JOSÉ GONZÁLEZ VÁZQUEZ Conselleiro de Medio Rural

"Faremos proxectos piloto para amosar que no rural galego se pode vivir moi ben"

O conselleiro xesticula nun momento da entrevista.
photo_camera O conselleiro xesticula nun momento da entrevista.

n n n José González (Ourense, 1970) leva máis de dous meses coma conselleiro de Medio Rural.

Un cargo que asumiu de xeito entusiasta. "Isto apaixóame", di este inspector de Facenda con fortes vencellos ao Ribeiro -criouse entre cepas e os seus irmáns xestionan a adega Casal de Armán- e que se define coma "tremendamente práctico". Enrolouse na política, no barco de Feijóo, nas autonómicas de 2016, e agora, dous anos despois, tócalle repensar as liñas de actuación do goberno autonómico para un sector chave para Galicia e que os expertos sitúan nun momento de inflexión. Despois de que o presidente da Xunta definira esta lexislatura coma a do rural –mesmo fío condutor escollido por Manuel Baltar para o seu hipotético mandato 19-23–, González aplaude esa visión a medio-longo prazo e lanza unha meta: "Que ninguén quede sen montar un negocio no rural galego por non ter base territorial". Os atrancos son múltiples pero con obvios eixos comúns: vacío do rural -300.000 hectáreas de terra útil menos en tres décadas pola desagrarización-e un réxime de propiedade diabólico. "Galicia é un puzle de 11 millóns de parcelas de rústica, Ourense ten 3.700.000, tantas coma Andalucía e case Extremadura xuntas", analiza o conselleiro, que avanza liñas de traballo: "Para loitar contra ese brutal abandono de terras é vital a mobilización.Estamos preparando unha lei de fomento da mobilidade de terra produtiva. Hai que buscar instrumentos que permitan mobilizar a terra para que a traballe quen poida e queira". 
Como se consegue cambiar a mentalidade minifundista e que o entenda, por exemplo, a miña avóa no Ribeiro?
A xente maior case que está pedindo que se faga algo nas terras para ver como se estaba antes. Que vaian pola estrada entre Ribadavia e Leiro e, mirando a esquerda a dereita, vexan terreo traballado, viñedo, horta, frutais, pavías en Beade. Isto é o que pretendemos. 

Mobilizar é clave. O Foro Económico Galego, do que é membro, sinalaba en 2017 a necesidade de priorizar inversión respecto a dereitos de propiedade. 
Si, con tranquilidade. A mobilización non conlevará a expropiación. 

Pero é que de moitas terras nin sequera se coñece o dono. 
Pasa no tema da limpeza das franxas. Arredor dos núcleos de poboación pode chegar a un 60% as que teñen dono descoñecido. Como podemos limpar se non podemos entrar? Hai moito traballo. 

Semella clave o Banco de Terras, ideado por Suárez Canal e gardado nun caixón co cambio de goberno ata que o recuperou a súa antecesora. 
É unha das ferramentas que temos para a mobilización, neste caso de arrendamento. Pero imos máis alá. Os polígonos agroforestais, coa filosofía de ordear territorio e sempre atendendo á demanda de empresarios. Tamén prantexamos crear unha axencia pública que merque a terra para despois vendela. 

Sindicatos e empresas piden axilizar trámites. 
Témolo moi claro: o que se poida facer nun día que non sexa nun mes.Traballamos con profundidade. Galicia ten capacidade para ter unha producción agroalimentaria de máximo nivel, de máxima calidade. E a base é a rendibilidade, e que chegue a todos os elos da cadea.

Como agardan conseguir isto? 
Queremos recuperar o que tiñan os nosos avós, e o que foi unha economía de subsistencia voltalo un  proxecto de futuro, con rendibilidade. Cando fagamos as mobilizacións non pode ser para dar a un rapaz 2.000 metros cuadrados. 

Moitos rapaces nin se prantexan o rural coma saída. 
Durante moitos anos escoitei os país e avós dicir: “Estudia ou senon vas ir as viñas”. Temos que acabar con esa mentalidade e transmitir á xuventude o orgullo de ser do rural, de estar no rural e de vivir do rural. Convencer á xente que nas viñas, nas explotación gandeiras dos pais podes ter rendiblidade. Non podes pretender subvencionar a xente para que viva no rural, aí perdes a batalla. O que vai pasar é que se hai cartos, a xente vivirá no rural. 

Ao igual que pasa coa FP, aquí apreciáse unha descoordinación entre mercado, demanda e formación. Estudan liñas comúns con Educación?
A Axencia Galega de Calidade Alimentaria recolle formación no agrogandeiro, e estamos coordinándose con Educación e Traballo.

Viviu Galicia de costas ao rural?
Non é normal que sendo unha terra tan rica esté abandoada. O problema vén da estrutura da propiedade. Non é que non se queran facer cousas, e que é complicado. Necesitamos instrumentos. 
Instrumentos, e tamén mans. A sangría demográfica está aí.  
Temos que traballar para que a xente do rural teña servizos dun nivel similar ao que pode haber nas cidades. E logo temos que conseguir que haxa rendemento para que se quede, ou volten das cidades.  E así conseguirase que a xente queira estar no rural, e como consecuencia atacar o despoboamente. 

Como se reforzarán elementos tractores coma o viño, a leite...
A nosa acción abarca a todos os produtos galegos: viño, leite, castaña, mel, queixos… apostar por defender a nosa producción, e dentro, as  DO e as ILPs. Queremos trasladar ao consumidor que o que come de Galicia é produto de máxima calidade, co obxectivo  de que pague máis, e ese valor engadido chegue ata o productor. É  a clave para recuperar con forza o rural galego. 

Como fructificará esta filosofía?
Temos que traballar con proxectos pilotos,e demostrarlle a cidadanía galega, e aos xóvenes, que no rural se pode vivir máis que dignamente. Antes de que acabe a lexislatura veránse estos proxectos.

Como serán?
No ámbito da mobilización, unha vez que se aprobe a nova lei, no primeiro semestre de 2019, farase proxectos pilotos de mobilidade de terras, implicando ao sector agrogandeiro para amosar ese rural de futuro que temos na cabeza e que queremos trasladar á terra.

Ourense é un laboratorio perfecto para estos experimentos.
Ourense vai ser parte importante para o futuro do rural. n

Te puede interesar