MIRI BARREIRA Comisionada do Goberno fronte ó reto demográfico

"Facilitar que se poida vivir no rural con dignidade será bo para as cidades"

Miri Barreira, no seu despacho do Comisionado fronte ó reto demográfico.
photo_camera Miri Barreira, no seu despacho do Comisionado fronte ó reto demográfico.

 O futuro demográfico de España está en mans dunha ourensá dende hai algo máis dun ano, tempo no que Miri Barreira percorreu a península dun lado para outro para artellar unha estratexia que permita facer fronte a unha realidade preocupante e perigosa que coñece moi ben pola súa terra: somos menos e cada vez máis maiores.

Está ó mando do reto demográfico, pero vendo as estatísticas, case que parece unha quimera.
É o produto dunha evolución que estamos a vivir dende hai varias décadas, estamos falando agora da baixada de natalidade, do avellentamento da poboación, pero é unha circunstancia que se produce dende hai moito tempo. Xa desde os oitenta cae a poboación. Por iso temos esa descompensación, vivímola agora pero xa vén de hai tempo. Tamén é certo que non é exclusivo de Galicia nin de España, tamén se dá na Unión Europea e outros lugares.

Pero parece que nunca se tivo en conta. Que se fixo durante o ano que leva á fronte do órgano?
O principal logro foi colocar este problema, que sempre parecía o mañá que estaba por vir, no centro da axenda política. Nalgún momento tiñamos que facer unha reflexión consciente sobre o futuro que encaramos como sociedade, a sostibilidade dos servizos públicos e  o desenvolvemento equilibrado do territorio. Estamos tomando medidas para paliar esta tendencia, que sabendo que é de longo percorrido, hai que afrontala xa.

Está a dar resultado o que están facendo?
Non se pode pensar nestas cuestións en resultados a curto prazo, falamos dunha evolución. Non podemos esperar cambios dun ano para outro, certo é que se nos fixamos, por exemplo, nas cifras do padrón, apuntan xa un pequeno crecemento pola emigración.

Chega a soñar coas estatísticas? 
Si, pero é a nosa tarefa, atender ós datos, ver os cambios de tendencia que se poidan percibir, pero tamén ser moi conscientes de que hai que pensar a longo prazo. Neste reto demográfico gústame pensar que é un avance para a sociedade, que todo o que fagamos será bo para as familias, maiores, os que viven no rural ou lles apetece cambiar de vida. Queremos asentar beneficios sociais, é unha tarefa complexa, pero tómase con ánimo.

É difícil cambiar esa idea de que a aldea só é un bo lugar para retirarse?
Exacto, hai que loitar contra ese estigma de que aquel que volve a unha aldea é alguén que fracasou na vida. Por que non velo como opción vital distinta? O medio rural ten as súas propias características, ten outras virtudes, temos que ser capaces de facilitar que se poida vivir con dignidade. Será bo tamén para as cidades, para evitar a tendencia á concentración urbana. Por que non traballar por un desenvolvemento máis equilibrado, onde calquera poida vivir onde desexa? É unha cuestión moi vinculada á confianza.

Mantivo reunións de todo tipo. Están concienciadas todas as administracións?
Si, é unha conciencia xeral. Tamén quero destacar, por exemplo, que en Galicia e Ourense xa tiñamos esta realidade e xa hai medidas. O importante é que o conxunto da sociedade o faga.

Afecta a este tema a inestabilidade política?
Debe ser allea á política, porque falamos de traballar pola sociedade que queremos construír dunha forma positiva, en beneficio para as familias para que os xóvenes poidan emanciparse, formar unha familia, que os emprendedores poidan estar en calquera zona. Tamén queremos vincular ás institucións europeas, temos que percibir esta loita como allea á política e á ideoloxía, é unha obriga como país.

Involucrar á UE parece que se está a complicar. Preocúpalle? 
Estase negociando o marco financiero plurianual, temos a vocación de defender a implicación de Europa tanto nas políticas como nos orzamentos, pero hai que contar co proceso de negociación dos estados membros.

É importante que se aproben os orzamentos do Estado para o seu traballo?
Son importantes, porque conteñen medidas concretas pechadas para o reto demográfico por primeira vez. Inclúense axudas fiscais especiais para favorecer a natalidade, que cheques sexan máis altos para familias numerosas ou, por outro lado, tamén favorecer a conciliación, que é fundamental, por iso haberá un novo cheque gardería.

Pero está demostrado que un simple cheque-bebé non é suficiente. 
O que hai que xerar son condicións que permitan ás familias criar ós seus fillos, que poidan cumprir os obxectivos ós que queren chegar. A natalidade está en 1,3 fillos por muller e os estudos din que polo menos se queren dous. Hai que crear as condicións para que así sexa e traballamos tamén cos axentes sociais para lograr esa igualdade no ámbito laboral. n

Te puede interesar