Xoaquín Fernández Leiceaga Candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta de Galicia

"Do partido non hai demasiado que contar, está todo á vista"

Xoaquín Fernández Leiceaga aspira a devolver ao PSdeG á Xunta de Galicia.
photo_camera Xoaquín Fernández Leiceaga aspira a devolver ao PSdeG á Xunta de Galicia.

Dende que Xoaquín Fernández Leicega gañou o dereito en primarias a ser o candidato dos socialistas galegos á Xunta de Galicia fronte a José Luis Méndez Romeu non tivo un momento de acougo.

Malia aos recentes atrancos no grupo parlamentario, este doutor en Economía e profesor titular de Economía Aplicada na USC di que lle seguen saíndo as contas para que haxa un cambio de goberno.

Cando o entrevistei como candidato ás primarias do PSdeG díxome que vía opcións para recuperar a Xunta. Segue pensando o mesmo?
Si. Eu sigo vendo as mesas opcións, nada cambiou decisivamente. En todo caso, o cambio que houbo foi a favor xa que os resultados das xerais permitíronos ser segunda forza en Galicia e creo que facilita que haxa un cambio na Xunta.

Dende que gañou as primarias tivo moitos atrancos. Nalgún momento arrepentiuse de dar o paso?
Unha vez que tomas unha decisión deste tipo non hai tempo para arrepentirse, senón para facer as cousas que hai que facer para gañar as eleccións. Xa se sabía de entrada que unha tarefa deste tipo ten dificultades. 

Que é o que máis lle sorprendeu ou decepcionou nestes meses?
Quizais o que máis me sorprendeu... Realmente o que máis me sorprendeu foi a falta de capacidade das Mareas para tecer unha oferta ata hoxe e o enredados que están nas cuestións de procedemento. Decepcionoume, seguramente porque o tiña un pouco lonxe, a actitude de Núñez Feijóo no Parlamento. Pensei que mudara nestes anos e segue nas mesmas, castigando á oposición en vez de explicar ben o que fai. 

Referíame ao seu partido.
(Rise) Deixoume a pregunta moi aberta. Do partido non hai demasiado que contar, está todo á vista. 

Entendeu a dimisión de Méndez Romeu como portavoz parlamentario. Non lle pediu que continuase no cargo?
Comprender comprendo todo, pero creo que era preferible que mantivera a portavocía. Non se derivaba das primarias que tivera que deixalo pero foi unha decisión persoal, persoal e política. 

Que pensa cando os deputados chamados díscolos din que non hai democracia interna e que a presidenta da xestora se excede nas súas competencias?
Supoño que o pregunta en relación co tema da elección de senador. É un tema que está moi claro estatutariamente, xa que é a Executiva do partido, neste caso sustituída pola xestora, quen toma a decisión. Foi así sempre ata onde eu teño recordo. 

A que atribúe logo ese interese por nomear a Méndez Romeu como senador autonómico en vez de Modesto Pose, elixido meses antes?
Pois non o sei, haberá que preguntarlle aos que o propoñen. A min o que me chama a atención e que en ningún momento houbo ningunha explicación sobre por que Modesto Pose non podía ser.

Sorpréndelle a riada de renuncias para ir nas listas de veteranos do partido e actuais deputados como Carmen Gallego, Sánchez Bugallo...?
Sorprendeume sobre todo a dimensión pública destas renuncias porque non é habitual no caso do Partido Socialista que isto suceda. 

É en certa maneira un alivio de cara a facer a renovación no PsdeG?
Un alivio non, en absoluto. Por que vai ser un alivio? Eu respecto as súas decisións e nada máis. 

Confía logo que na campaña electoral tiren do carro?
Confío en ser capaz de implicar no tempo que queda ata a campaña aos cargos do partido, a deputados, senadores, deputados autonómicos, alcaldes, concelleiros... A todos os cadros do partido e con eles ao conxunto da militancia. Nestas cousas sempre hai quen está máis implicado e menos, pero o importante é a implicación do conxunto. 

Que tal é a súa relación con Pilar Cancela?
Boa, sen ningún tipo de calificativo adicional. 

Séntese o candidato da xestora?
Eu son o candidato dos militantes que votaron en primarias. 

É unha situación incómoda, xa que vostede pode opinar pero non decidir a composición das listas?
Incómoda para min? Non, para min non é incómoda, en absoluto. Hai unhas normas e hai unha capacidade de influencia que eu tamén exerzo. 
Cando menos pódese dicir que é unha situación anómala.
E unha situación que non é extremadamente habitual pero cada vez o vai sendo máis na medida que existen primarias. Supoño que en Madrid, Ángel Gabilondo estaría nunha situación parecida. 

No Parlamento si se deu unha situación anómala cando o PSdeG votou a favor de debater a revisión do sistema de financiamento mentres o candidato postulárase nun estudo en contra do concerto.
Non é exactamente así. O Grupo Parlamentario aceptou a toma en consideración dunha proposta doutro grupo, non é que a súa posición fora favorable ao sistema de concerto. Esa é unha interpretación, digamos, moi extrema desa posición que xa aclaramos no seu momento. A posición do partido é clara e non variou en todos estes anos, xa non neste período parlamentario, senón ao longo de anos. Estamos a favor dun sistema de financiamento que sexa xusto coas necesidades de Galicia e seguimos niso, non estamos a favor dun sistema de concerto. Non hai nada que 'escarbar' porque non hai unha contradición. 

Cando se vai a celebrar o Congreso para elixir a un novo secretario xeral dos socialistas galegos?
Pois non teño nin idea, non sabería decirlle.
Pero cando cre que debería celebrarse?
Non teño unha opinión sobre iso, a verdade e que non estou nese tipo de temas. 

Vaise vostede a presentar?
De verdade que non estou niso. 

Cantos quilómetros leva recorridos por Galicia nestes últimos meses dende que é candidato á Xunta?
Calculo que dende que remataron as primarias aproximadamente fixen uns 10.000 quilómetros e nas primarias fixen uns 4.000 máis. 

Que percibe?
Percibo que hai unha boa acollida a nosa proposta en moitos sectores. Nos animan porque creo que hai unha necesidade amplamente compartida de que sexamos capaces de construír unha alternativa ás políticas dos últimos sete anos. 

"Non contemplo a posibilidade dun 'sorpasso' de en marea"

Que tal lle foi a reunión con Abel Caballero?
Pois foi unha reunión cordial na que falamos basicamente dos temas máis importantes para a cidade de Vigo. 

Dise que apalabraron que Abel Losada encabezase a candidatura por Pontevedra.
E que non falamos das listas como explicamos ao rematar. 

Vai haber tamén unha reunión cordial con José Blanco, Pachi Vázquez e outros referentes presentes e pasados do socialismo galego?
Creo que hai que diferenciar. Hai persoas que seguen na política activa e imos ter unha relación normal. Eu conto ir no mes de setembro a Bruxelas e atopareime cos eurodeputados socialistas, entre eles Pepe Blanco. E hai outras persoas que salvo azares pois non vou ter ocasión de atoparme. A persoa pola que me pregunta coincidín con ela en Ourense, tomamos un café e estivemos charlando amigablemente. 

Estaba tamén José Luis Méndez Romeu, o seu contrincante nas primarias.
Pois creo que si. 

Quen pagou a conta?
(Rise) Non me lembro. 

Preocúpalle que as Mareas non teñan candidato?
Non me preocupa especialmente porque como esas cousas teñen os seus prazos, sei que cando chegue a data van ter que resolvelo e resolverano. 

Que lle parecería que Xosé Manuel Beiras encabezase a lista das confluencias?
É unha decisión que vou respectar. Non debo meterme nesas cousas. 

E máis fácil chegar con vostede a un acordo no caso de que as forzas agora na oposición lles dea o número de deputados para tombar ao PP?
Voulle contestar dun xeito un pouco diferente. Sempre que houbo a posibilidade dunha alternativa a un goberno conservador en Galicia, estando quen estivera de candidato no Partido Socialista, esa posibilidade concretouse. 

Teme o ‘sorpasso' de En Marea ou o resultado das últimas eleccións xerais dalle folgos para pensar...
(Interrompe) Eu non contemplo esa posibilidade. Creo que nós imos quedar claramente por diante.

Aínda que non lle guste xogar a futuribles, no caso de que ocorra o ‘sorpasso', que farán os socialistas galegos?
Primeiro, non contemplo esa posibilidade e, segundo, aínda non teñen candidato como vostede comentou antes. 

O BNG ten candidata. Que futuro lle ve como ex militante?
Claramente ten un problema de conexión cos seus antigos votantes pero creo que vai estar presente no Parlamento autonómico. 

Que lle dixo Pedro Sánchez na reunión que mantiveron este  venres en Madrid?
Doume ánimos, ofreceu a súa colaboración , mostrouse disposto a acudir a Galicia se o necesitamos e estivo de acordo comigo en que é necesario impulsar a axenda galega durante os próximos meses tanto no Congreso como no Senado. 

É vostede partidario de que o PSOE se absteña para facilitar a presidencia de Mariano Rajoy como reclamaron publicamente seis ex ministros socialistas?
Hai unha decisión da Executiva Federal que eu comparto. 

Por que cre que Núñez Feijóo aínda non sinalou a data das eleccións galegas?
Non o sei, supoño que pola situación da política española e tamén porque é unha forma de non favorecer á oposición.

É dos que pensa que o que suceda en Madrid coa formación do Goberno pode ter relevancia nas eleccións galegas?
Unha decisión de ese calado na política española sempre ten consecuencias porque formamos parte desa realidade política e tamén porque crea un marco onde se van a disputar as eleccións autonómicas, un marco de relación entre as distintas forzas políticas. 

Por que non quere falar das listas?
Porque creo que non me corresponde. Son os militantes os que teñen que facer as propostas, está así pautado, e logo deben intervir os distintos órganos tanto nacionais como federais do partido. Eu son respectuoso co proceso como non podería ser doutra forma. 

Haberá renovación nas listas pola provincia de Ourense ou pacto como o de Abel Caballero en Pontevedra?
Pois ten vostede que preguntarlle ao Partido Socialista en Ourense. 

Creo que esta vai ser a primeira vez que o PSdeG chegue ao Día de Galicia sen secretario xeral. Manterán a ofrenda a Castelao en Rianxo?
Si, está previsto facela as 12 da mañá como sempre se ten feito. Tamén está previsto que interveña a secretaria xeral de Rianxo; Pilar Cancela, como presidenta da xestora, e eu mesmo. 

Que corpo lle queda cando nunha noticia nos medios de comunicación o seu nome aparece preto da palabra purga?
Son os periodistas os que fan os titulares e debo estar acostumado e respectalos todos. 

Sabe que foi exquisitamente respectuoso nesta entrevista?
(Rise) Será que hoxe colleume en baixa forma. 

Te puede interesar