día de galicia

Chamadas ao diálogo e rechazo do terrorismo na Ofrenda ao Apóstolo

O botafumeiro voa polo interior da Catedral de Santiago durante a cerimonia da Ofrenda Nacional ao Apóstolo.
photo_camera O botafumeiro voa polo interior da Catedral de Santiago durante a cerimonia da Ofrenda Nacional ao Apóstolo.

O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, exerceu como delegado rexio nos actos oficiais polo Día de Galicia

A situación política en España, coa necesidade dunha "moralidade incualificable" e de que os gobernantes "entren en diálogo" para a conformación dun Goberno estable e solucionar as súas diferenzas; e a loita pola "erradicación" do terrorismo e as súas causas de raíz, foron as polas sobre as que xirou onte a Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago. Como é habitual, a actualidade colouse novamente nos discursos tanto do delegado rexio e oferente, Miguel Ángel Santalices, coma do arcebispo de Santiago, Julián Barrio, que coincidiron en pedir o apoio do Apóstolo para as vítimas do terrorismo e as guerras, para os afectados pola crise e para os gobernantes, no seu camiño para ofrecer unha política estable e de "entendemento".
As celebración do Día de Galicia en Compostela comezou ás 10,00 horas, co pase de revista ás tropas por parte do delegado rexio, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, ao que seguiu a tradicional procesión de autoridades civís dende o Pazo de Raxoi ata a Catedral. Ao acto, que tivo lugar nunha soleada Praza do Obradoiro moi concorrida de turistas, compostelanos e curiosos; asistiron o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, varios conselleiros, o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas, e representantes municipais do PP e PSOE, así como autoridades culturais, civís e militares. Á saída, un grupo de manifestantes pediu, o paso da comitiva, apoio para a sanidade pública e o "rescate" do Álvaro Cunqueiro de Vigo.
As dificultades políticas que atravesou e atravesa España coláronse na Ofrenda ao Apóstolo de Miguel Santalices que, ademais, pediu ao Santo por numerosas problemáticas e colectivos. Durante a súa intervención, Santalices pediu ao Apóstolo "acerto para os que lexislan e para os que asumen a responsabilidade de gobernar", así como para os que "asuman esa responsabilidade nun futuro inmediato".
O presidente da Cámara "recoñeceu os erros cometidos" e instou aos políticos a actuar "dende unha honradez e moralidade incualificables". Máis alá, reivindicou a "política con maiúsculas" e "rexeitou con contundencia calquera comportamento indebido", ao tempo que pediu unha acción política que "procure o entendemento e se afaste de calquera tentación excluínte ou totalitaria".
Santalices recordou aos que "padecen inxustizas, persecución e tiranías limitadoras," como acontece cos que son "vítimas de culturas e réximes políticos inadecuados, incapaces de asumir, con intelixencia e realismo, os mellores logros do progreso da humanidade". No seu discurso como oferente, tiveron cabida os maiores, as mulleres vítimas de violencia de xénero, as persoas que "perderon o seu traballo e a súa vivenda castigados por unha situación económica desvastadora", os mozos que buscan emprego e os emigrantes.
Así mesmo, tivo palabras de recordo para as vítimas da "traxedia" de Angrois e recoñeceu o labor de profesionais sanitarios, docentes e restantes traballadores de servizos públicos, "sempre merecedores de respecto", así como aos integrantes das Forzas de Seguridade do Estado. Para concluír, Santalices fixo mención da celebración do centenario das Irmandades da Fala e reivindicou a cultura e a lingua galegas coma un "tesouro"".

reivindicación da fe
Tamén o arcebispo de Santiago fixo unha referencia durante a homilía desta celebración á situación política en España e reclamou que o Apóstolo "interceda" polos gobernantes para que "saiban entrar nun auténtico diálogo". Durante a súa réplica á Ofrenda, monseñor Barrio mencionou tamén a "crise humanitaria, moral e relixiosa de Europa" para reivindicar a fe como arma para "erradicar as causas das que emerxen guerras, odio, terrorismo e penurias cotiás".
Para concluír, o arcebispo tivo palabras para a "sombra de dor" que tingue esta celebración, co terceiro aniversario do accidente ferroviario de Angrois. 

Te puede interesar