Galicia

Feijóo chama á solidariedade fronte aos debates nominais

Vitoria Besada, Xosé Ramón Gayoso, Alfonso Rueda, Alberto Núñez Feijóo, Justo Beramendi, Cristina Pato y Miguel Ángel Campos.
photo_camera Vitoria Besada, Xosé Ramón Gayoso, Alfonso Rueda, Alberto Núñez Feijóo, Justo Beramendi, Cristina Pato y Miguel Ángel Campos.

O presidente da Xunta remarca, no acto de entrega das Medallas Castelao 2017, a condición de nacionalidade histórica que ten Galicia e rexeita a "liquidación irreflexiva" do Estado autonómico

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remarcou que a Constitución, o Estatuto e o pobo galego "consagran" a Galicia como "nacionalidade histórica" e, aínda que admitiu que o Estado autonómico é "perfectible", rexeitou a súa "liquidación irreflexiva" ou priorizar debates nominais que den "sombra" a cuestións "máis relevantes" como a solidariedade entre territorios. Na entrega das Medallas Castelao, nun escenario político marcado polo desafío soberanista de Cataluña, o presidente da Xunta e líder do PP galego defendeu que o Estado autonómico "pode e debe ser perfeccionado", pero rexeitou explicitamente a súa "liquidación irreflexiva".
A modo de argumento, sinalou que "nin o retorno ás fronteiras, nin o esmorecemento do proxecto europeo, nin a liquidación irreflexiva do Estado autonómico conducen a ningunha parte". "Mellor dito, levan á frustración, ao enfrontamento e á división", dixo. Ante os galardoados -a gaiteira ourensá Cristina Pato, o Grupo Nove, o presentador Xosé Ramón Gayoso, o historiador Xusto Beramendi e o Oceanográfico vigués- e as numerosas autoridades que acudiron ao acto celebrado no Museo do Pobo Galego, Feijóo lembrou dúas efemérides "agridoces" do 28 de xuño (de 1936 e 1984) que falan de "posibilidades abortadas e vidas apagadas".
Aludía á cita coas urnas do 28 de xuño de 1936, cando o pobo galego implicábase para plebiscitar un Estatuto de Autonomía que finalmente non se aplicou; e á mesma data do ano 1984, cando retornaban a Galicia os restos de Alfonso Rodríguez Castelao, tras "un exilio cruel" que non lle impediu estar "Sempre en Galiza' e imaxinar para o seu país un futuro esperanzado".
Ao recoller as súas distincións, todos os galardoados tiveron palabras de agradecemento. O primeiro foi Xusto Beramendi, quen enxalzou os valores que representa Castelao, como "a defensa da identidade galega" e a loita contra a inxustiza social, satisfeito por recibir unha medalla que leva o seu nome. Tomoulle a testemuña Xosé Ramón Gayoso, quen protagonizou un emotivo discurso no que recoñeceu o papel da súa familia, ademais de subliñar a responsabilidade de recibir unha Medalla Castelao. Finalizou co desexo de que "a súa humilde achega" o faga ser merecedor do cualificativo de "bo e xeneroso".
Á súa vez, co chal preparado pola súa nai "para algunha romaría", a gaiteira ourensá Cristina Pato reivindicou na súa intervención un país que aposte pola cultura, pola lingua e unha identidade galega "forte" como motor de desenvolvemento; mentres que o presidente do Grupo Nove, Miguel Ángel Campos, subliñou o papel deste colectivo na promoción da cociña galega contemporánea fora das fronteiras da comunidade.
Ao acto acudiron numerosas autoridades, ademais de Feijóo e os seus conselleiros, entre elas o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o delegado do Goberno, Santiago Villanueva; deputados de PP e de PSOE; así como os alcaldes de Lugo, Lara Méndez (PSdeG); Ourense, Jesús Vázquez (PP), e Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta). 

Te puede interesar