e como explica o seu secretario xeral, Juan Carlos Pieñiro, unhas eleccións clave para o seu futuro, que poden marcar un punto de inflexión na súa traxectoria tralo "batacazo" das autonómicas.

Dicíame o ano pasado que CxG era como un caldo, que había que cociñalo lentamente. Está cocendo ben?
Penso que vai saír ben de sabor (risas). Na política galega podes incidir cunha candidatura con representación mediática e respaldo de figuras ou traballando no asentamento territorial, como facemos nós.

É difícil non ter esa visibilidade que si teñen outros? 
Creo que máis que difícil, resulta inxusto. Fai un mes estivemos co presidente da comisión de Angrois e non trascendeu sendo o único partido galego que estivo. Non é que desmoralice, pero é inxusto. Tamén presentamos a principios de ano unha iniciativa no Parlamento galego para dotar de pediatras ó rural e agora está o debate seis meses despois.

Esa política espectáculo que parece que se impón choca co seu proxecto? 
O noso proxecto é un pouco como Galicia, gustan as cousas ben feitas, con calma e creo que ó final imos ter éxito, é o reflexo da sociedade. A diferenza doutros partidos, non pretendemos que a sociedade merque o noso proxecto, nós imos traballando vila a vila.


Como están en Ourense? 
Estamos traballando en San Cibrao e Carballiño. Xa logramos agrupacións en Xinzo, San Amaro, Amoeiro, Punxín, Melón e Leiro. Estamos tendo unha boa implantación. Notamos un crecemento na militancia paulatino.

A competencia é feroz. 
En xeral, tendemos moito a xeralizar o discurso sobre Galicia, que é moi diversa. Creo que en Lugo e A Coruña teremos bos resultados, en Ourense e Pontevedra estamos un pouco en stand-by.

O camiño de CxG será en solitario ou hai posibilidade de tecer alianzas? 
Con ninguén. Ademais hai algo que me gustaría aclarar, sobre todo co BNG, que é unha pregunta recurrente. Non podemos facer un camiño conxunto con eles porque a dirección é distinta, CxG non aboga pola independencia e irse de Europa, senón que nós cremos nunha construcción forte dentro do Estado, coas máximas competencias e a máxima autonomía. Podemos facer xuntos un tramo, pero non todo o camiño.

Pero pode haber alianzas puntuais nalgúns concellos? 
Non, porque non nos gustaría facerlle trampa á xente. É certo que os problemas da Coruña non son os mesmos que os de Ourense, pero unha política tan xeral como é a de alianzas ten que ser a nivel galego. Non o faremos en ningún lado.

Falemos de Ourense. Cumprirase o obxectivo das 20 candidaturas? 
Supoño que as superaremos.

Non habería que ter xa candidatos? 
Estamos en proceso de primarias abertas, hai un calendario e antes do 12 de setembro estarán.

Que perspectiva teñen na cidade de Ourense? 
Temos un grupo de traballo moi decente e faremos unha campaña digna para entrar no Concello. 
O último candidato, Xosé Mosquera, pode ser o elixido? 
Non me dixo nada. Non quero influír no proceso. O que si pensamos é que teremos un bo resultado.

Como de bo? 
Entrar.

Por que cre que a xente pode apostar por CxG? 
Teño a esperanza por unha cuestión, o cambio político que se quería producir hai catro anos defraudou a moita xente. Os gobernos das mareas foron o que foron, a situación de Ourense é a dun goberno débil, en minoría, con falta de diálogo, que se xunta cunha anomalía política como Democracia Ourensana, baseada no ego dunha persona e na repercución mediática. A xente está desencantada con transformar a política nun circo e aí está CxG, que parecía que ía desaparecer moitas veces, pero segue para logralo. O caldo vai suave, pero terá que funcionar.

Teñen algunha preferencia para apoiar un hipotético goberno? 
Ningunha. Volveríamos entrar nun xogo de facer trampa. Nuns sitios pode ter lóxica apoiar ó PSOE e noutros non. Debería cumprirse o noso programa electoral

Son unhas eleccións clave para a formación despois do batacazo das autonómicas? 
Si, claro. Se ti escolles un camiño, que é o asentamento local, e non o percorres, pouco camiño te queda. Temos esperanzas de ser representativos en tres cidades, con 120 candidaturas, uns 10-12 alcaldes, estar na Deputación de Lugo e posiblemente na de Coruña.

Cambiando de tema. Que lle parece o cambio de Goberno en Madrid? 
Era precisa a rexeneración, o erro foi do PP por non ler os resultados de decembro de 2015, aí deberían ter ido á oposición e rexenerarse. A posición dos grupos foi lóxica.

É positivo para Galicia? 
Non, porque o PSdeG non ten ningún peso, vese cos nomeamentos. O único positivo para Galicia é aprender o necesario de ter unha forza con capacidad de condicionar, como pasa cos canarios, vascos ou cataláns.

Por que aquí non cala? 
Hai que retrotraerse á historia. Houbo unha forza como Coalición Galega que puido tela, pero o PP usou as súas estratexias para neutralizala. O PP ten unha certa impronta galeguista que consideramos que non é a suficiente. O camiño que temos é ser unha forza similar ó PNV.


Está perdendo peso Galicia no Estado? 
Claro, só hai que ver que cando nomean ás nacionalidades históricas nin nos citan. Ten máis peso Foro Asturias ou UPN.

Pódese revertir? 
Hai dous matices entre CxG e o BNG. O BNG ten que existir como o fan Bildu ou a CUP, os seus socios, que teñen moi claro que o camiño é a independencia pero nós somos máis ambiciosos. Debemos falar de transferencias, desenvolver o marco do Estatuto, reformar a Constitución para ter un Estado plurinacional e iso non o di ninguén, están máis no mercadeo de fondos. Hai que falar de competencias.

A Xunta fracasa niso? 
A Xunta de Feijóo, a diferenza da de Fraga, ten menos peso político, por iso é unha lousa na política galega, porque ten dependencia da visión estatal. Tamén lle pasa ó PSOE e á Marea. A Galicia faille falta un partido con forza. Se analizas onde hai peso nas negociacións, o PP non existe practicamente.

Véxolle moitas gañas de diferenciarse do BNG. 
Non é un rival, para nada. De feito, o noso espectro é un espazo que non ocupa ninguén, pero temos que conseguir explicarllo á xente. O espazo que ocupa dalgunha forma artificial o PSdeG, pero sen ningún político galeguista, é o noso, o que temos é que traballalo. n

Te puede interesar