XOAQUÍN FDEZ. LEICEAGA Candidato ás Primarias do PSdeG

"Levamos moito tempo elixindo personas, toca agora elixir políticas"

Xoaquín Fernández Leiceaga.
photo_camera Xoaquín Fernández Leiceaga.

Que pode aportar esta candidatura?
É un proxecto que ten unha vontade de integrar, de unidade. Trátase de pasar páxina,  mirar cara ao futuro e seleccionar os cadros segundo as capacidades e non en función do pasado. Hai que resolver os conflitos internos e non alimentalos, e pór en marcha outra vez o partido, levamos demasiado tempo en interinidade. 


E que propón para activar “outra vez" o PSdeG?
Temos que activar os mecanismos que existen. Precisamos unha liña política clara. Hai que ter comités nacionais cada tres meses e organizar conferencias políticas para construír unha postura común de cara aos cidadáns. Levamos moito tempo elixindo persoas, pero hai que comezar a elixir políticas. 
Temos que coidarnos máis uns aos outros e prestar atención especial a pequenos concellos, onde ás veces os cargos están demasiado sos.

 
Quen é Caballero? E Villoslada?
Gonzalo é unha persoa coñecida, un clásico como aspirante nos procesos orgánicos. Juan é un digno parlamentario que aterrizou recentemente na vida política.


Gañoulle a Méndez Romeu como candidato aberto a pactos. Continúa igual? 
Hai que construír unha alternativa ao PP, e para iso está claro que necesitamos contar con outras forzas, pero é unha condición indispensable que o PSdeG sexa claramente a referencia na esquerda en Galicia. Abertura a pactos, si, pero con defensa clara dos nosos postulados, sen complexos. Non somos menos progresistas que ninguén.   


Axuda ser o portavoz? 
Ás veces a exposición pública é un risco, tal e como está a vida política. Pero para reforzar o liderado orgánico é necesario ter unha presenza social, e penso que podo aportar iso. É un factor positivo. 
Non pode ser mellor ter un candidato sen exposición pública? 
Creo que o PSdeG non está para experimentos. Somos un partido de gran complexidade nos territorios e é bo coñecelo por dentro e saber como manexarse. Non estamos para elixir a quen non ten o seu proxecto. 


Se algún non chega aos avais, haberá fusión de algunhas candidaturas?
Esta esixencia de un 10% de avais é excesiva e non debería repetirse. Obriga a un esforzo da militancia que non é bo, pero aínda así, penso que todos imos pasar o corte. 


Pero desde o sector de Caballero hai quen apunta a que vostede non chegue o mínimo e lle dea o apopio...
Eu aspiro a chegar ao final e ser o secretario xeral, pero podo facer un esforzo en favor da unidade do partido e integrar aos outros candidatos. Non vai ser así esa unión, chegarei aos avais con solvencia.  
Hai quen di que Villoslada é o candidato da xestora, Caballero di que é o candidato da base, e vostede de quen é o candidato? 
Quero ser o candidato de todo o partido, porque todos somos militantes neste proceso. Ninguén se pode arrogar de antemán a posición de candidato da base. Teño claro que non parto co favor das persoas que dirixiron o partido nos últimos tempos, pero iso non é o importante. Teño un proxecto autónomo e sen tutelas, e non hai ninguén detrás de min que non poida mostrarse ao público. 


Ten o seu equipo decidido?
Hai que ter un equipo compensado territorialmente e que incorpore a nova fornada de alcaldes e concelleiros de pequenos e medianos municipios que están fóra da dirección, son o máis importante do partido. 


E cos que apoiaron a Susana Díaz, que vai pasar?
Quero dirixirme a todo o partido. Todos somos de Pedro Sánchez, porque é o noso secretario xeral, pero non lle pregunto a ninguén a quen votou, senón o que están dispostos a facer. 


Deixará a portavocía se non gaña? 
É unha decisión que lle corresponde á Executiva, pero estaría disposto a colaborar co proxecto. n

Te puede interesar