DIA DE GALICIA

Unha manifestación e outros votos

Ana Pontón, ovacionada a súa chegada a Praza da Quintana para participar no acto do BNG.
photo_camera Ana Pontón, ovacionada a súa chegada a Praza da Quintana para participar no acto do BNG.

O BNG de Pontón amosa a súa capacidade organizativa reunindo a milleiros de persoas na Quintana; Antón Sánchez e Beiras cantan o himno galego cara Monte Pío dende Galeras e Villares predica unidade a 300 metros.

Minutos antes das 12 da mañá, un home con aspecto de asistir á ofrenda ao Apóstolo na catedral comenta cos seus fillos pequenos os últimos preparativos do BNG antes de que a manifestación percorra as rúas compostelanas dende a Alameda ata a praza da Quintana. "Pedíronme ver unha manifestación e como as que organizan eles non hai ningunha", aclara ante o interese do xornalista pola singular escena. Os cativos contemplan as pancartas e as bandeiras coa boca aberta. Aos segundos pasa Rafa Cuiña, alcalde de Lalín e o responsable de Compromiso de Galicia con máis visibilidade institucional. "Perdícheste?", bromean  mentres a  manifestación bota andar. "Estou cos colegas do BNG de Lalín e o noso acto non comeza ata dentro de hora e media no parque Eugenio Granell". Semella un convite. 
O BNG domina a liturxia do 'Día da Patria'. A entrada de Ana Pontón na Quintana por un corredor central é recibida con son de tambores. Xa no escenario, a portavoz nacional da formación frentista propoñerá un relatorio parlamentario para "camiñar cara a un novo estatus no que Galicia emerxa como nación". A organización asegura que hai entre 15.000 e 20.000 persoas na praza. Hai moitas, pero as contas están botadas con xenerosidade.

RECONTO DE AUSENCIAS
Anova celebra o seu acto no parque de Galeras como o ano pasado, en Marea por primeira vez o seu en Vista Alegre. 300 metros sepáranos físicamente. A distancia ideolóxica parece maior desde o último plenario no que se impuxeron as teses de Luís Villares. Antón Sánchez, portavoz de Anova, visita ao maxistrado acompañado do deputado Miguel Anxo Fernán Vello, para demostrar que, aínda que en campos distintos, xogan o mesmo partido. En cada parque reúnense algo máis dun centenar de militantes ou simpatizantes. Máis que contar asistentes, recontanse ausencias. A Villares escóitano o ex deputado Carlos Aymerich e Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo. Enxalza o traballo das mareas locais, reivindica "unha nación alegre e combativa" e fai un chamamento para "construír unha alternativa de esperanza agora que non hai eleccións para que a xente poida confiar" cando chegue o momento. Nunha árbore penduran os anhelos dos asistentes para Galicia foron colgando durante a mañá. 
Apoiando a Antón Sánchez están Xosé Manuel Beiras, Miguel Anxo Fernán Vello e Alberto Lema, concelleiro de Emprego e Economía Social do Concello da Coruña, que goberna Marea Atlántica. Sánchez ten palabras de gratitud cara a Beiras, reafirma o compromiso da formación que agora dirixe coa unidade popular e apela por "abrir un novo ciclo de rebeldía e deixar de pensar nas miserias orgánicas". Cando termina o seu parlamento abrázase ao histórico político. Soa o himno de Galicia e os dous levantan o puño mentres cantan coa mirada cara Monte Pío, a residencia oficial do presidente da Xunta. "Non me din conta, pero sería un bo titular", responde cando o xornalista comenta a anécdota.
As outras dúas patas de En Marea van ao seu. Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, participa en Mugardos nunha homenaxe ao alcalde republicano Juan Prieto, fusilado o 24 de xullo de 1936. Podemos Galicia anunciara un acto privado na Estrada, cousa curiosa nunha formación política. Finalmente envía un comunicado anunciando que no "Día da Matria Galega" pretenden recuperar "a memoria daquelas mulleres invisibilizadas na historia que tamén contribuíron á construción de Galicia como nación histórica". Queren saldar cada ano a débeda con cada unha desas mulleres.
Rematan os mitins e a xente segue chegando por goteo tanto a Galeras como a Vista Alegre."A manifestación do BNG está moi interiorizada, pero logo cada un xanta con quen lle peta", razoa un militante de Anova. Faltoulle dicir que unha cousa e xuntar manifestantes e outra ben distinta apañar votos. n

Te puede interesar