Día das Letras Galegas

Feijóo no instituto da homenaxeada: "Vimos guapos e alegres a festexar as Letras Galegas"

El titular de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preside en el IES Torrente Ballester, los actos de homenaje a María Victoria Moreno, por el Dia das Letras Galega
photo_camera El titular de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preside en el IES Torrente Ballester, los actos de homenaje a María Victoria Moreno, por el Dia das Letras Galega

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o acto polo Día das Letras Galegas organizado pola Administración autonómica no IES Gonzalo Torrente Ballester, o último destino como docente de María Victoria Moreno, a homenaxeada deste ano, é "un acto sentido, fermoso e humilde, pero intenso", como a lingua galega.



"Hai que vir guapos e alegres, e vimos guapos e alegres para festexar o Día das Letras Galegas", remarcou na súa intervención, citando á propia homenaxeada, despois de que o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, lembrase que Moreno dicía que "a clase hai que ir guapa e alegre", pois, ou se transmite "alegría, paixón, beleza", ou non se poderá "construír un futuro".

Freixanes, que saudou a celebración deste acto e que fose nun instituto, incidiu en que Moreno, ademais de crear varias obras, "representa algo que a academia quería recoñecer e pór encima da mesa para o debate: O papel dos profesores que se entregan no seu traballo, na formación de homes e mulleres modernos, conscientes de onde veñen e da súa lingua".

Este acto institucional, na cidade de Pontevedra, estivo intercalado con diferentes actuacións, polas que varios intérpretes leron ou cantaron algún dos escritos de María Victoria Moreno. Entre eles inclúese a neta da homenaxeada, Victoria Feijóo, que tanto neste coma no acto posterior, no Teatro Principal, recibiu numerosos encomios.

Tamén interveu a filla de Moreno, Begoña Llácer, quen agradeceu o esforzo de organizar este acto en "un día tan importante" para a familia. Alí, lembrou que a súa nai "amaba o galego e quería ante todo ser lembrada como mestra", un posto desde o que reclamaba "recursos para a educación" pública, porque "todos os nenos teñen dereito á educación e a ser ensinados en galego".

UN IDIOMA CAPAZ DE "NAMORAR"

Na súa intervención, o presidente da Xunta subliñou que o galego, do mesmo xeito que Galicia, "é quen de namorar a quen non o tivo como lingua nai". Tal é o caso de María Victoria Moreno, quen, en "unha opción absolutamente libre", adoptouno como propio "por amor" e a pesar de que "o ambiente non era bo para unha lingua proscrita".

A continuación, remarcou que "esa historia de amor de Moreno é posible porque (o galego) é un idioma incluínte, no que se pode vivir con liberdade". A iso engadiu que "o galego é de todos: de quen o fala, sente, escóitao e ámao", e é unha lingua "útil, con futuro, que conecta coa lusofonía".

Xa en concreto sobre María Victoria Moreno, reparou en que foi "unha gran muller que amou ferventemente a Galicia", e comentou que coa súa literatura e docencia "demostra que escribir para nenos e ensinar a mozos non é unha literatura menor ou unha docencia subalterna; non esixe rebaixar, senón elevar a calidade da escritura".

"Este Día das Letras Galegas dedícase a quen dixo que as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos. A plena recuperación da lingua de todos é un proxecto ben fermoso, con iso recupérase un pobo. A lingua é un activo común", apostilou o mandatario.

Finalmente, lembrou que, con esta celebración, Moreno únese a Rosalía de Castro, Francisca Herrera e María Mariño "no elenco de galegas homenaxeadas no Día das Letras". A partir diso, puxo en valor que "Galicia ten nome de muller", o que tamén dixo que se reflicte no último ano nos Premios da Cultura e o Otero Pedrayo e na incorporación de varias mulleres á RAG

Te puede interesar