DÍA DE GALICIA

Feijóo chama a non claudicar ante aqueles que "predican a desunión"

Núñez Feijóo, durante a lectura da Ofrenda ao Apóstolo que tivo lugar na Catedral de Santiago.
photo_camera Núñez Feijóo, durante a lectura da Ofrenda ao Apóstolo que tivo lugar na Catedral de Santiago.

O presidente da Xunta, que actuou como delegado rexio na Ofrenda ao Apóstolo, lembrou ás víctimas do Alvia e do terorismo

 A unidade de España, a necesidade de respectar a democracia e a lei e a oposición ao "pluralismo irreconciliable" protagonizaron onte a tradicional Ofrenda ao Apóstolo Santiago, un acto no que tamén houbo palabras de recordo para os falecidos no accidente do Alvia e de apoio ás vítimas do terrorismo. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, actuou como delegado rexio deste tradicional acto que acolleu, como cada 25 de xullo, a Catedral de Santiago.
As celebracións comezaban, con puntualidade, ás 10,00 horas, co pase de revista ás tropas despregadas na Praza do Obradoiro e, posteriormente, co saúdo ás autoridades, entre as que se atopaban o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o delegado do Goberno, Santiago Villanueva, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, varios conselleiros do Goberno galego ou o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas, entre outras autoridades civís e militares.
Na Ofrenda, o presidente da Xunta pediu ao Apóstolo a "vontade e decisión" necesarias para "non claudicar ante quenes predican a desunión ou se abandonan ao pesimismo", á vez que incidiu en que "a razón debe estar apoiada pola lei" e pola democracia. Durante a súa intervención, previa á Homilía, Núñez Feijóo dixo que España é hoxe "sinónimo de liberdade, paz e convivencia", algo ao que se une "o logro de construír unha comunidade de cidadáns e pobos libres, onde a pluralidade non equivale a desigualdade".

insolidariedades
"Necesitamos vontade e decisión para que esta obra non se malogre por culpa de egoísmos, insolidariedades ou frivolidades", dixo o presidente, que lembrou que, para isto, "a razón ten que estar apoiada pola lei, e a lei pola razón". "A obstinación duns poucos non pode prevalecer contra a sensatez, a lealdade e a solidariedade de moitos", resolveu.
Ao mesmo tempo, o delegado rexio puxo o seu propio papel como presidente da Xunta como "reflexo" do "íntimo compromiso" da Coroa española cun Estado "que garante o autogoberno das súas nacionalidades e rexións". "Esa unidade está a permitir que esteamos a superar as consecuencias máis dramáticas da crise", dixo.
Ademais desta cuestión, Núñez Feijóo lembrou ante o Apóstolo que esta data estará xa sempre vinculada ás vítimas do "accidente de tren ocorrido en 2013". "Desde aquela fatídica tarde, todos os Días de Galicia quedarán marcados polo seu recordo", explicou.
Tamén quixo lembrar ás vítimas do terrorismo yihadista e do terrorismo de ETA a través das figuras de Miguel Ángel Blanco e Ignacio Echeverría, dous "mozos desta terra" que se "converteron en símbolos da forza da razón que loita contra a razón da forza".
Sobre esta cuestión, Núñez Feijóo lamentou que Europa sexa "obxectivo dunha das peores manifestacións do odio: o terrorismo", que se "enmascara de forma falaz en ideas relixiosas ou en teses nacionalistas" cando "a súa única base é o odio ao diálogo". Neste punto, indicou que Europa é a día de hoxe "non só unha esperanza para os europeos, senón tamén para moitos habitantes do mundo que necesitan unha utopía real onde depositar os seus soños". "A ese soño aspiran refuxiados que foxen de diferentes infernos terreais e que teñen que ser tratados con xenerosidade", dixo Feijóo. 

Te puede interesar