Galicia

As empresas comprométense co galego, pero piden incentivos

Aspecto que ofrecía o acto organizado polo Parlamento, a Xunta e o Foro Enrique Peinador.
photo_camera Aspecto que ofrecía o acto organizado polo Parlamento, a Xunta e o Foro Enrique Peinador.

Ligan a língua autonómica coa "competitividade" e un "valor diferencial" ante a sociedade mundial

n n n Un centenar de empresarios galegos, agrupados no Foro Enrique Peinador, reivindicou onte que a Xunta inclúa nos seus orzamentos, na partida para financiamento de proxectos industriais, incentivos inherentes ao respecto á lingua galega e recoñecemento dos dereitos lingüísticos dos traballadores e os consumidores. O Parlamento galego acolleu hoxe a celebración do Día da Galeguidade Empresarial, organizado pola Cámara, a Xunta e o Foro Enrique Peinador, no que quixeron, ademais, conmemorar o décimo aniversario da aprobación do Plan de Normalización Lingüística.
Xerardo García, da empresa Intelsis, foi o encargado de ler a declaración apoiada por un centenar de empresarios na que, para alén de reclamaren incentivos para o galego, solicitan que as universidades colaboren con programas formativos que capaciten e sensibilicen os futuros xestores empresariais na galeguización do tecido económico. "O galego axuda a vender e a denominación de orixe e calidade que imprime o uso do galego demostrou, dez anos despois da aprobación do Plan, a eficacia e expansión da lingua nunha economía que debe crecer e internacionalizarse levando con ela a noticia dunha lingua secular, auténtica, perfectamente instalada para gañar un futuro próspero", sinala a declaración subscrita polos empresarios.

INTERVIÑENTES
Nos seus discursos, as diferentes personalidades que interviñeron avogaron por continuar percorrendo o camiño trazado coa aprobación do plan e levar a todos os ámbitos a normalización do idioma galego, tamén no mundo empresarial e económico, xa que, como sinala a declaración "facer negocios en lingua galega é posible, non hai un só indicador estatístico que desaconselle o seu uso".
O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, considerou que houbo moitos avances na normalización do galego mais preguntouse "se son suficientes", xa que "basta con ser sociolingüista de autobús" para saber a situación do idioma.
O presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González, destacou o papel deste grupo por "restablecer o diálogo entre lingua e economía" e por ir conseguindo que moitos empresarios se vaian involucrando na normalización da lingua. En calquera caso, demandou o apoio da Xunta e sinalou que as "preocupacións" deste foro de empresarios "son as mesmas" que as recollidas no plan aprobado hai xa dez anos.
O empresario José Turnes, que falou en nome dos seus compañeiros, insistiu en que aínda que se avanzou moito, "falta moito por andar" no uso normal e cotián do galego e asegurou que "aínda que perde implantación social, nunca estivo tan ben". Afirmou que ten a sensación de que "algún gobernante non fai todo o que pode" e reclamou o apoio da Xunta, "non esmolas", porque o galego é "unha oportunidade para competir no mundo globalizado".
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, cualificou de "momento histórico" a aprobación do Plan de Normalización por unanimidade no Parlamento e reclamou unha intervención na lingua "multidisciplinar".
Durante o acto, a cantante Uxía, acompañada por Santiago Cribeiro e Sergio Tannus, interpretou dúas pezas baseadas en textos de Manuel María e de Uxío Novoneyra e finalmente, para pechar a efeméride, o himno galego. n 

Te puede interesar